FESTA EN COMPOSTELA NO 55 ANIVERSARIO DA REVOLUCIÓN

O Consulado de Cuba e a “Francisco Villamil” celebraron en Santiago o 55 Aniversario da Revolución nunha convocatoria que fixo pequeno o Salón de Mostras do Hotel Araguaney de Santiago. José Antonio Solana, Cónsul Xeral, e Valentín Alvite, presidente da Asociación de Amizade Galego-Cubana, renovaron a histórica relación de Galiza con Cuba e deron conta do avanzo das reformas.

Asistiu unha representación completa da solidariedade internacionalista, da esquerda e do sindicalismo.

Na súa intervención, o Cónsul Xeral dixo que a boa marcha do proceso de cambios na economía de Cuba e nas leis de emigración, asi como o respaldo da comunidade internacional, contrastaban coa persistencia do bloqueo. Solana tivo palabras de gratitude para a irmandade do povo galego con Cuba, simbolizada na resolución e valentía de Francisco Villamil que renunciara a todo por defender a independenza cubana, e actualizada pola recente visita institucional do executivo de Santiago.

Festa do 55 aniversario da Revolución
Festa do 55 aniversario da Revolución

Valentín Alvite, sinalou que o triunfo revolucionario de 1959 avanzara o compromiso de Francisco Villamil con medidas como a Lei de Reforma Agraria, a Lei de Reforma Urbana (que entregou a propiedade da vivenda a 200.000 familias), a Campaña de Alfabetización de 1960 (que posibilitou o acceso á cultura a máis de 700.000 persoas) ou as medidas contra a discriminación racial. “Con todo -engadiu o presidente da Asociación- sabemos que non é unha tarefa fácil seguir construíndo esa nova sociedade máis xusta e máis humanizada. Para repartir a riqueza, previamente hai que producila. Para lograr a prosperidade, faise necesaria a mellora do modelo económico e dotalo de maior eficiencia produtiva. É tempo, pois, de reflexión e de reformas. É tempo de avanzar no camiño que conduce a lograr ser eficaces sen deixar de ser xustos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *