Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil
A solidariedade internacional asiste conmovida a un novo e encarnizado asalto do goberno de Washington contra Cuba, só polo atrevemento dunha pequena illa ter escollido socialismo, independencia e diálogo atento e xeneroso con todo o mundo. Un infame cerco imperial que condena por aclamación a Asemblea Xeral da ONU e que impide o acceso de Cuba a dotación hospitalaria, servizos básicos e alimentos no medio da pandemia.
O laboratorio imperial de iniquidades persigue en Cuba un patriotismo que ten raíces nos tempos da Colonia e que está admirabelmente representado na construción colectiva dun estado culto, libre e pacífico que defende a vida.
Fronte a nova conspiración do goberno dos Estados Unidos contra a Revolución Cubana, a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil reclama solidariedade e xustiza para un pobo heroico e amigo e invita a honrar o exemplo universal da determinación cubana en defensa da convivencia a paz e o socialismo.
Respecten Cuba!
Combatamos as mentiras do imperialismo!