José Ernesto Nováez Guerra – Xornalista cubano (publicado en NÓS DIARIO)
Dezasete de marzo, en varias cidades de Cuba, fundamentalmente no Oriente do país, déranse protestas cidadás como reación ás difíciles condicións que afronta a illa, onde se combinan o bloqueo acrecentado dos EUA cunha complexa crise económica interna.
Mália as protestas resolvérense mediante diálogo entre poboación e as principais autoridades, e non se dar en ningún dos casos represión contra manifestantes, as redes sociais e numerosos medios de comunicación e voceiros políticos contrarios ao goberno cubano, aproveitaron a revolta para arremeteren contra a illa e o seu proxecto social como parte dunha ofensiva simbólica maior dirixida a negar ou baleirar de sentido o proxecto da Revolución Cubana. A erosionar simbolicamente a Revolución e o proxecro de soberanía e xustiza social que representa. É por iso que resulta esencialcomprender a magnitude da ofensiva.
Do século XIX a 1959
O proceso político cubano bota raíces nunha fermosa e completa simbiose onde os ideais de soberanía e xustiza social que conforman o proxecto de nazón cubana do século XIX e que teñen na figura de Martí unha das súas senlleiras, atopan a súa forma política e definitiva realización na prática socialista emanda do triunfo revolucionario de xaneiro de 1959.
Os símbolosque sustentan a nazón cubana teñen un dobre sentido revolucionario: o independentista e liberal decimonónico e o nacional e socialista do século XX. Ambos os dous compleméntanse e entrambos ergue a prática vital de figuras coma Mella, Martínez Villena, Guiteras, Fidel, en cuxo pensamento e acción atopóu a súa relaboración revolucionaria o proxecto de país que se frustrar coa invasión norteamericana de 1898 e a posterior suxeición política e económica. A penetración dos capitais norteños e da alevosa Emenda Platt daba ao poderoso veciño o dereito de intervir no país sempre que o considerar necesario.
Neste dobre carácter dos símbolos da nazón cubana está un dos espazos de disputa. O anti-comunismo resgata os símbolos do XIX e desleiga ese continuo de aspiracións éticas que Cintio Vitier describiu tan ben no seu libro Ese sol del mundo moral que dotan dun sentido unitario a totalidade da prática e aspiracións revolucionarias da illa.
Mais tamén se confrontan as dúas Cubas, as de antes e despois do 59, presentando as primeiras coma paradiso da opulencia (que era só para uns poucos) e a segunda coa imaxe de destrución e ruínas que non é.
Para construir esta narrativa, apelan a actores da contrarrevolución que poderíamos denominar como tradicionais, mais tamén a novos operadores orientados a sectores onde a crise económica, a ideoloxía liberal emerxente e determinados erros cometidos na prática política crearon estados de ánimo aproveitábeis para axendas da subversión.
Aparece unha prática máis coidadosa no obxectivo de construiren a narrativa da subversión: o traballo coa mocidade, o ataque sostido contra a cultura e a súa institucionalidade e a conciencia maior das datas históricas e o seu simbolismo.
A batalla simbólica
Este asalto simbólico conta, no escenario cubano actual, cunha ferramenta de importancia: as redes sociais, sobre todo o Facebook, no que participa hoxe máis do 70% dos internautas cubanos. Esta rede visibiliza e reforza determinados contidos mentres ailla outros e bloquea ou pecha arbitrariamente contas e contidos que dalgún xeito reforzan a posición simbólica da Revolución Cubana.
Detrás de todos estes procesos de subversión prática e simbólica da orde estabelecida, están os intereses do gran capital nortemericano. Cuba representa un dobre reto para o imperialismo: romper coa súa dominación e probar que malia a crecente hostilidade e posibel avanzar na construción dunha sociedade máis xusta.
Construir un proxecto social alternativo ao capitalismo require dun constante esforzo educativo para lograr que as persoas comprendan e interactúen socialmente sobre unha lóxica nova. É preciso, como sinalaba o Che Guevara, ir formando un home novo ao tempo que se constrúen novas relacións de produción, de xeito que o estímulo material e o individualismo xa non sexan os principais motores da súa prática social. Tarefa difícil mais non imposíbel.
É preciso asemade comprender o proceso necesario de renovar e visitar os símbolos. Estes non son pedra fría senón zume no cal se reflicten, nutren e crecen os proxectos dos seres humanos. Os cubanos somos, coma todos os pobos, unha grande mestura de pasado, presente e futuro. Hoxe, a Cuba simbólica é tanto Martí e Fidel coma os pequenos recipientes de cristal de Soberana e Abdala.