Regresando dunha viaxe a Cuba, comparto un feixe de reflexións sobre o momento actual da illa. O endurecimiento do bloqueo ordenado por Donald Trump, engrella a situación económica da illa rebelde e deita pedras no camiño da reforma porén non contramiñe a moral dos cubanos que levan sesenta anos aprendendo a convivir con tanta ruindade que, como o mal tempo, vén do Norte. Con Trump xa son doce os inquilinos da Casa Branca que quixeron derribar á Revolución Cubana, ou producir o tan degorado cambio de réxime. Os once denanteriores morderon o pó da derrota, e ao magnate de Nova York espéralle máis do mesmo.
O ataque de Trump contra o governo de Cuba por ter permitido ou organizado un presunto ataque sónico sobre os diplomáticos dos EUA na Habana, poderia dar lugar a unha comprometedora investigación contra o propio inquilino da Casa Branca, ao desvelar o FBI que a grave acusación carece de todo fundamento. “O Maine Sónico afunde”, titula Cubadebate, en recordo do acorazado Maine, de bandeira norteamericana, obxecto dun atentado con explosivos que decidira a EUA a declarar a guerra contra España, en febreiro de 1898.
O furacán Irma golpeou Cuba arreo. O carácter simultáneo dos danos en case todo o país vai facer ainda máis dificil a recuperación e requirirá da cidadanía e das autoridades un esforzo superior aos de ocasións denanteriores. As imaxes dos danos percorreron o mundo enteiro e até gobernos nas antípodas ideolóxicas da Revolución cubana, coma os de México, Arxentina ou Colombia, expresaron a súa solidariedade e disposición a colaborar. Da parte de Washington non houbo silencio, mais as palabras non foron de axuda senón de ameaza. Mentres os ventos de Irma zoaban sobre Cuba, o goberno de Donald Trump reafirmou a aplicación á Illa da Lei de Comercio co Inimigo de 2017 (Trading with the Enemy Act) na que se sustenta o Bloqueo económico e político aplicado dende hai case sesenta anos. Pode a Oficina de Control de Activos Estranxeiros (OFAC) dos EUA anunciar no mes que andamos a aplicación de sancións contra a economía cubana que Trump prometera en Miami o pasado 16 de xuño, diante dun público conformado polo cúmio da contra-revolución acubillada nesa cidade.
Andrés Oppenheimer, columnista dos Últimos do Bloqueo, acusa a Trump no Nuevo Herald de ignorar ao ministerio de relacións exteriores dos EUA (State Departament) e a súa equipa diplomática, e de pór nas mans do senador Marco Rubio a política presidencial para Latinoamérica. Oppenheimer, ben coñecido polo seu arruallo profético nunca cumprido sobre o remate da Revoución Cubana, no libro “la Hora Final de Fidel”, laiase agora do protagonismo conferido a Marco Rubio por Trump depois de o actual presidente desprecialo durante a campaña do 16.
A leitura de Internet lémbrame estes dias a John Kerry e o seu exemplo de Vietnam, coma país dinámico, cunha economía crecente, que escollera para nós na inauguración da embaixada estadounidense na Habana. Non dixo que nesa terra irmá, coa fortaleza cultural que supoñen miles de anos como nación antes de EUA existir, con oito veces a poboación de Cuba e a millentos quilómetros dos EUA, todos os medios de comunicación son de propiedade pública, e as regulacións sobre difusión de información por privados no Internet son moito máis restritivas que aquí. Dende fontes que non existen en Vietnam, din e calan o mesmo que Kerry sobre Vietnam.