Unha análise sobre Venezuela e a paz

Farruco Sesto – Nós Diario

Venezuela, douscentos anos de paz asexados polos EUA que viviron 320 en guerra. Imaxe da visita de Richard Grenell a Caracas.

Unha análise sobre Venezuela e a paz pode comezar cunha pregunta sobre Venezuela e a guerra. E tamén cunha comparación.

Velaquí a pregunta, coa súa resposta:

-Cantas veces estivo Venezuela en guerra nos últimos dous séculos ou, dito doutra maneira, cantos anos leva o país en paz?

– Venezuela non participou en ningunha guerra desde que a batalla de Ayachucho, en Perú, pechou o ciclo da Independencia latinoamericana. Xustamente, o pasado 9 de decembro de 2024, cumpríronse douscentos anos daquel episodio. En todo este tempo Venezuela non buscou adersarios, nin participou en conflito bélico ningún. Douscentos anos en paz son unha evidente demostración da súa natureza pacífica.

Velaquí a comparación, neste caso con EUA, coa súa resposta:

– Cantos anos estivo EUA en guerra, nos últimos douscentos anos?

– O cálculo dos anos que estiveron en guerra non se refiren soamente aos últimos douscentos anos, senón ao período desde 1776, data do seu nacemento como nación, até hoxe. E conséguese na internet, con detalle: son 232 en guerra e só 17 en paz. Tantos anos, que equivalen a dous séculos e un terzo en conflito armado, interno e externo, son unha evidente demostración da súa natureza violenta, agresiva.

Todo isto vén ao caso, con motivo da reunión do Presidente Maduro co enviado especial do Presidente Trump, o señor Richard Grenell para conversar sobre temas de interese dos dous países. O encontro deuse o venres 31 de xaneiro no Palacio de Miraflores, converténdose en noticia internacional.

“A diplomacia volveu”, escribira Richard Grenell un par de días antes, na rede social X, “falar é unha táctica”.

Velaquí, entón, o encontro diplomático entre dous países dos cales un, Venezuela, é eminentemente pacífico e o outro cuxa natureza bélica, malia que algúns a xustifiquen polas razóns que sexa, é difícil poñela en dúbida.

O encontro dáse dese xeito, hai que dicilo, porque ambolos dous países teñen rotas as súas relacións diplomáticas desde que o entón presidente Barack Obama asinara un decreto que declaraba a Venezuela “ameaza inusual e extraordinaria para a seguridade dos EUA”. Insólita declaración, en relación a un país pequeno e pacífico, que unicamente pode explicarse pola sensibilidade dos Estados Unidos ante a posición antiimperialista (non antinorteamericana, por certo) de Venezuela. Pero é difícil argumentar que ese exemplo ameace a súa seguridade.

A partir dese decreto, ratificado por Trump e por Biden, fóronse sucedendo feitos que son coñecidos. O asedio a un país pacífico, mediante un bloqueo económico, comercial, financeiro, mediático, diplomático, chantaxista e cruel. As máis de novecentas medidas coercitivas unilaterais, mal denominadas “sancións” ( E que é o que se sanciona?) ilegais segundo o dereito internacional. O apoio continuado a unha oposición dereitista, que tivo a súa clímax no recoñecemento a un presidente de opereta autonomeado nunha praza pública. A apropiación pola vía de feito de importantes activos venezolanos no exterior, tales como a empresa CITGO, valorada en máis de trece mil millóns de dólares. E así.

E Venezuela, que fixo pola súa banda? Pois resistiu como puido as agresións, sempre baixo a bandeira da paz. Logrando manter, por unha banda, a paz interna no país contra as arremetidas fascistas da violenta extrema dereita opositora, e, pola outra, avogando polo mantemento dunha paz auténtica, con todas as nacións do mundo, sen excepción.

Pois hai que dicir que Venezuela fixo da chamada Diplomacia Bolivariana de Paz, un principio fundamental das súas relacións no escenario internacional.

