O Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) condena o que cualifica de “criminal agresión militar” do Governo dos EUA contra a República Bolivariana de Venezuela, producida na madrugada do 3 pasado. O MESC está participado por máis de 40 asociacións que promoven en común iniciativas globais favorábeis a Cuba e a súa Revolución.

Para o MESC, a acción bélica contra a residencia presidencial en Caracas, e as persoas do presidente electo Nicolás Maduro e Cilia Flores, forma parte da política imperialista da administración de Donald Trump, que “volve facer uso da forza militar contra un país soberano co obxectivo de se apoderar dos recursos naturais que lle son propios e forzar un cambio de governo político no sentido de favorecer os intereses de Washington e da burguesía venezolana”.
O Movemento de Solidariedade denuncia que esta agresión foi lanzada “mália significar morte e sofrimento para o pobo venezolano” e afirma que constitúe “unha grave violación da Carta da ONU e do Dereito Internacional Público, alicerces da seguridade colectiva e da igualdade entre Estados soberanos”.
Advirte o MESC do perigo que supón a “mecánica do imperialismo e o seu terrorismo de Estado” para todos os pobos do mundo e nota que cando se permite a invasión dun país, fica instituído un precedente que ameaza a soberanía de todas as nacións. “Se permiten a invasión de Venezuela para expoliar seus recursos e cambiar o seu sistema político, faranno cando queiran e onde queiran”.
O comunicado chama aos pobos do mundo a non permaneceren impasíbeis e reclama unha resposta unida de solidariedade e apoio ao pobo venezolano, ao seu Goberno e ao seu presidente, Nicolás Maduro. Con relación ao Goberno español e á Unión Europea, esixe que respecten o dereito internacional, se comprometan a manteren relacións igualitarias entre Estados e a denunciar o que constitúe un ataque á democracia, ao dereito dos pobos á soberanía e á autodeterminación.
Finaliza o texto do MESC con consignas en defensa da soberanía dos pobos, contra as agresións imperialistas e a prol do Caribe como zona de paz.