A cuarta edición da biografía de Francisco Villamil figura xa nos arquivos de As Villas. O libro, que fora profusamente tratado nestas páxinas, débese a Eddy E. Jiménez, historiador e profesor de xornalismo da Universidade da Habana e foi editado pola Asociación Francisco Villamil para conmemorar o XL aniversario da entidade de referencia da solidariedade coa Revolución Cubana na Galiza. O ex- presidente Ramón Fernández Leal fixo as entregas, en nome do autor e da editora, nas bibliotecas e arquivos dos escenarios nos que loitara Villamil na Guerra Grande, que naquela altura recibían o nome de Las Villas e a partir de 1976 configuraron os territorios de Cienfuegos, Villa Clara, Sancti Spiritus e Ciego de Ávila.
A figura histórica de Villamil fora resgatada por Xosé Neira Vilas no Instituto de Literatura y Lingüística da Habana, no que fundara o Arquivo de Galiza, e elevada a biografía por Eddy E. Jiménez. A edición do longamente esperado retrato do heroe galego-cubano da Guerra Grande, foi entregada por Fernández Leal na Unhic Filial Villa Clara nun encontro valioso para dialogar sobre temas de historia común e lazos de irmandade entre Cuba e Galicia.
Emigrante a Cuba aos quince anos, Francisco Villamil nacera en Galicia en 1833. A súa resolta actuación nos alzamentos villareños do 7 de febreiro de 1869, resultou na ocupación da vila de Esperanza. Polos seus feitos no campo de batalla, a beira de figuras como Guillermo Lorda, Carlos Roloff, Federico Fernández Cavada ou Ignacio Agramonte, non demorou en ter a plena confianza de Céspedes e ascendeu a Xeneral de Brigada en 1869 por feitos nas Lombas de Banao e Jiquibú. En 1871, tras ser gravemente ferido en Trinidad de Olano, foi ascendido a Xeneral de División (Maior General na nomenclatura de mandos cubana) A súa saúde viuse comprometida debido a complicacións da lesión de guerra e morreu en 1873.
O perfil de Francisco Villamil é unha revelación dun heroe Galego que abraza resoltamente a causa da independencia de Cuba e que por esta razón foi proscrito no relato colonial. A solidariedade Galego-Cubana honra a súa vida heroica que xa figura por mor da investigación de Eddy E. Jiménez nos arquivos de Cuba.
En nome da Unhic Filial Villa Clara, Geisy Gisela Mota Campo agradeceu a visita de Fernández Leal, a súa contribución ao coñecemento dos feitos do heroe galego-cubano e ao compromiso coa investigación e difusión da rica historia de Cuba.
Arelys María Pérez Ruíz, presidenta da filial de Villa Clara da Unión de Historiadores de Cuba recibiu a Fernández Leal que compartiu co pleno do secretariado. A obra tamén foi catalogada no arquivo da Biblioteca Provincial Martí de Santa Clara; na Oficina da Historiadora de Santa Clara, onde foi recibida pola historiadora Hedy Águila Zamora e Lilibeth León Muñoz; tamén entrou no arquivo da Oficina de Asuntos Históricos do Partido Comunista e na sección de Cultura do Concello de Santa Clara.