Sempre co diálogo, a boa vontade, a valoración da solidariedade e a fraternidade cos demais pobos, o respecto ao dereito internacional, e unha mirada aberta ás posibilidades dun mundo multicéntrico e pluripolar sen hexemonismos.

O único que Venezuela pide sempre, ou mellor dito esixe, é un marco de respecto. Á dignidade do seu pobo e á súa soberanía, en igualdade coas demais nacións do mundo. A partir de ese principio, calquera diferenza pode ser resolta civilizadamente.

Con base a eses principios irrenunciabeis, Venezuela disponse a un diálogo cos EUA, a partir do que Nicolás Maduro denominou “Axenda cero”. Os resultados, ou a falta deles, están por verse, pois cos EUA nunca se sabe…

Os papeis da terrorista “Operación Northwoods” contra Cuba favorecen a Trump na súa guerra interna

Rosa Mirian Elizalde – La Jornada

O perigo de confiar na CIA, dicía o político brasileiro Leonel Brizola, é que andando o tempo, a axencia abre arquivos e “toda a podremia aparece”. Donald Trump anuncia a publicación de arquivos secretos do asasinato do presidente John Fitzgerald  Kennedy (JFK) que seguen baixo chave. O aviso provocou que algúns medios lembrasen a Operación Northwoods, un proxecto de 1962, que fora publicado en 1997, coincidindo coa primeira entrega de arquivos secretos no 40 aniversario do magnicidio de Dallas. Daquela,  o Consello de Revisión de Rexistros do Asasinato de JFK liberara da censura 1.521 páxinas de arquivos militares desclasificados, de 1962 a 1964. Os 12 folios da Operación Northwoods formaron parte deste grupo, pero pasaron inadvertidos entre tanta podremia. Até hoxe.

Caricatura publicada en Pueblo en Línea

Nos papeis da Operación Northwoods cóntase que, a comezos dos 60, durante a administración Kennedy, a CIA elaborara plans para matar a persoas inocentes e cometer actos de terrorismo en cidades dos EUA co obxectivo de crear unha opinión favorábel para invadir Cuba. Baixo o nome en código de Northwoods, as accións encubertas incluirían asasinatos de cubanos na Florida, afundimentos de barcos con emigrados en alta mar, secuestros de avións, a voadura dun barco dos EUA e mesmo a organización de actos de terrorismo con vítimas mortais en varias cidades de Estados Unidos, incluída a capital, Washington.

O obxectivo confeso deste plan terrorista era crear nos EUA e internacionalmente unha opinión favorábel a lanzar unha guerra de represalia contra Cuba para acabar co goberno de Fidel. Os altos mandos militares dos EUA consideraron a opción de provocaren eles mesmos baixas militares na súa propia tropa, segundo escribiron no memorando datado 13 de marzo de 1962: “Poderiamos facer estalar un barco na bahía de Guantánamo e culpar a Cuba do atentado” de xeito que as listas de baixas nos xornais provocasen unha onda de indignación nacional”. Outra proposta consistía en organizaren funerais falsos para conmoveren a opinión pública e favorecer unha intervención militar.

Os previstos atentados contaban coa aprobación escrita do Estado Maior Conxunto das Forzas Armadas dos EUA e foran presentados a Robert McNamara, ministro de Defensa do presidente Kennedy. Formaban parte dun esforzo máis amplo para derrocar ao goberno revolucionario cubano, un programa da CIA, coñecido como Operación Mangosta, que incluía espionaxe, sabotaxes e o apoio a mercenarios de orixe cubana.

A Operación Northwoods non foi aprobada polo presidente Kennedy, que obxectou as implicacións éticas e políticas de sacrificar vidas estadunidenses en atentados que tiñan como obxectivo enganar e maniipular a opinión pública.

A negativa de Kennedy alporiozu as tensións entre a presidencia e os altos mandos militares, que xa cuestionaban o seu liderado no fracaso da invasión de Praia Girón (tamén coñecida como Baía de Cochinos) en 1961. Kenned foi asasinado en Dallas en novembro de 1963, un ano e medio despois da elaboración deste plan, e a Operación Northwoods converteuse en obxecto de atención nas investigacións do magnicidio.

Arestora, o presidente Trump prometeu publicar todos os documentos clasificados relacionados cos asasinatos de JFK, de Robert Kennedy, irmán do presidente e senador  e o de Martin Luther King, estes dous últimos mortos por bala en 1968. Ninguén dúbida, nin o propio Trump, que os papeis revelarán actividades delictivas do goberno nos anos 60, porque “quedou sen divulgar o máis interesante deses expedientes”, ao dicir de Trump.

O regreso de Trumpo, tan rodeado de sensacionalismo, tráenos un paradoxo de primeira: a promesa de dar a luz arrepiantes planos de terrorismo de Estado contra Cuba que fríamente prevían asasinatos de inocentes en territorio estadunidense, e, no entanto, o novo inquilino da Casa Branca volve meter Cuba na Lista de Países Patrocinadores do Terrorismo. Cinismmo insuperábel. Trump despreza os escrúpulos dos vellos conservadores, e sentíndose (agora si) imbatíbel de aquí á eternidade, non ten vergoña dos seus odios e vergoñas nin da súa particular vinganza contra o Estado Profundo. Pero o que proba a Operación Northwoods é que Trump nada novo representa nin chegou á Casa Branca por casualidade.

(Tradución ao Galego para TSA de Aser Ribeiro)

Diaz-Canel replica a Marco Rubio: “Inimigo da humanidade é o Imperio coa súa teima de querer mandar no mundo”

Prensa Latina – TSA

“Son inimigos da humanidade quen resisten bloqueos sen abandonar a solidariedade con outros pobos? Será máis ben quen aplica o bloqueo, tripando leis internacionais; inimigo da humanidade é o imperio coa súa cobiza expansionista e a teima de querer mandar no mundo!”. O Presidente de Cuba avisou onte do perigo que representa para a humanidade o neo-fascismo impulsado desde Washington.

Bob Menéndez, ex-senador republicano citado por Rodríguez Parrilla pola súa íntima relación con Marco Rubio, fora sentenciado o pasado 30 de xaneiro a 11 anos de cadea por un tribunal de Nova York por “corrupción masiva”.

Diaz-Canel chamou desvergoña as declaracións do secretario de Estado dos EUA ao aldraxar Cuba, Nicaragua e Venezuela como inimigos da humanidade. “Está probado que o éxodo migratorio é proporcional ao endurecemento do bloqueo desa potencia norteña”. Visitando Costa Rica, Marco Rubio acusara aos tres países de ser causantes do que a Casa Branca cualifica de crise migratoria.

O ministro de Relacións Exteriores, Rodríguez Parrilla, asegurou que “a demagoxia do goberno de Washington cara América Latina e o Caribe, que está a promover o Secretario de Estado, é un aldraxe e unha desgraza que nace dos métodos corruptos e deshonestos que Rubio, o seu cúmprice Bob Menéndez e outros anti-cubanos converteron en práctica habitual”.  Sobre a pretensión expresada por Marco Rubio de querer visitar Habana a condición de mudar antes o goberno de Cuba, Rodríguez Parrilla dixo “quedará coas ganas: non poderá coñecer Cuba, país do que non sabe nada de nada”.

Bob Menéndez , citado por Rodríguez Parrilla, fora presidente do Comité de Relacións Exteriores do Senado dos EUA e xunto Marco Rubio e Ted Cruz, compuña durante longos anos a triloxía de senadores de orixe cubana patrocinadores da maioría das iniciativas desestabilizadoras contra o goberno e o pobo de Cuba. Protagonista dun escándalo de corrupción a gran escala que conmoveu o Senado dos EUA, Menéndez foi sentenciado o pasado 30 de xaneiro a 11 anos de cadea por un tribunal de Nova York.

Como parte da aberración anti-inmigrante de Trump, as axencias dos EUA e a UE deron conta da chegada onte do primeiro avión de deportados á Base Naval en Guantánamo, co comentario do presidente dos EUA de que a base ten capacidade para acoller até 30.000 presos sen arrepiar da inhumanidade de maltrataren migrantes coma se fosen delincuentes.

