Cuba denuncia compra de votos no nomeamento de Rosa María Payá como Experta en Dereitos Humanos da OEA

Lisa Grandeiro TSA – Synnside (Washington DC)

O ministerio de Estado de Cuba denuncia a designación de Rosa María Payá para o cargo de Experta en Dereitos Humanos da Organización de Estados Americanos, conseguida grazas a presión caciquil de Marco Rubio, responsábel do ministerio de Estado dos EUA. Cuba acusa ao goberno de Trump de caciquear votos da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos mediante ameazas e presións e cualifica de burla presentar como opción democrática unha candidatura que representa ao exilio armado contra Cuba dende a beira NW da canal da Florida. Denuncia o goberno da Habana que Marco Rubio forma dende hai ben tempo parte da fronte imperialista que agora conspira para lograr que “unha integrante da nómina de defensores do bloqueo e da agresión a Cuba sexa presentada por Washington coma  cualificada en Dereitos Humanos de recoñecida imparcialidade.

Payá e Marco Rubio celebran o asalto dos EUA a Comisión de Dereitos Humanos da OEA. Cuba denuncia a obtención de votos mediante ameazas do governo Trump e lembra que non recoñece autoridade moral ou legal a OEA

Di o goberno da Habana que a causa da súa dilatada biografía mercenaria Rosa María Payá Acevedo, resultou electa por estreita marxe como responsábel da Comisión Inter-americana de Dereitos Humanos. “Mália a digna, valente e lexítima posición de numerosos gobernos da nosa América, os EUA levaron adiante o seu propósito baixo a ameaza de recortaren orzamentos de programas de cooperación no hemisferio”. Lembrou o ministerio de Estado cubano o ben coñecido sumario de Payá Acevedo “a prol de golpes de Estado, falsidades, defensa de intervencións militares e políticas e guerra económica na rexión”.

O Panel Independente responsábel da avaliación de candidatos para os órganos do Sistema Inter-americano de Dereitos Humanos, declarou a súa sorpresa ao identificar en Payá un coñecemento pobre das normas,a xurisprudencia e a doutrina internacional dos Dereitos Humanos. A iso suman que a súa biografía política “pode pór razoabelmente  en dúbida a súa independencia a calquera observador razoábel”.

O texto inclúe as consideracións do Centro para a Investigación Económica e sobre Políticas, en tanto “o historial público da Sra. Payá demostra un reiterado menosprezo polos dereitos humanos e polo dereito internacional nesta materia”, así como “desinformación sobre gobernos de Estados membros da OEA”. A utilización da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos como parte da campaña dos EUA contra a cooperación médica cubana é outro dos aspectos denunciados así como a esixencia do governo Trump a todos os Estados membros da OEA cumprimentar un cuestionario sobre acordos con Cuba en materia de cooperación sanitaria. O governo da Havan recorda que a petición viola a soberanía dos estados.“Cuba reitera que non recoñece, nin recoñecerá autoridade moral ou legal algunha, á OEA nin a ningún dos seus funcionarios e órganos subsidiarios ou autónomos”, conclúe a denuncia cubana.“Cuba reitera que non recoñece, nin recoñecerá autoridade moral ou legal algunha, á OEA nin a ningún dos seus funcionarios e órganos subsidiarios ou autónomos”, conclúe a denuncia cubana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *