AXENCIAS DE CUBA – TSA
No 20 aniversario de Fidel e Chávez fundaren o ALBA-TCP, “proceso emancipador que o tempo foi transformando en abrazo dos nosos pobos”, o Presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel significou este sábado no XXIV Cume da Alianza que “sempre é grato e emocionante estar nos sacros lugares cos amigos e irmáns do ALBA, celebrando un momento transcendente da historia común”. O plenario reuniu en Caracas, arredor de Nicolás Maduro Moros presidente de Venezuela e anfitrión do cume e de Jorge Arreaza, secretario executivo do ALBA-TCP; ao comandante Daniel Ortega Saavedra, presidente de Nicaragua, a Luis Arce Catacora, do Estado Plurinacional de Bolivia; ao primeiro ministro de San Vicente las Granadinas, Ralph Gonsalves; o de Dominica, Roosevelt Skerrit; e o de Antigua e Barbuda, Gaston Browne. a República de Honduras a alto nível e aos ministros de Relacións Exteriores de San Cristóbal e Neves, Denzil Douglas; de Granada, Lennox Andrews; ao presidente da Asemblea Parlamentaria de Santa Lucía, Claudius Francis; ao vicechanceler de Honduras, Gerardo Torres Zelaya e ao asesor do Presidente de Estado para Asuntos Internacionais e Enviado Especial do Estado de Palestina, Riad Maliki.
“Hoxe xúntanos de novo un Cume do ALBA-TCP, fito da batalla pola unidade da Nosa América, en defensa da xustiza social polo mundo mellor alcanzábel que todos arelamos. Nin unha so vez faltamos á cita, como non faltaremos xamais á sagrada causa da integración americana que tantos soños e proxectos teñen pendentes; un encontro que non deixa de emocionarnos”, apuntou o presidente cubano en Caracas.
Díaz-Canel transmitiu á delegación de Palestina a solidariedade de Cuba, “esa que cada día ofrecemos a centos de palestinos que estudan no noso país”. Lembrou as arelas de Fidel e Chávez no establecemento do ALBA e o compromiso de concretalas nos tempos actuais, non menos desafiantes: “O camiño non foi doado e foi a vontade de cada un de nós de ver avanzar ao ALBA-TCP o que permitiu consolidar o proceso de integración inclusivo que ten como marca a ´común divisa do benestar, o desenvolvemento e a prosperidade”.
Contou que as ameazas á seguridade e a estabilidade deran lugar a numerosos encontros da Alianza este ano para intercambiar sobre o complexo escenario internacional. No XV cume do ALBA-TCP, Raúl Castro acautelara contra un retroceso a escala rexional provocado pola crise e o sistema de relacións internacionais que revela hoxe os efectos dunha orde inxusta, desigual e excluínte, con discursos de odio e violencia e presenza de vellos e non superados mecanismos de dominación imperialista,
Aos intentos de golpe de Estado e asexo de figuras políticas de esquerda e progresistas, acompaña o terror e mentira da Doutrina Monroe e do Destino Manifesto resucitadas contra América Latina e o Caribe. Imperialismo e oligarquías renovan o perverso propósito de dividir aos nosos pobos e socavar o avance da integración latinoamericana e caribeña; desafían o Dereito Internacional e as máis elementais normas de convivencia a través da imposición ilegal, a arbitrariedade e a chantaxe.
Na orde internacional ten de prevalecer a solidariedade, a cooperación e o multi-lateralismo para os países do sur poderen tomar decisións en igualdade, contra o imperio da desigualdade e a guerra, como dixo Fidel nun histórico discurso nas Nacións Unidas. O degaro enfermizo do colonialismo, a posesión e control das vidas e das terras doutros, revelan un rampante fascismo que ameaza a paz e a seguridade; compre pechar a fenda hoxe evidente entre Norte e Sur e tratar con xustiza aos países en desenvolvemento, no proceso de toma de decisións e no acceso a fontes de finanzamento; preservar a libre determinación dos pobos e impedir a violencia dirixida contra a integridade territorial e a independencia política de calquera Estado. Ten plena vixencia a Proclama de América Latina e o Caribe como zona de paz na que centra o compromiso de desterrar para sempre da rexión o abuso, a ameaza e o uso da forza.
