Diario de Ferrol.com.
As relacións históricas entre Galicia e Cuba, especialmente en Ferrol e comarca, centrarán o congreso que o Ateneo Ferrolán convoca do 13 ao 15 de novembro baixo o título “Ferrol-Cuba-Galiza, historias comúns”, co obxectivo de promover investigacións sobre as relacións entre as bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal e a Illa de Cuba a través do fenómeno da emigración. Un evento no que non se deixará de falar de cuestións como a economía, máis tamén a educación, a cultura ou o despetar dunha conciencia de país. Ao cabo, a finalidade última da xuntanza de persoas investigadoras e a difusión dos seus traballos sería a de tentar contribuír ao coñecemento dunha historia compartida aos dous lados do Atlántico e avaliar a importancia e protagonismo da emigración de Ferrolterra na historia de Cuba e tamén na propia historia da Galicia.
O presidente do Ateneo, Eliseo Fernández, destaca a orixe desta iniciativa: “Buscamos un tema atraínte que abranguese todas as nosas tres comarcas. A cantidade de sociedades de instrución creadas hai un século en Bezoucos –comezando pola Alianza Aresana– e Ortegal é inmensa. Logo está o papel central de ferroláns como Fontenla Leal no nacemento dos símbolos de Galicia, como o himno e a bandeira, ou o papel do desenvolvemento dun pensamento galeguista”.
TRANSFERENCIAS CULTURAIS
Desde a organización do Congreso sinalan que están abertos “a todas as propostas que suxiran as investigadoras e investigadores mais considera necesario sinalar como aspectos de especial interese o papel da muller na emigración a Cuba, a participación da emigración na vida política e social de Cuba (en épocas como a independencia ou a Revolución Cubana e en áreas significativas como o sindicalismo ou o xornalismo), as transferencias culturais entre Galiza e Cuba (arredor da música, a arquitectura ou a gastronomía, por exemplo), a influencia da emigración en Cuba na formación da identidade nacional galega, a tarefa desenvolta en Galicia polas sociedades de instrución dos emigrantes ou a repercusión económica e social dos investimentos e remesas dos emigrantes na súa terra de orixe”.
Os investigadores que así o desexen poden presentar algún traballo no congreso deben enviar a súa solicitude á secretaría do Ateneo xunto cun breve resumo ou explicación do contido. En principio debería ser antes do 30 de setembro, aínda que desde o Ateneo Ferrolán aseguran que o máis probable é que se amplíe esta data