Trump relanza con armas o secuestro continental que propuxera Monroe en 1823


VIJAY PRASHAD*- Cubadebate


Dende que Hugo Chávez fora elixido para gobernar Venezuela en 1998, o goberno dos EUA fixo de todo por derrocar a Revolución Bolivariana. Agás unha invasión militar a grande escala, tentaran todo: un golpe militar, nomear un presidente subalterno, pechar o acceso do goberno lexítimo ao sistema financeiro mundial, impor sancións, sabotar a rede eléctrica, enviar mercenarios co propósito de asasinar o Governo respaldado polo voto. Se alguén concibe unha idea para derrubar un goberno, teña a seguridade de que os EUA xa a aplicara contra Venezuela.

A escalada sobranceira foi no 2025: os EUA mandaron barcos de guerra patrullaren na costa de Venezuela, afundiron lanchas e asasinaron os seus tripulantes; a seguir secuestraron un petroleiro con destino a Cuba. Remontaron as agresións contra Venezuela e as ameazas atinxiron unha entidade diferente, como se os EUA preparasen unha invasión a gran escala do país. Donald Trump chegara ao poder coa promesa de evitar as intervencións militares que non beneficiasen os intereses económicos dos Estados Unidos, polo que cualificou a guerra ilegal que fixeran contra Iraq como un “estrago de sangue e diñeiro”.

Isto non significa que Trump estea en contra do uso do exército estadounidense: despregouno no Afganistán (lembren a “nai de todas as bombas”) e o Iemen, e apoiou plenamente o xenocidio estadounidense-israelí contra os palestinos. A súa fórmula consiste en non promover nin recusar a guerra de xeito categórico, senón calcular o que os EUA adiantarían con facela. No caso de Iraq, afirmou que o problema non era de seu a guerra senón o feito de non térense apropiado do petróleo iraquí porque nese caso, é probábel que Trump campase en Bagdad para construír, co tesouro iraquí, un Hotel Trump nunha das antigas propiedades presidenciais. Vai de seu que o aumento da presenza militar estadounidense no Caribe ten que ver co petróleo venezolano, as maiores reservas coñecidas do mundo.

María Corina Machado apoiada polos EUA e distinguida polo Premio Nobel da Paz de 2025 logo de ter defendido o xenocidio israelí e pedir a invasión estadounidense do seu propio país, prometeu publicamente abrir os recursos da súa Venezuela natal ao capital estranxeiro. Isto é, que beneficiaría a extracción da riqueza de Venezuela antes de permitir que a riqueza pública mellore a vida dos seus conterráneos como propón a Revolución Bolivariana iniciada por Hugo Chávez. Na eventualidade de ocupar a presidencia, Machado renunciaría inmediatamente a calquera reclamo de dominio de Venezuela sobre a rexión do Esequibo e cedería a ExxonMobil o control total das reservas petroleiras de Venezuela. Velaí sen dúbida o premio.

Mais non o estímulo inmediato. Unha lectura detallada da Estratexia de Seguridade Nacional dos EUA para 2025 delataun interese superior no hemisferio occidental. Trump non tira nin unha coma da Doutrina Monroe de 1823: o hemisferio occidental debe estar baixo o control dos EUA e os EUA farán o que sexa preciso para garantir que só os políticos pro-estadounidenses ostenten o poder. Vale ben a pena ler esa sección da Estratexia de Seguridade Nacional:

“Os anos de renuncia fican atrás e os EUA reafirmarán a Doutrina Monroe para restaurar o dominio no hemisferio occidental e defender a nazón e o seu acceso a zonas xeográficas clave en toda a rexión. Negaremos aos competidores non hemisféricos a capacidade de instalaren forzas ou outras capacidades ameazantes, ou de adquirir ou controlar activos estratexicamente vitais nesta área nosa”. Devoto da Doutrina Monroe, Trump non fai senón comprometerse a unha “restauración intransixente e completa do poder e as prioridades estadounidenses, coherente cos intereses exclusivos dos EUA

Vésperas das eleccións locais da Arxentina, Trump ameazara con cortar o finanzamento externo no caso de os candidatos da oposición ao goberno pro-gringo de Javier Milei gañaren. En Honduras, o xefe da Casa Branca interveu directamente contra o Partido Libre, chegando liberar mesmo un narcotraficante condenado de por vida (e ex presidente) O goberno de Washington actúa con intransixencia brutal, de extrema dereita que despreza ca marea rosa. Subidos na onda de gobernos de dereita en toda América do Sur, América Central e o Caribe os EUA presionan Venezuela para debilitaren Cuba, os dous grandes polos da esquerda latinoamericana. Derrocando estes procesos revolucionarios a Doutrina Monroe dominaría América Latina e o Caribe .

Desde a década de 1990, o goberno de Washinton fala de América Latina como un socio para a prosperidade compartida no horizonte da globalización por riba do control directo. O cambio de estilo é total. Como establece Trump no seu borrador de goberno, “queremos un hemisferio que permaneza libre de incursións estranxeiras hostís, de propietarios alleos de activos clave e que apoie as nosas cadeas críticas de exportación… Debemos garantir o noso acceso directo a lugares estratéxicos clave”.

América entendida como campo de batalla para a competencia xeopolítica contra China e cualificada coma fonte de ameazas pola inmigración e o tráfico de estupefacentes. O ataque a Venezuela e Cuba, máis que unha declaración de intencións contra os dous países:é a primeira salva da intervención directa dos EUA. Mellorarlles a vida pouco lles importa porque o que queren é aumentar a riqueza das empresas dos EUA e das oligarquías de América Latina.

Para Trump, non hai problema que non poda ser resolto pola forza das armas, por moito que pareza haber solucións diferentes. O recetário básico de Trump promete utilizar o seu “sistema militar superior ao de calquera país do mundo” para roubar os recursos do hemisferio.

*O xornalista indio Vijay Prashad, colaborador de Cubadebate, dirixe o Instituto Tricontinental de Estudos Sociais e é Deán do Instituto Chonguián de Estudos Financeiros da Universidade de Remín.

(Tradución ao Galego para TSA de Celia Reboredo)







Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *