A Asemblea da ONU condenou por 186 votos o bloqueo dos Estados Unidos contra Cuba. A prol da intervención contra a illa en desafío da Lei internacional, só o voto de Israel acompañou ao do governo que aplica a ilegal medida dende hai máis de 50 anos.
Dous votos contra todo o mundo. O foro por excelencia das Nacións Unidas, aprobou unha resolución titulada “Necesidade de rematar o bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos Estados Unidos contra Cuba”, na que recorda os compromisos dos asinantes da Carta de San Francisco en defensa da igualdade soberana dos Estados e a non inxerencia entre nacións.
Bruno Rodríguez Parrilla, ministro cubano de Estado, dixo que o dano económico ocasionado ao povo cubano co bloqueo xa se aproxima ao billón de dólares. “O que o governo dos Estados Unidos quere mudar, non vai mudar: o governo de Cuba será o governo do povo, polo povo e para o povo”, dixo o ministro.
Salim Lamrani, profesor da Universidade Paris-Descartes, recorda no seu último libro que as sancións económicas unilaterais de Estados Unidos contra Cuba comezaron a aplicarse en plena Guerra Fría co obxectivo de derrocar o governo revolucionario. “Máis de cincuenta anos despois, desaparecida a Unión Soviética e a Guerra Fría convertida nun recordo, Washington persiste en manter un estado de sitio económico que asfixia a todas as categorías da povoación cubana e que afecta en primeiro lugar aos sectores máis vulnerabeis”, escrebe Lamrani.
A resolución da Asemblea da ONU que condena directamente aos Estados Unidos, non foi noticia para as grandes axencias do Norte e, por extensión, foi silenciada nos medios dominantes da UE.