Ao cabo de 50 anos de bloqueo.
Ao cabo de 50 anos de hostilidade, bloqueo e compra de votos contra Cuba en todas as instancias internacionais, Estados Unidos está aillada na Asemblea das Nacións Unidas en defensa do bloqueo. O ministro de Estado de Cuba, Bruno Rodríguez Parrilla, notou no plenario da ONU, que o verdadeiro triunfo de Cuba despois de longos anos de estratexia anexionista norteamericana, baseada na inxerencia e no boicot internacional, non é tanto que 187 estados voten contra o bloqueo norteamericano senón en que Estados Unidos fica aillado internacionalmente na súa guerra contra Cuba.
NACIONS UNIDAS, 26 (Especial para Terra Sen Amos por Elisardo Dacosta)
Estados Unidos deita un ano máis o único voto da Asemblea da ONU pola continuación do bloqueo económico, comercial e financeiro contra Cuba. Na realidade, Washington aparece aillado na súa hostilidade anexionista contra Cuba despois de 50 anos de cerco, bloqueo e corrupción sistemática do voto en todas as institucións de dereito internacional.
O goberno norteamericano terma co seu voto dun remendado edificio ilegal no que acubilla unha medrada nómina de funcionarios do Departamento de Estado especializados en repasar a diario trapelas, atrancos, sabotaxes, atentados e vinganzas contra Cuba. A infamia conspirativa de Norteamérica con Cuba parece un regreso a Idade Media: válenlle os atentados contra persoas e bens, o terrorismo contra a poboación civil, a contaminación do aire e dos alimentos, o soborno de periódicos e emisoras, a compra de desertores e os comandos contra os bancos que teñan a ousadía de admitiren un pagaré cubano. Non coñece límites.
A nómina dos péritos do Estado das barras e estrelas consagrados a molestaren a Cuba suma en millóns de dólares o triple do orzamento do eficiente e abnegado sistema de saúde de Cuba.
O voto dos Estados Unidos vai en contra dun mar de brazos alzados a prol de Cuba e do Dereito de Xentes. O feito de Israel fotocopiar ese voto, como dependiente e aliado de Washington, é menos significativo que previsibel. O importante é que contra o bloqueo está todo o mundo: 187 Estados. Toda África no recordo do esforzo de Cuba na desigual batalla de Cuito Canevale, o cambio de hora do colonialismo; toda América dende Caribe á Cabo de Fornos, coma un barco que está a romper amarras contra Estados Unidos despois de ter de asisitr durante un século a liccións forzosas de demagoxia, caciquismo, violencia, ignorancia e miseria por parte de cabos de varas formados antes nas academias militares de Nova Inglaterra e despois na millonaria colonia militar norteamericana do Canal de Panamá; toda Asia, recoñecida coa excepción solidaria cubana no Paquistán e antes no Vietnam, reverso ideolóxico e prático das bases militares norteamericanas básicas para o proxecto colonial de manter con respirador a vella rede imperial británica que cortaba cabezas en Myanmar, calumniaba o nacionalismo indio e conspiraba contra a resistencia do Vietcong dende moito antes de os curmáns de Nova Inglaterra ensaiar o xenocidio en tempo real sobre o esteiro do Mecong; toda Europa vestida co uniforme da OTAN, retratada de corpo presente ou delegado na foto da Illa Terceira, as garavatas ao vento dos contra-alisios e a mirada na aurora da contrarreforma democrática texana.
Todos aseguran que Cuba é parte do Dereito de Xentes, do dereito de todo Estado a non ser estorbado nas súas relacións co resto do mundo, do dereito a manter obrigas recíprocas con outros Estados sen outro governo interferir, estorbar ou violar pola forza esa liberdade vella coma o mundo; aseguran co seu voto por Cuba, que esas obrigas entre Estados poden fundarse en valores de solidariedade, humanidade e xustiza, sobre os principio da razón e da natureza intelixente, sociabel e libre. Todos están, en fin, coa resolución cubana que pide a derogación desa criminal política xenocida de Norteamérica.
Minutos antes, pedindo á Asemblea o seu voto para condenar o bloqueo exercido polos Estados Unidos contra Cuba, o chanceler Rodríguez Parrilla, recordou que dous anos despois de ter proclamado o presidente de Estados Unidos un novo plano de relacións con Cuba, os feitos certifican a continuidade e os danos da inxerencia. Na realidade as sancións contra Cuba permanecen intactas e de feito o cerco económico recrudeceuse no 2010 de maneira que a súa pegada diaria é visibel en todos os avatares da vida de Cuba, con serias consecuencias en áreas tan sensibeis para a poboación coma a saúdes e a alimentación.
O ministro denunciou o recrudecimiento da inxerencia norteamericana contra bens e activos cubanos e transferencias comerciais e financeiras dende e cara Cuba e acusou a Washington de apropiarse de transferencias en moeda de terceiros países. Por exemplo, na confiscación de máis de 107 mil euros pertencentes á compañía Cubana de Aviación e realizada por medio do Banco Popular Español dende Madrid a Moscova. Ao tempo, salientou o feito de os Estados Unidos manter contra toda xustiza a cinco cubanos presos e aillados por loitar contra o terrorismo.
O dano económico directo ocasionado ao povo cubano pola aplicación do bloqueo supera nestes 50 anos supera os 751.000 millóns de dólares, no valor actual desa moeda.