DEFENDER A REVOLUCIÓN CUBANA É DEFENDER OS DEREITOS HUMANOS

Manifesto publicado pola Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” con ocasión da marcha en solidariedade con Cuba convocada en Compostela o 18.04.10

Unha nova campaña mediática de condena a Cuba estase desenvolvendo tras a morte en folga de fame do preso Orlando Zapata. Con todo, as voces que se alzan contra Cuba abstéñense de denunciar os innumerables casos de gravísimas violacións dos dereitos humanos cometidas polos estados europeos, tanto historicamente como na actualidade.

O 16 de outubro de 1961, a policía francesa matou centenares de manifestantes alxerianos en París e a prensa foi obrigada a non informar do masacre. En 1981, dez presos irlandeses morreron en folga de fame en prisións británicas, baixo o goberno de Margaret Thacher. Anos despois, en 1999, a ex-primeira ministra rendíalle unha homenaxe a Augusto Pinochet, procesado por xenocidio e acusado da detención de 300.000 persoas e da morte ou desaparición doutras 5.000. En datas recentes, a policía británica deu morte no metro de Londres a Jean Charles Menezes, un inmigrante brasileiro sen ningunha relación con feitos delitivos.

DEFENDER A REVOLUCIÓN CUBANA É DEFENDER OS DEREITOS HUMANOSOs masacres da pobación civil e a práctica de torturas por parte das tropas europeas e norteamericanas en Afganistán e Irak son feitos cotiáns. O proprio Parlamento Europeo confirmou, ademais, o traslado clandestino de presos baixo custodia da CIA por diversos aeroportos da UE e a existencia de cárceres secretos en territorio de soberanía europea, como a illa británica de Diego García.

Se a morte dunha persoa en folga de fame, lamentada publicamente polo Goberno Cubano, que fixo todo o posible por evitala, implica a condena de Cuba, ¿cantas condenas merecen as atrocidades cometidas polos estados europeos?

Esas voces que condenan a Cuba permanecen indiferentes ante a longa sucesión de actos de barbarie cometidos polos EE UU, un país que lanzou bombas atómicas, que mantivo a segregación racial ata os anos 60 e que levou a cabo de máis de medio centenar de guerras fóra das súas fronteiras. A CIA estivo, ademais, detrás de golpes de estado e do asasinato de líderes políticos estranxeiros, como constatou, en 1975, unha investigación do propio Senado norteamericano, dirixida por Frank Church, que confirmou que a Axencia participara en 8 intentos de magnicidio de F. Castro.

A crueldade do sistema xudicial estadounidense foi demostrada nun estudo realizado por unha Universidade de Florida, que concluíu que 5 de cada 100 norteamericanos executados desde 1976 eran inocentes. EE UU practica a tortura e así o denunciou o ex-presidente J. Carter. Segundo a xeneral Janis Karpinski, na prisión de Abub Ghraíb, en Irak, o Exército americano tiña encarcerados a nenos de 8 anos. Pero EE UU non só comete atrocidades, senón que ofrece refuxio e impunidade a indivíduos como Luis Posada Carriles e Orlando Bosh, planificadores do atentado contra un avión cubano en 1976 que ocasionou 73 mortos.

Ningún informe de Amnistía Internacional atribúe a Cuba casos de tortura física, de asasinatos por razóns políticas ou de existencia de desaparecidos, feitos tan comúns en moitos países. Nos 50 anos de Revolución, ningún xornal publicou ningunha noticia de manifestacións reprimidas a golpes pola forza pública ou de levantamentos populares.

Cuba foi o primeiro territorio latinoamericano declarado libre de analfabetismo e conta cuns indicadores educativos comparables a un país desenvolto. Ten a taxa de mortalidade infantil máis baixa do Continente, despois de Canadá, e unha das esperanzas de vida máis altas de Latinoamérica (78 anos). Dispón dun sistema de protección da infancia que fai posible que non existan nenos abandonados, traballo infantil ou asasinatos de nenos da rúa, algo habitual en países como Brasil ou Colombia. Segundo UNICEF, desde 2006, Cuba é o único país de Latinoamérica libre de desnutrición infantil severa.

A pesar das grandes carencias materiais da poboación, causadas fundamentalmente polo bloqueo norteamericano, o seu dispositivo de protección da poboación en caso de catástrofes naturais fixo posible que no paso dos furacáns Ike e Gustav em 2008 só houbese 8 vítimas mortais, fronte ás máis de 1.200 do furacán Katrina en EE UU.

12.000 mozos latinoamericanos estudan Medicina en Cuba e, a través da denominada Operación Milagre, máis dun millón de pacientes de 28 países foron operados gratuitamente da súa cegueira por oftalmólogos cubanos.

De conformidade co artigo 21 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que establece que “toda persoa ten dereito a participar no goberno do seu país e a acceder ás funcións públicas deste”, a Lei Electoral Cubana establece, no artigo 5, que todo cubano maior de 16 anos ten dereito a participar nas eleccións, e no artigo 81, que todos os electores teñen dereito a propoñer candidatos.

Toda esta campaña difamatoria ten como finalidade impedir que se restableza a normalidade nas relacións diplomáticas entre Cuba e a Unión Europea, normalidade alterada en 2003 cando a a UE impuxo sancións diplomáticas á Illa.

Por todo iso, defender hoxe a Cuba é defender o dereito dos pobos a decidir libremente o seu sistema económico e social sen inxerencias e é defender todos os dereitos para todas as persoas.

CONTRA A POSICIÓN COMUN EUROPEA, CONTRA O BLOQUEO
POLA LIBERDADE DOS CINCO, VIVA CUBA SOCIALISTA!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *