Iroel Sánchez – Cubadebate
É moi duro o que estamos a pasar en Cuba. Procurar culpábeis no medio dos apuros é unha tentación que ben se comprende, mesmo que non adoite ser xusta. Non hai solucións sen chata, e nomeadamente cando se está a buscar solución no medio dunha guerra campal, con efectos económicos que fan que calquera erro multiplique as súas consecuencias.
A razón non quer forza nin a forza quer razón. Para quen sabemos como o noso pobo, guiado por Fidel, loitou e venceu nas máis arriscadas circunstancias, a escusa non ten lugar. A única opción posíbel, é contar a verdade a ese pobo invencíbel, como eu coido que se está a facer.
Porén, cando vexo como un cubano residente nesta illa pregunta en facha de fiscal cibernético por que non reparáramos as termoeléctricas no 2021, apálpome aínda vivo, tanto coma el, busco a taxa de letalidade por Covid aquí, e comprobo que é a metade da do resto dos países de América. Recordo que sen ingresos por turismo e remesas, con todas as fontes de divisas coartadas polo xenocida Trump e o seu continuador Biden, Cuba gastou o diñeiro que tiña e o que non tiña para facer que el, eu, e os nosos parentes e amigos, tivésemos o dobre de probabilidade de sobreviver á pandemia que calquera habitante doutra nación deste continente. E todo iso preservando empregos e salarios, o que xerou un déficit fiscal maior, que hai que resolver de urxencia, igual que compre atender atender os efectos nocivos dun ordenamento con erros de deseño, como hoxe se recoñece.
E quen son felices porque alguén proclama o que eles queren escoitar, negáronnos nese mesmo ano 2021 até o osíxeno e ofreceron vacinas cando xa estabamos vacinados coma o que máis, sen nos custar un centavo a ese alguén ou a min; a esa economía cercada que non puido reparar as termoeléctricas a tempo, si lle custou, aínda que iso sexa invisíbel.
Comparto lusco e fusco con el, como compartirei o destino das bombas cos opositores que coidan que os mísiles veñen con dirección, número de carné de identidade e un cartaz ben grande que dirá só para comunistas, se chega o dia no que, grazas a opinións como a súa, os da beira equivócanse e crennos divididos abondo para non poder defendernos.
Pero se iso non sucede, grazas a que Facebook non é Cuba, nin o pobo de Cuba é o que as pantallas din por conta do imperio, e todo este apuro pasa, como xa pasaron outros non menos graves, eu volverei compartir con el médicos e vacinas, aínda que non afectos nin respecto, porque a pobreza pasa: o que non pasa é a deshonra. Palabra de mestre.
Versión en Galego de Adela Roade para TSA.