Estados Unidos aplica un inhumano castigo aos cinco presos cubanos mentres defende ao terrorista ao seu servizo Posada Carriles. Máis de 300 delegados de 50 países, reunidos en Holguín para o VI Coloquio Internacional pola Liberdade dos Cinco e contra o Terrorismo, acordaron salientar a natureza eminentemente política da condena norteamericana contra os cubanos.
Graciela Ramírez, presidenta do Comité Internacional pola Liberación dos Cinco Heroes cubanos, foi a encargada de dar leitura ás conclusións. Recordou que mentres os Cinco gardan inxusta prisión, connotados terroristas internacionais son homenaxeados en universidades de Miami, como foi o caso de Orlando Bosch Ávila; o criminal Luis Posada Carriles só será xulgado por mentir ás autoridades migratorias, e non por ser terrorista e responsabel da morte de miles de seres inocentes.
Recentes declaracións do terrorista internacional Francisco Chávez Abarca, man dereita de Luis Posada Carriles, detido en Venezuela o pasado primeiro de xullo e extraditado a Cuba, revelan os plans contra a illa, Venezuela e outros países da rexión, cociñados con total impunidade dende EE.UU. A falta de resposta á solicitude de extradición do criminal Luis Posada Carriles a Venezuela, cursada hai máis de cinco anos polo goberno bolivariano, e a negativa de extraditar a Arxentina a Roberto Guillermo Bravo, autor do asasinato de 16 presos políticos, móstranos a real dimensión do goberno de EE.UU. que carece de moral para falar de dereitos humanos e de loita contra o terrorismo.
A Asemblea do VI Coloquio Internacional pola Liberdade dos Cinco e contra o Terrorismo acordou ampliar o traballo con parlamentarios, sindicalistas, relixiosos, personalidades e movementos sociais asi como levalo aos seus homólogos nos EE.UU.
Propón igualmente solicitar pronunciamentos do Parlamento Europeo, Parlacen e Parlatino e empregar as diferentes resolucións, mocións e outros documentos que xa foron aprobados polos parlamentos con anterioridade.
Asemade recomenda facer uso do documento recentemente emitido por “Amnistía Internacional” sobre os Cinco en todas as oportunidades propicias e especialmente envialo a membros do goberno da Administración estadounidense e ao Grupo de Traballo sobre Detencións Arbitrarias de Nacións Unidas.
Continuará a mobilización e a convocatoria de xornadas internacionais de solidariedade cos Cinco do 12 de setembro (aniversario dos seus arrestos) ao oito de outubro, destacando o seis de outubro declarado por Cuba “Día das vítimas do terrorismo” e o oito de xuño aniversario da inxusta sentenza de culpabilidade dos Cinco.
Endebén procuraranse novas instancias de comunicación para a verdade chegar a todas e todos e ampliar a divulgación do caso dos Cinco nos máis vastos sectores sociales. Outro dos acordos é convocar en Washington unha conferencia internacional coa ppresenza de personalidades de EE.UU. e diferentes países que demanden o Presidente Obama facer uso das súas facultades e outorgar a liberdade aos Cinco; pór cabo ao bloqueo xenocida contra Cuba e respectar a vontade dos pobos do mundo.
A Asemblea esixe o outorgamento de visas para todos os familiares e en especial para Olga Salanueva e Adriana Pérez á Comisión Internacional polo Dereito a Visitas Familiares e continuar estimulando as iniciativas e accións dos comités.
Outros obxectivos son a demanda de liberdade para os Cinco, por parte de artistas, personalidades e líderes de opinión, a través das súas relacións con medios de prensa escritos, radiais, televisivos e medios alternativos mediante carteis, postais, cartas, chamadas telefónicas, impresos, filmacións, tanto a nivel local, nacional e internacional. Identificar un cantante coñecido que estea disposto a escribir unha canción sobre os Cinco e buscar cantantes de diferentes partes do mundo que a interpreten de consuno. Recomendase asemade organizar conferencias sobre o caso dos Cinco en universidades norteamericanas e noutras con xuristas recoñecidos.
Esíxese tamén o cesamento da impunidade, o desmantelamento das organizacións terroristas que campan en Miami asi como o xuízo e castigo aos asasinos. Reproducir o documental “Razóns de Cuba” que contén as declaracións do terrorista internacional Francisco Chávez Abarca, para denunciar as formas do terrorismo contra Cuba e os nosos pobos e utilizar a dixitalización da nova gráfica por os Cinco, para ampliar a súa reprodución nos diferentes países.
As voces de “Cese a inxustiza!” e “Liberade xa “! foron o colofón da Asemblea.