Mal pode considerarse sorpresa este bárbaro comportamento de parte dun goberno que desafía o dereito de xentes e que ven de renegar do Consello de Dereitos Humanos da ONU, mediante unha orde executiva do presidente Trump, quen tamén dispuxo manter a conxelación de fondos da Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos.

(Traducido a Galego por Mariña Louro para Terra Sen Amos)

Marco Rubio, ministro de Estado de Trump, asume tamén a direción da USAID

Raúl A. Capote – CUBA EN RESUMEN

Marco Rubio, ministro de Estado (ou de Relacións Exteriores) dos EUA, foi nomeado administrador en funcións da Axencia de Estados Unidos para o Desenvolvemento Internacional (USAID) O propósito de anular a axencia como institución dependente do Congreso e trasferir as súas funcións ao ministério de Estado fora bloqueado pola Cámara nos comezos do anterior mandato de Trump. A nota de prensa do Departamento de Estado, di o seguinte: “Como medida provisional para obter o control e unha mellor comprensión da actividade da axencia, o presidente Donald J. Trump, nomeóu ao secretario de Estado, Marco Rubio, administrador en funcións da USAID”.

A USAID, entidade de intervención dos EUA no mundo, anúnciase como federal, independente e transmisora de “axuda civil”.

Segundo Donald Trump, a USAID desatendeu por moito tempo a súa misión orixinal de promover os intereses dos EUA no estranxeiro, criterio co que o ministro de Estado Marco Rubio e o encargado do Departamento de Eficiencia Gubernamental (DOGE), Elon Musk coinciden.  Rubio asegurou que o nivel de insubordinación que hai na entidade non permite revisar efectivamente as condicións funcionais da axencia.  A resistencia dos empregados da axencia a colaboraren co goberno de Donald Trump, é outra das razóns aducidas para transferir a USAID.

O administrador nomeado pola Casa Branca para a institución estrela das relacións internacionais, é un disparate. A USAID foi a punta de lanza do intervencionismo ianqui no mundo e fachada perfecta dos servizos especiais dese país. Baixo a súa tutela os EUA realizaron un centenar de golpes de Estado, revolucións de cores, accións encubertas e adestramento de torturadores, asasinos e axentes de terror.

Asemade o novo Ministro de Estado é coñecido polas súas posicións de liña dura a prol do Estado de Israel e de intransixencia contra Irán, China, Cuba, Venezuela, e Nicaragua; foi un dos senadores que máis diñeiro recibiu da Asociación Nacional do Rifle, que lle doara 3.303.355 de dólares.  En 2016 promoveu um proxecto de Lei coñecido coma Nica Act  que limita o acceso de Nicaragua a préstamos internacionais.

No 2011 apoiara a agresión militar contra Libia e a sua hostildade, foi feroz co presidente de Colombia, Gustavo Petro, mentres simpatizaba con Javier  Milei, na Arxentina, ou Nayib Bukele, no Salvador. A maiores é antiabortista, anti inmigrantes, defensor do dereito a portar armas etc.

Coméntase a contradición do seu ascenso á beira de Trump, malia ter unha visión dos EUA que pouco ten que ver co aillacionismo que pregoa e defende o novo presidente republicano. A maiores foi un férrido crítico do actual presidente, co que mantivo feroces leas no Congreso Electoral do Partido Republicano pola candidatura do partido.

O seu ascenso pódese atribuir se cadra ao seu traballo como presidente do Comité de Intelixencia no Senado e membro do Comité de Relacións Exteriores onde tivo acceso a informacións sobre o seu actual xefe. As investigacións relacionadas coa presunta intervención rusa nas eleccións presidenciais dos EUA e a relación de Trump con Moscova, a maior parte da información pasara polas mans do Comité de Intelixencia.

