Máis de 2000 persoas manifestáronse na mañá de domingo 18 en Santiago en solidariedade con Cuba e en contra do bloqueo informativo.
Sindicatos, partidos políticos, asociacións de mocidade e centros sociais sumáronse á convocatoria lanzada pola Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, deron voces en defensa da razón e xustiza da Revolución e denunciaron a mentira sistemática coa que os medios do capital procuran difamar o exemplo cubano, tan altamente valorado por todos os povos do mundo.
A marcha recorreu o casco histórico de Santiago e finalizou cunha concentración na Praza do Toral. Na cabeceira figuraba unha faixa coa lenda: DEFENDER A REVOLUCIÓN CUBANA É DEFENDER OS DEREITOS HUMANOS. Durante o percorrido déronse voces de ” Fóra, ianquis, de América Latina!” “Cuba vai, Cuba Vencerá!”, “Cuba si, bloqueo non!” e no remate escoitáronse as consignas “Contra a posición común europea, contra o bloqueo” e “Pola liberdade dos cinco, Viva Cuba Socialista”
Membros da Diretiva da Francisco Villamil, deron lectura ó Manifesto unitario, no que se denuncia a nova campaña mediática de demonización de Cuba. O contraste entre estas hipócritas imputacións contra a Revolución e a impunidade na que os propios Estados ricos, constituidos en fiscais, cometen innumerabeis e gravísimas violacións dos dereitos humanos, é escandaloso.
No texto do Manifesto, recórdase tamén que ningún informe de Amnistía Internacional atribúe a Cuba casos de tortura física, de asasinatos por razóns políticas ou de existencia de desaparecidos, feitos tan comúns en moitos países. Nos 50 anos de Revolución, ningún xornal publicou ningunha noticia de manifestacións reprimidas a golpes pola forza pública ou de levantamentos populares.