Valentín Alvite Gándara *
O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, impulsa medidas destinadas a provocar unha situación de fame e sufrimento en Cuba. A última Orde Executiva de “emerxencia” impide a Cuba, pequena illa e nación soberana, importar petróleo ou calquera fonte de enerxía imprescindible para soster a vida cotiá. Esta decisión busca asfixiar un pobo que exerce a súa soberanía sen aceptar mandatos externos e actúa como manobra de distracción ante problemas internos en Estados Unidos.
As persoas asinantes deste manifesto —vinculadas á cultura, á creación, ao pensamento, á ciencia, á educación e ás artes— afirmamos con claridade que utilizar a fame como instrumento político constitúe unha agresión inadmisible. A cultura ensancha a vida, ilumínaa e protexe a dignidade humana. A cultura afirma o valor de cada ser humano e sostén a convivencia entre os pobos.
Durante o primeiro mandato de Trump engadíronse 243 medidas destinadas a intensificar o bloqueo iniciado en 1962 contra a Illa, e incluíuse a Cuba na listaxe de países patrocinadores do terrorismo. A Orde Executiva do 29 de xaneiro cualifica a Cuba como unha “ameaza inhabitual e extraordinaria” para Estados Unidos. Esa afirmación emprégase como pretexto para impoñer sancións a terceiros países que intenten comerciar ou subministrar enerxía á Illa.

A nova Orde Executiva profunda o cerco que Cuba soporta desde hai máis de seis décadas e configura na práctica un asedio que impacta directamente na vida cotiá:
• Familias privadas de electricidade para a luz, a refrixeración e a cociña.
• Hospitais obrigados a decisións extremas, con risco de peche de salas e suspensión de tratamentos esenciais; incubadoras, quirófanos e máquinas de diálises sometidos á inestabilidade enerxética.
• Paralización da distribución de alimentos e medicamentos.
• Nenos, persoas maiores e enfermos, cargando co maior peso das consecuencias.
A cultura non garda silencio ante políticas que buscan dobregar unha sociedade enteira mediante a privación material. A creación artística e o pensamento crítico nacen da liberdade e do respecto entre os pobos. Defender a Cuba fronte a esta agresión significa defender o principio de soberanía, o dereito internacional e a convivencia pacífica.
Durante más de 33 anos, a Asemblea Xeral da ONU votou anualmente, cunha maioría contundente, para condenar o bloqueo estadounidense contra Cuba. A comunidade internacional expresou de forma reiterada o seu rexeitamento a unha política que vulnera os dereitos dun pobo enteiro e obstaculiza o seu desenvolvemento.
Os pobos do mundo, incluído o propio pobo estadounidense, aspiran a relacións normais con Cuba, baseadas na igualdade e o respecto. Cuba posúe unha profunda tradición cultural, solidaria e humanista, e ten compartido a súa arte, a súa música, a súa literatura e o seu coñecemento médico co mundo enteiro. A cultura constrúe pontes e fortalece a fraternidade entre as nacións.
Por todo iso, chamamos a artistas, escritores, cineastas, músicos, académicos, editores, actores, científicas e científicos, xestoras e xestores culturais, traballadoras e traballadores da cultura en todos os continentes, a adherirse a este manifesto e a alzar a súa voz en defensa da vida e a dignidade do pobo cubano.
Defender a Cuba hoxe significa defender o dereito de todos os pobos a decidir o seu destino con plena soberanía e sen castigo colectivo.
- Valentín Alvite Gándara foi presidente da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil do ano 2010 ao 2018.