RESISTIR A HEXEMONIA IMPERIAL
O presidente fixo un chamado a preservar a integridade territorial de Siria e a unidade do seu pobo e dixo que a longa guerra imperialista contra dela formaba parte dun plan de remodelación de Oriente Medio ao servizo dos intereses dos EUA, Israel e aliados. Recusou a aplicación de medidas coercitivas unilaterais a países que resisten a hexemonía imperial e combaten a inxerencia nos asuntos internos dirixidos a estorbar as nacións na promoción do pleno goce dos dereitos humanos.
Diaz-Canel reclama a eliminación completa, inmediata e incondicional de todas as medidas coercitivas unilaterais, unha histórica demanda da comunidade internacional plasmada nas resolucións da ONU e en numerosas declaracións do MNOAL, o Grupo dos 77 e China e o Grupo de Amigos en Defensa da Carta das Nacións Unidas.
O Goberno dos EUA impón a Cuba desde hai 62 anos o sistema de medidas coercitivas unilaterais máis infame e prolongado que se ten aplicado xamais contra nación algunha: un acto deliberado de guerra económica dun imperio poderoso contra unha pequena nación comprometida ao desenvolvemento en xustiza; unha violación masiva, flagrante e sistemática dos dereitos humanos de todas as cubanas e cubanos, que está a recibir a condena por aclamación da comunidade internacional.
EUA escalou a partir de 2019 o bloqueo contra Cuba a unha dimensión extrema, moito máis cruel e inhumana, materializada en elevadísimos custes materiais e financeiros que inzan de malestar e problemas a vida diaria de Cuba, mentres a duración do bloqueo comporta un desgaste psicolóxico acumulado e maltrata de forma brutal a familia cubana. Ao tempo que executan esa política miserábel, os seus deseñadores e executores acusan cinicamente ao Goberno cubano de danar ao pobo coas carencias que o Goberno dos EUA provoca.
Nin unha hora máis pode prolongarse a inclusión arbitraria de Cuba na Lista de Países Patrocinadores do o Terrorismo, unha falacia que ten efecto asfixiante na economía. O presidente ten palabras de gratitude para os pobos e gobernos que alzaran a voz contra tal despropósito así como as mostras de solidariedade co pobo cubano tralo impacto dos recentes fenómenos naturais.
A actualidade política dos EUA non produce sorpresa a unha nación como Cuba que ten unha política de principios inspirada na Revolución. Diaz-Canel reafirmou a resolución de Cuba por defender o seu dereito soberano a construír un futuro propio, independente, socialista, libre de inxerencias e comprometido coa paz e a solidariedade.
Descasí, ratificou o presidente de Cuba a disposición ao diálogo serio e responsábel e a avanzaren cara a unha relación construtiva e civilizada en igualdade soberana, respecto mutuo e beneficio recíproco para ambos os pobos, á marxe das diferenzas entre os gobernos.
Reiterou o compromiso solidario cos países reunidos no Cume do ALBA-TCP que foran obxecto de conspiración contra os seus gobernos, en particular coa República Bolivariana deVenezuela, liderada por Nicolás Maduro e dixo que correspondía ao pobo de Bolívar e Chávez definir o seu futuro. Para a o Comandante Daniel Ortega Saavedra e o seu pobo, e para o Estado plurinacional de Bolivia, reservou tamén expresións de apoio e solidariedade na defensa da súa soberanía e recursos naturais. A histórica irmandade de Cuba e o Caribe, aposta por un Porto Rico libre e solidarízase con Haití, onde traballan brigadas médicas de Cuba.
Díaz Canel renova a firme demanda do Goberno de Cuba por que cese a invasión armada contra a terra de Palestina, con recursos bélicos dos EUA e condena os ataques perpetrados por Israel contra Líbano, Siria e Irán.
Na véspera de a Revolución Cubana cumprir 66 anos, asegura a invariábel disposición a enfrontar e vencer os maiores desafíos, seguindo a disposición aprendida na escola de Fidel, Raúl e a heroica Xeración do Centenario de José Martí. “Probas abondas dei o pobo de Cuba nestes 66 anos, de a resolución mambí non minguar en nada, e que, como dixo o xeneral Antonio Maceo “quen tente apoderarse de Cuba recollerá o pó do seu chan asolagado en sangue, se non perece na loita”. Non cederá Cuba como non o fará o ALBA-TCP. “Fagamos do noso esforzo e traballo colectivo, un ALBA máis forte e máis unida”.