As Asociacións de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” e “Porto Com Cuba”, convocan o II Encontro de Solidariedade con Cuba, a celebrar en Porto 16 de xuño. A asemblea de apoio a Cuba prográmase na Cidade Invicta segundo os acordos adoptados no I Encontro celebrado hai un ano en Compostela.
A xornada comezará coa saída en autobús desde Santiago o 16 ás 10.30, parando en Vigo e Baixo Miño. Con posterioridade ao xantar (que poderá levarse ou realizarse en Porto), iniciaranse os debates e, ao remate, terá lugar unha cea de convivencia.
O regreso a Santiago será en torno ás 3-4 da madrugada. O prezo (autobús e cea en Porto) será arredor de 40 euros.
Prégase a todas as persoas interesadas inscribirse antes do 31 de maio no enderezo galegocubana@gmail.com ou no teléfono 986 432892 (todos xoves, de 18 a 20)
Facer visíbel a violencia dos estados ricos e comerciantes de armas contra un país sen recursos como Cuba, defensor da independencia e do socialismo e exportador de saúde e de escola, fora compromiso do I Encontro en Compostela, en xuño do 2011.
No tempo andado desde aquela, o capitalismo ocupa novos territorios e acelera a depredación e o derrubamento dos dereitos básicos. Tratar destas renovadas ameazas, será o traballo da reunión do 16 de xuño en Porto. No primeiro lugar da axenda, figura o común traballo de solidariedade con Cuba. Ao tempo, debater sobre o bloqueo ha servir de espello para o grave castigo que a crise da acumulación de capital está a producir nas dúas beiras do Miño.
Cincuenta anos despois do II Manifesto da Habana, en Cuba varias xeracións ensaiaron relacións sociais nun marco legal que exclúe as prevalencias de clase e de orixe, e perfeccionan institucións para a defensa deste novo xeito de vida. Quen se atrevería a negar a modernidade desta opción?