Gustavo Luca – Terra Sen Amos
Informan ao eurodeputado do PSOE Luis Yañez, no aeroporto da Habana, que é persoa non grata e reaparecen nesta beira os mesmos editoriais de cando Cuba negara condición de turista ao secretario de Relacións Internacionais do PP Jorge Moragas, outubro de 2004. Yáñez imita a Moragas na finxida inocencia: a diferenza só está en que o finxidor deste hora non é cabo de cociña de Aznar senón maleteiro-xefe de Felipe Gonzalez.
Non hai moito, o partido de Felipe González e de Yáñez recomendara, por boca do chanceler Miguel Angel Moratinos, acabar coa vinganza común europea contra a única ex-colonia caribeña emancipada con todas as da Lei. Liberada non coma as vellas posesións británicas, dependentes do favor e a norma colonial malia teren sido formalmente independizadas; non coma as que pasaron da manumisión española á norteamericana sen cambiaren nin o decorado; nada semellante á burla dos descendentes dos escravos franceses nas Antillas, instruídos nos Territorios de Ultramar coma fillos da Galia. O anuario da ONU non deixaría mentir: o único Estado que vota con plena independenza nese rico arquipélago que un día fora confundido coas beiras de Cipango, é o cubano.
Ao se apartar do infamante bloqueo da UE contra Cuba, o governo do PSOE non o facía por defender o espazo de historia común coas que foran antes as súas colonias, dacordo co privilexio non escrito dos colonizadores europeos. Tentáballes máis ben marcar distancias co partido de Aznar que se ofrecera voluntario ante George Bush para impugnar a posición de Cuba en todos os foros internacionais. Saudades do uniforme incorrupto de Valeriano Weyler, chapado de alamares e entorchados. Afinal, resultou que á lonxana metrópole governada polos tardo-franquistas era pior considerada pola opinión cubana que calqueroutro Estado da UE. Ao PSOE non lle seria difícil argumentar que compria equiparar co resto da UE os termos de relación co Governo Revolucionario. Ao tempo, entregaba unha iniciativa razonábel ao seu maltratado eleitorado de esquerdas.
Logo veríamos a extrema febleza desa disgresión do governo do PSOE a respecto dos aznarianos e a Posición Común da UE. O deputado sevillano Luís Yáñez, foi o encargado de representar dentro do partido, e dende o entorno de Felipe González, a discrepancia coa desaparición da Posición Común. Nun artigo aparecido na revista Otro Lunes, en decembro de 2007, recomenda, con paternalismo insuportábel, trazar dende a ex-metropole colonial “un futuro” para a política cubana con desprezo radical polo que poida pensar o povo soberano de Cuba. O deputado do PSOE ten dúas esixencias incondicionais: rematar co sistema político de Cuba e subplantar o socialismo polo capitalismo.
YAÑEZ IMPARTE PROGRESÍA
A súa relación co povo de Cuba, do que se declara intérprete, pasa pola “Corriente Socialista-Democrática Cubana”, instituída a partir de fondos da Fundación Ebert. Ao tempo, é presidente da organización “Cuba-Europa en Progreso”, que ten como fitos “reforzar lazos entre os progresistas de Cuba e de Europa”. A Luís Yáñez perguntáranlle no 2008 en rolda de prensa se por acaso negaba a condición de progresistas ás cubanas e cubanos que derrubaron coas armas na man á tiranía pro-norteamericana de Batista. Yáñez coida que o cualificativo de progresista só se expide en Europa aínda que de remate vaia empatar cunha organización subvencionada polos mesmos intereses que facían negocios con Batista e aplaudían o seu sistema represivo.
Na procura de progresistas que exportar a Cuba, Yáñez conta tamén coa axuda do Instituto Elcano de cuxo patronato forma parte xunto a Felipe González e Jaime Mayor Oreja e as transnacionais españolas ATLANTIC COPPER, BBVA, CEPSA, EADS-CASA, ENDESA, FUNDACIÓN ASTROC, GRUPO PRISA, IBM ESPAÑA, IBERDROLA, INDRA, LA CAIXA, RENFE, REPSOL, SANTANDER, SGAE, TECNALIA e TELEFONICA. Que o fin da historia non se teña producido na Nosa América como esperaban é para todos eles un motivo de desesperanza. O seu axioma é que o progreso dos pobos está no capitalismo globalizador e coidan que calquera dúbida expresada sobre tal principio revela unha mentalidade arcaica ou, como di Felipe González, “teimar por un modelo esgotado”. Recorden os insultos de González contra Chávez, en defensa de Carlos Andrés Pérez, amigo, socio e reclamado pola Xustiza da República Bolivariana de Venezuela.
González e Yáñez transladan a responsabilidade do bloqueo de Cuba aos propios bloqueados, o maltrato aos maltratados, e desta maneira decláranse libres para descalificar á primeira democracia de América sen se sentiren por iso implicados na alianza de racismo e terrorismo en que se revolve a oposición á Revolución. A súa inocencia é comparábel á de Carlos Solchaga cando propuxera en 1993 ao Governo de Cuba instituír o mercado libre sen dar por iso hexemonía á lóxica do capital. Da inocencia chégase ao cinismo pola vía segura da inocencia finxida.