De todos os xeitos compre dar tempo ao tempo por ver cal será o resultado desta alianza entre o que foi considerado príncipe herdeiro do Partido Republicano hai uns anos e o “infalibel” magnate que ocupa a Casa Branca. Non é pouca cousa que Trump poña nas mans de Rubio a USAID, unha entidade creada por Lei do Congreso, que ten un orzamento de 42.800 millóns de dólares, conta con mais de 10.000 empregados, controla centenares de ONG, axencias gobernamentais e patrocinadores ao seu servizo. Cal é a tarefa de Marco Rubio, salvar, domar ou destruír á USAID?

(*) Escritor, investigador e xornalista cubano.

Texto traducido ao Galego para Terra Sen Amos por Ariel Codesedo.

Francisco Villamil xa figura nos arquivos e bibliotecas da Guerra Grande inaugural

A. Chamoso – Villa Clara

A cuarta edición da biografía de Francisco Villamil figura xa nos arquivos de As Villas. O libro, que fora profusamente tratado nestas páxinas, débese a Eddy E. Jiménez, historiador e profesor de xornalismo da Universidade da Habana e foi editado pola  Asociación Francisco Villamil para conmemorar  o XL aniversario da entidade de referencia da solidariedade coa Revolución Cubana. O ex­- presidente Ramón Fernández Leal fixo as entregas, en nome do autor e da editora, nas  bibliotecas e arquivos dos escenarios nos que loitara Villamil nos primeiros anos da Guerra Grande (1868-1878) que naquela altura recibían o nome de Las Villas e a partir de 1976  configuraron os territorios de Cienfuegos, Villa Clara, Sancti Spiritus e Ciego de Ávila.

Ramón Fernández Leal co secretariado provincial da Unión de Historiadores de Cuba, filial de Villa Clara. Na imaxe, á dereita de Ramón, a presidenta, Arelys María Pérez Ruíz.

A figura histórica de Villamil fora resgatada por Xosé Neira Vilas no Arquivo de Galiza, por él fundado no Instituto de Literatura y Lingüística da Habana e elevada a biografía por Eddy E. Jiménez. A edición do esperado retrato do heroe galego-cubano da Guerra Grande, foi entregada  por Fernández Leal na Unhic Filial Villa Clara nun encontro valioso para dialogar sobre temas de historia común e lazos de irmandade entre Cuba e Galicia.

Emigrante a Cuba aos quince anos, Francisco Villamil nacera en Galiza en 1833. A súa resolta actuación nos alzamentos villareños do 7 de febreiro de 1869, resultou na ocupación da vila de Esperanza. Polos seus feitos no campo de batalla, a beira de figuras como Guillermo Lorda, Carlos Roloff, Federico Fernández Cavada ou Ignacio Agramonte, non demorou en ter a plena confianza de Céspedes e ascendeu  a  Xeneral de Brigada en 1869 por feitos nas Lombas de Banao e Jiquibú. En 1871, tras ser gravemente ferido en Trinidad de Olano, foi ascendido a Xeneral de División (Maior General na nomenclatura de mandos cubana) A súa saúde viuse comprometida debido a complicacións da lesión de guerra e morreu en 1873.

O perfil de Francisco Villamil é unha revelación dun Heroe Galego que abraza resoltamente a causa da independencia de Cuba e que por esta razón foi proscrito no relato colonial e na información básica da guerra. A solidariedade Galego-Cubana honra a súa vida heroica que xa figura por mor da investigación de Eddy E. Jiménez nos arquivos de Cuba.

En nome da Unhic Filial Villa Clara, Geisy Gisela Mota Campo agradeceu a visita de Fernández Leal, a súa contribución ao coñecemento dos feitos do heroe galego-cubano e o  compromiso coa investigación e difusión da rica historia  de Cuba.

Arelys María Pérez Ruíz,  presidenta da filial de Villa Clara da Unión de Historiadores de Cuba recibiu a Fernández Leal que compartiu co pleno do secretariado.  A obra  tamén foi catalogada no arquivo da Biblioteca Provincial Martí de Santa Clara; na Oficina da Historiadora de Santa Clara, onde foi recibida pola historiadora Hedy Águila Zamora e Lilibeth León Muñoz; tamén entrou no arquivo da Oficina de Asuntos Históricos do Partido Comunista e na sección de Cultura do Concello de Santa Clara.

Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook