Abel Prieto – REDH Cuba
Logo do machadazo do Imperio contra Venezuela, 3 de xaneiro, e do secuestro do presidente Maduro e da súa esposa e deputada Cilia Flores, unha onda de euforia anti-cubana percorreu as redes sociais. O rancor contra a nosa obra, contra os ideais que defendemos; as frustracións acumuladas por batistianos e post-batistianos; os máis antigos degaros de vinganza e outros recentes a primeira vista; todos eses compoñentes, máis o devezo oportunista de campar que mostran moitos nunha conxuntura histórica, mestúranse nun discurso abertamente fascista.
O coro de anexionistas reais e virtuais veu repetindo de Pascuas a flores que a Revolución Cubana ten os días contados, un triunfalismo que inzara coa infame Orde Executiva asinada por Trump 29 de xaneiro.
Trátase, segundo o lúcido e fraterno Manolo Dos Santos, de “unha estratexia deliberada de asfixia económica total e un castigo colectivo que viola o dereito internacional e que utiliza a fame, a escuridade e a enfermidade como armas políticas para crebar a vontade dun pobo”. É, lémbranos Manolo, “o manual de Mallory” (*) empregado da maneira máis perversa, dende Eisenhower até Trump.
Xunto ao intento de asfixiarnos, lanzaran unha ofensiva a través de medios e redes que replican sen parar as expresións desa euforia anticubana. Para entender a xeito “a guerra informacional e psicolóxica” que se nos fai, foi precisa a análise realizada polo Observatorio de Medios de Cubadebate sobre a “enxurrada estratéxica de memes políticos en sitios dixitais, difundidos desde contas de usuarios radicados na Florida e dirixidos a xeito contra Cuba, o seu liderado político e a súa soberanía nacional”. Esta marea foi entre o 30 de xaneiro e o 2 de febreiro, coincidindo coa Orde Executiva de Trump.
Estes memes defenden impudicamente o anexionismo, presentan Cuba como o Estado 51 dos EUA, a figura de Trump, como líder mesiánico, e a de Marco Rubio, como operador necesario do castigo e da transición. De feito, o poder estadunidense pretende ser inevitábel e moralmente superior. Algúns destes memes apostan “pola invasión, o bombardeo e o exterminio do adversario político”.
Compre ler, reler e debater a fondo esta valiosa contribución do Observatorio de Medios de Cubadebate pois achéganos moitos instrumentos para nos defender dos mecanismos sofisticados de manipulación da maquinaria imperial.
Os chamados tanques de pensamento ( think tanks, ou entidades presuntamente sen ánimo de lucro relacionadas as máis das veces con laboratorios militares, empresas privadas, e institucións do Imperio) descifran as comunicacións do pobo cubano, de Raúl, de Díaz-Canel, de todos nosos líderes sobre a homenaxe póstuma rendida aos 32 heroes caídos en Caracas, nas memorables xornadas do 15 e o 16 de xaneiro. E a impresionante mensaxe de amor a Martí e a Fidel do 27 de xaneiro, na Marcha das Candeas protagonizada pola mocidade. Se cadra, “a guerra dos memes” aspira a contestar todas estas mostras de unidade, dignidade e firmeza.
Sobre os agoiros dos poucos días que nos quedan, quero agradecer ao meu irmán Palmero, que tivo o brillante acerto de publicar en Facebook un vídeo no que Fidel fai un percorrido humorístico polos moitos momentos en que nosos inimigos prognosticaron o final inminente da Revolución: “Anos 60, de mañá non pasa… Anos 70, desta semana non pasa… Anos 80, deste mes non pasa… Ano 90, deste ano non pasa… Ano 2001, deste século non pasa”.
Recoméndolles a todos que busquen ese vídeo e compartan as gargalladas de Fidel. É a mellor resposta aos degoirados profetas da caída da Revolución.
(Publicado por REDH Cuba)
* O vicesecretario de Estado dos EUA Lester D. Mallory, recomendara en 1960 castigar con fame e apuros sen conto ao pobo de Cuba para atribuiren ao goberno a causa do malvivir.
Versión en Galego contribuida a TSA por Xianna Ester Moor
