A profesora de Economía da Universidade da Habana, doutora Yailenis Mulet Concepción, explicou en senllas conferencias en Vigo e Compostela as reformas estruturais do modelo estatal cubano, dirixidas a manter e ampliar as conquistas da Revolución.
Os cambios na economía de Cuba son continuidade das reformas dos 90, nun contexto nacional e internacional diferente e están encamiñadas ao equilibrio orzamentario sen prexuizo do modelo público da economía. Receben o nome de “nova reforma” ou “actualización” e ten como principais obxectivos unha nova apertura ao traballo por conta propia, a expansións das cooperativas, maior autonomía da empresa estatal, a ampliación e modificación do sistema tributario, cambios no sistema público de protección do paro, a unificación de moedas, a flexibilización dos mercados de oferta e demanda agrícolas, a liberalización de certos intercambios no mercado interno e un aumento da autonomía dos gobernos provinciais e locais.
Un marco máis flexibel para pequenas empresas en réxime privado, xa permite o contrato privado de traballo, a venda de bens e servizos a entidades do Estado, o acceso ao crédito bancario e o aluger de locais e activos públicos ou privados. A política fiscal tera que ter a capacidade de captar mediante a fiscalidade unha parte dos ingresos creados polo proceso de reforma.
Unha parte das pequenas e medianas empresas estatais, nos servizos e na pequena industria, transformaránse en cooperativas e ao tempo aumentará a autonomia das cooperativas agrícolas en funcionamento. Dende fins de 2011, hoteis e restaurantes do Estado poden comprar diretamente ás cooperativas do campo.
O sistema empresarial público seguirá sendo preponderante, mais algúns sectores xa acadaron autonomía orzamentaria a medio de esquemas pechados de finanzamento en divisas. Organizacións de dirección empresarial recibirán en transferencia a parte principal das funcións empresariais dos ministerios, o quye facilitará fusións e recomposicións de carteiras relacionadas coas empresas.
Espérase un aumento da proporción de ingresos orzamentarios procedentes dos impostos. Xa rexe un novo sistema tributario para os pequenos empresarios privados e neste ano vai ser sancionada unha nova Lei Tributaria.
Planifícase a desaparición gradual da libreta de racionamento, da que xa se retiraron algúns produtos agora a venda en establecementos estatais con prezos semellantes os do mercados informal.
Desapareceu o subsidio de paro indefinido. Canto a moeda, o obxectivo é a restauración do Peso como única referencia cambiaria do Estado.
No mercado interno xa está en funcionamento a venda de casas e de automóbeis de segunda man para a cidadanía residente.
Governos provinciais e concellos van manexar recursos de forma descentralizada e terán dereito a percibiren unha parte dos impostos asi comounha maior autonomía para se relacionaren coas empresas locais e a agricultura.