Luz Fandiño, o exemplo heroico da poeta feminista que descubrira a súa lingua na emigración

Lucía Carou –Terra Sen Amos

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela, anunciou o pasamento de Luz Fandiño, sobrevido no abrente de 28 de Abril. A poeta enamorada da lingua, da condición feminina recoñecida e do dereito universal a independencia, cumprira 92. No momento de escreber estas liñas, abrollan recordos e comunicados que honran a poeta analfabeta, que adoitaba identificarse como rebelde en demasía para a militancia regular, por moito que esa aparente distancia coa formalidade partidista aparecese sobrepasada sen límites no compromiso con todas as causas de liberación baixo forma de presencia, colaboración sen límites e aporte dos seus versos.

Luz escollera presentarse coma poeta analfabeta, unha definición da súa condición proletaria que apartaba a mínima sospeita de desclasamento sen deixar de defender o dereito a poesía, ao feminismo, a lingua de seu e a nación liberada, propósitos definitivos aprendids na primeira mocidade na emigración, en oficios de pan do demo e certezas cuidadas e atendidas durante o resto da vida mediante o compromiso tenro e teimudo coa lectura, a escrita e a Revolución.

Honrou seu compromiso coa  causa da Revolución Cubana e contra o bloqueo máis cruel e dilatado da historia. Ningunha iniciativa da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil lle foi allea. Nunha das intermitentes convocatorias anti-revolucionarias fronte a legación cubana na capital galega, en 2017,  Luz dera un paso adiante co puño en alto fronte os escuálidos que demandaban liberdade de comercio en Cuba, e o que na realidade fora labarada de xenio dunha poeta rebelde e octoxenaria, acabou formalmente presentado nun xulgado como agresión intolerábel contra inocentes desarmados partidarios da OTAN e de Milton Friedman. A devoción de Luz pola súa patria e a condición de muller,  violentamente aprendidas na emigración, era enerxía inxente que a había acompañar con entrañábel protagonismo toda a súa vida e que ficará como exemplo.

Luz participara nos volumes colectivos Poesía Escarlata 2003 e pubicara Farangulliña de Neve (1998) e O pracer de envellecer (2014) En 2018 recibiu o premio Mestres da Memoria da Asociación de Editores en Lingua Galega (AELG) No 2022 apareceu o seu poemario antolóxico e O Premio Begoña Caamaño á Igualdade de Xénero, no apartado Traxectoria, da  área de Cultura da Deputación da Coruña, foille entregado en 2023. O xurado presentara Luz como un “exemplo de coherencia, rebeldía e dignidade, na súa loita polos dereitos das mulleres e por ser inspiradora para as novas xeracións,”. Sonia Méndez estreara en 2022 o filme A poeta analfabeta que relata a vida da escritora e deixa proba da súa vontade expresa de promover lingua, Nación e Feminismo.

Con Luz nas prazas de Compostela

Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa de Compostela

A ilusión de Luz Fandiño sempre foi que gañasen as boas, que foramos máis, que enchoupásemos o mundo de alegría, da felicidade que supón a defensa dos dereitos das máis, fronte aos privilexios duns poucos.

A Luz era fácil querela, era necesario admirala, era urxente tomar nota das súas leccións. Reparo hoxe, neste día triste da despedida, en momentos en que nos atopamos nesta Compostela que tanto quería e que tivo que abandonar de nova, como ela dicía, para non morrer de fame. De repente, a imaxe que máis presente se me fai da poeta é nas prazas da cidade. Na Quintana, no Toural, na Alameda, na 8 de marzo, nas Praterías… En todos os escenarios de centos de mobilización nas que, nas últimas décadas, coincidimos… Alí estaba ela sempre, defendendo as causas xustas, o feminismo, os dereitos dos pobos, a nosa lingua, o fin das guerras… Luz, a muller que non avellentaba porque mantiña un espírito novo, rodeada sempre de xente moza á que lle transmitía unha maneira de pensar clara, nítida, a da xustiza e a igualdade, a do fin da pobreza e as discriminacións, a da loita contra a fame, ese concepto que ela tan ben manexou, tanto de alimentos, coñecemento ou ideas.

“Eu prefiro ser
parte da grande louse
que enterre
para sempre
ó fascio imperialismo
que coa súa
gadoupa inmunda
corrompe e asfixia
os seres libres
que a súa bestial
tiranía se rebelan”.

Os versos de Luz Fandiño falan mellor que ninguén dela mesma e introducen unha palabra que podería ser o pórtico dun dicionario da poeta: rebelión. Non teño dúbida de que esa foi unha consigna vital para Luz, rebelarse contra o destino, contra os poderes opresores, contra a miseria, contra a vida mesma que se torceu en tantas ocasións. E esa rebelión permitiunos partillar, desde moi novas, esa forza da Luz viva, enérxica, que berraba máis ca ninguén, que alzaba a súa voz con entusiasmo, que gozaba cando as prazas estaban cheas e mancábase cando as convocatorias non eran o masivas que ela soñaba. Porque esa foi sempre a ilusión de Luz Fandiño… que gañasen as boas, que foramos máis, que enchoupásemos o mundo de alegría, da felicidade que supón a defensa dos dereitos das máis, fronte aos privilexios duns poucos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *