Celso X. López Pazos (Caracas)
Xunto con mais de 2000 invitados procedentes de todo mundo, asistín á xuramentación de Nicolas Maduro como presidente constitucional da República Bolivariana de Venezuela. O acto civil que Representantes da solidariedade internacional co proceso bolivariano seguimos 10 deste mes en Caracas, celebrouse na soleira do Pazo de Miraflores, logo de o acto oficial da toma de posesión rematar horas antes no Salón Elíptico do Pazo Federal Lexislativo que garda a Acta de Independencia de Venezuela.
A verdade é que foi realmente emocionante. Miles de persoas soportando a calor, confraternizando na solidariedade cun pais que se ten convertido, nas últimas dúas decadas, e ao carón de Cuba, no paradigma da loita antiimperialista en Latinoamérica.
Un pais sitiado e bloqueado, política, económica, financeira, mediática e comunicacionalmente; que resiste dende hai 25 anos o acoso e derribo do imperialismo e dos inimigos interiores ao seu servizo, pero que amosa o seu xúbilo polo triunfo do candidato da Revolución bolivariana, cantando e bailando nas rúas próximas ao Pazo Presidencial, nunha festa rachada sen fin ao ritmo do Caribe. Nese ambiente festivo onde nos mesturabamos galegos con outras nacionalidades, puiden sentir o alento da fraternidade e da solidariedade internacionalista como nunca antes.
Venezuela é unha espiña atravesada na gorxa do Departamento de Estado norteamericano e do capitalismo transnacional; unha excepción modélica que soubo crear institucións integradoras no ámbito suramericano e caribeño para defender a súa propia soberanía e a de outros países da zona e combater e contrarrestar o bafo do dragón do Norte.
Coa revolución bolivariana e baixo a dirección de Hugo Chávez, naceran o ALBA, a CELAC e UNASUR, organismos que interfiren e deseñan alternativas ás inxerencias constantes dos EUA e dos seus aliados na zona e no mundo. Isto é o que que fai perigosa a Venezuela.Como no caso cubano, a súa excepcionalidade e exemplaridade desafía o discurso colonial dos que pretenden marcar o ritmo e a historia dos pobos.
Vivemos eses breves días en Caracas cun sentimento de sans-culottes á caribeña. Certamente, uns sans-culottes, saidos das capas populares e do corazón do pobo que decidían, nas rúas de Caracas, berrarlle ao mundo que o presidente lexitimo e constitucional de Venezuela era Nicolás Maduro. Eses momentos foron para moitos de nós como unha revelación que ultrapasaba o coñecemento e as certezas sobre o proceso revolucionario bolivariano e os obstáculos internos e externos que estaba a enfrontar.
E por iso, e pode tamén que por malformación profesional, veume a imaxe dos sans-culottes parisinos nas xornadas de agosto de 1792, aquelas que trouxeron a República a Francia. Era o pobo en festa, as clases desposuídas, aquelas ás que Chávez e a revolución deron identidade e existencia civil, as que estaba nas rúas festexando a xura de Maduro e con el a lexitimidade do proceso revolucionario que encetara Hugo Chávez hai xa un cuarto de século.
Mentras eu, no medio daquelo, decatandome de que o mundo de onde eu viña, esa vella Europa colonialista e eurocéntrica, contén e representa só un cativo espazo no planeta, unha presenza menor entre aquela multitude orgullosa da súa identidade e a súa independencia e soberanía fronte ao Norte imperial e inxerencista.
E sí que creo que existen certos puntos de contacto coa Revolución Francesa, aquela que alumeóu o mundo dos dereitos fronte ao dos privilexios; que acabou coa Monarquia absoluta (o Pacto de Punto Fijo aquí en Venezuela) e que foi contruíndose e articulándose día a día (a Revolución en acto que dicía Labica) para sortear, como fai a Revolución Bolivariana hoxe, as agresións do Antigo Rexime na Francia do XVIII e do imperialismo aquí. Todo iso, grazas ao propio vigor e creatividade revolucionaria e á enerxía e alento transformador dunha xuventude entregada e valente que loita contra o clasismo e o racismo rampante de trazo colonial que aniña, aínda hoxe, na cada dia máis estéril, minoritaria e incapaz oposición ao proceso bolivariano.