“Reporters sans Frontières” mantén a liña anti-cubana do seu fundador Robert Menard

Adela Roade – Terra Sen Amos

Robert Ménard fundara Reporters sans Frontières (RSF) como celador do xornalismo en Cuba, e deuse o caso, nos 90, de alguén chamarlle a atención para o feito de os xornalistas asasinados en México (120 nas 5 últimas décadas) non merecer liña da ONG, ou mesmo relearlle a súa condición de mártires da liberdade de expresión a estes sentenciados a morte por man de conspiradores sentados na administración mexicana con licencia outorgada a norte do río Tijuana.  Os problemas de censura concentrábanse nos paises abrigados baixo capa do Império, mais Robert Menard teimaba dar a un pais pequeno e sen recursos como Cuba, sitiado por Norteamérica, a condición de censor entre censores. Menard aparece agora na TV falando con familias sirias refuxiadas na vila francesa de Béziers, non para se interesar polas súas liberdades senón para botalos, porque o que fóra fundador de RSF é agora alcalde de Béziers polo partido de Marine Le Pen.

menard
“Fose eu ministro da policía e habian ver o que é unha lei de inscrición. Férveme a cachola só de pensalo” Ménard -en uniiforme nazi- ficha a menores en Béziers.

Na prensa francesa hai quen cualifica a Menard de alcalde extravagante e procura ver o seu racismo contra inmigrantes sen teito coma arroutada graciosa. Os sócios institucionais de RSF na prensa española (El Pais, ABC, El Mundo, La Vanguardia, EFE, entre outros) coidan que non é noticiábel. Mentres o fundador de RSF negociaba con Le Pen a súa candidatura para a alcaldía de Béziers, o consello de notábeis da delegación da ONG en Madrid, entregaba espazo preferente ás protestas de disidentes titulados de blogueiros independentes en Cuba, todos eles en nómina da CIA.

Compréndese o feito de o consello institucional español de RSF non reparar nun fundador que leva no peito as medallas da CIA (segundo probou Thierry Meyssan) da IV Internacional e da Cruz Gamada. Endebén, o repaso anual das liberdades de RSF mantén fidelidade notábel aos principios establecidos por Robert Menard. No informe de 2015 sobre a liberdade de prensa no mundo, sitúa a Cuba no lugar 169 de 180 paises, e manifesta o seu pesar pola situación de xornalistas, blogueiros e activistas, aos que sitúa remexidos na vangarda das liberdades e a preocupación polos dereitos básicos, mália estar un deles procesado por maltratos e outro por actuar a conta dunha potencia extranxeira. Non admite RSF que fosen obxecto de torturas, aillamento ou reclusión sen proceso.

En mellor lugar que Cuba aparece Arabia Saudí (164) endebén non recoñecer o dominio de familia de Saud (propietários do país) ningún dereito básico. O Reino de España ocupa un digno lugar 33, sen que o informe de RSF cite a Lei Mordaza e pase con pés de lá sobre a teima policial contra quen trata de informar de desafiuzamentos ou manifestacións de protesta.

Nada comparábel ao caso de México onde mataron en 2015 oito xornalistas e non por iso recibe o país unha cualificación pior ca de Cuba (148) RSF procura non recoñecer a traxédia das reporteiras e reporteiros en México e para iso admite tres asasinados en 2015 e cita o homicidio contra outros cinco aos que relea con todo a condición de reporteiros mártires mediante a esquisita indicación de que cando os mataron non estaban en horas de servizo. De todos xeitos, RSF non cita que nas cinco últimas décadas as/os xornalistas asasinados en México foron 120.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *