“A actitude irresponsábel e a manipulación política de Jair Bolsonaro, obrigou Cuba a tomar unha decisión que seguramente terá implicacións para millóns de familias brasileiras, nomeadamente para as familias de baixos ingresos, que viven nos arrabaldos máis pobres e afastados, nunca citados nos grandes medios de comunicación. A esas familias e a ese pobo brasileiro, expresamos toda a nosa solidariedade”, dixo Yaira Jiménez, en nome do ministerio de Relacións Exteriores de Cuba (MINREX) En contestación a preguntas de Cubainformación e Sputnik Mundo, explicou que as brigadas médicas comparten de forma solidaria os beneficios do seu labor entre os profesionais da medicina que participan nas diferentes misións e o sistema de saúde cubano. A explicación da cooperación cubana en materia de saúde, deixa en pésimo lugar os infundios distribuidos por axencias internacionais que citan a equipa do presidente eleito do Brasil. Cuba contesta con transparencia proverbial cando o imperialismo calumnia.
O Secretario Xeral da OEA, Luis Almagro Lemes, tiña todo programado para se retratar na Habana recibindo unha medalla inventada pola imperialista Fundación para la Democracia Panamericana para premiar ataques propagandísticos e entremeses demagóxicos contra gobernos independentes do continente. O programa buscaba descualificar ao goberno de Cuba, mediante unha convocatoria na Habana para xerar inestabilidade e danar a imaxe internacional do país. Cuba denunciou a convocatória e negou permiso de entrada a Almagro.