Lenin, un visionario que segue a inspirar a loita pola Xustiza, a Igualdade e Socialismo

Vijay Prashad *- Cubadebate

Vinteún de xaneiro conmemoramos o legado de Vladimir Lenin a se cumpriren cen anos da súa morte. Un líder visionario cuxa pegada indelébel na historia segue a inspirar a loita pola xustiza, a igualdade e o socialismo. Vladimir Illich Ulianov (1870-1924) coñecido polo seu alcume Lenin, foi un revolucionario coma os seus irmáns, o que no contexto da Rusia zarista implicaba longos anos en prisión e no exilio. Coas súas ideas e labor organizativo, Lenin axudou construír o Partido Laborista Socialdemócrata Ruso.

Os seus escritos representan o resumo da actividade e o pensamento de miles de militantes que se cruzaran no seu camiño. Tiña a rara habelencia de converter experiencias de militantes en sínteses teóricas, un acervo capital que deviría no que hoxe chamamos leninismo. Non é de estrañar que o marxista húngaro György Lukács chamase a Lenin “o único teórico que podemos comparar a Marx por ter liderado  a loita pola liberación do proletariado”.

En 1896, cando os traballadores das fábricas de San Petersburgo  se declararan en folga, os revolucionarios socialistas víronse sorprendidos e desorientados. Cinco anos máis tarde, Lenin escribira: “os revolucionarios quedaran atrasados con respecto a este estalido, tanto nas súas teorías como na súa xestión; non deron reconstruido a política ao pé dos feitos e careceron dos recursos organizativos precisos para dirixiren todo o movemento”.  

A maioría dos principais escritos de Lenin corresponden a esta idea. Lenin xebróu as contradicións do capitalismo en Rusia no seu Desenvolvemento do capitalismo en Rusia (1896)  o que lle permitiu explicar o carácter proletario do campesiñado do vasto imperio zarista. Sobre esta base, defendeu a alianza obreiro-campesiña contra o zarismo e os capitalistas. A partir do compromiso coa loita de masas e a súa lectura teórica, comprendeu que os socialdemócratas, do mesmo xeito que o sector máis liberal da burguesía e os aristócratas, non eran quen de impulsar unha revolución burguesa, e moito menos o movemento que levaría á emancipación do campesiñado e da clase obreira.

Esta análise deu lugar a Dúas tácticas da socialdemocracia na revolución democrática (1905). Se cadra, o primeiro gran tratado marxista que proba a necesidade dunha revolución socialista, mesmo nun país atrasado, onde a clase obreira e labrega terían que procurar alianzas para trascenderen as institucións de servidume.

Nestes dous textos, Lenin discrepa de quen pensaba que a Revolución Rusa podía prescindir do estadio capitalista (como entendían os populistas  ou narodniki) ou que tiña que pasar polo capitalismo (como argumentaban os democratas liberais) Ningunha das dúas vías era posíbel nin necesaria. O capitalismo xa entrara en Rusia, un feito que os populistas non recoñecían, e podía ser superado por unha revolución obreira e campesiña, un feito que os democratas liberais negaban. A Revolución de 1917 e o Estado Soviético confirmaron o criterio de Lenin.

Unha vez establecido que as elites liberais da Rusia zarista non serían quen de dirixir unha revolución obreira e campesiña, nin sequera unha revolución burguesa, Lenin dirixiu a súa atención á situación internacional. Sentado no exilio en Suíza, Lenin viu como os socialdemócratas asumian o belicismo en 1914 e mandaban á clase obreira aos campos de batalla da guerra mundial.

O elo máis débil

Frustrado pola traizón dos social-democratas, Lenin escribiu O Imperialismo, un importante texto que revelaba o crecemento do capital financeiro e das empresas monopolistas e o conflito inter-capitalista e inter-imperialista. Un texto que exploraba as limitacións dos movementos socialistas en Occidente, coa aristocracia obreira como barreira á militancia socialista, e o potencial para a revolución en Oriente, onde podería atoparse o “elo máis débil” da cadea imperialista.

Os cadernos de Lenin citan 148 libros e 213 artigos en inglés, francés, alemán e ruso que serviron de referencia para comprendermos imperialismo contemporáneo. Unha avaliación lúcida do imperialismo que garantía a súa firmeza sobre o dereito das nacións á autodeterminación, tanto se estas nacións estaban dentro do Imperio Zarista ou suxeitos a calqueroutro imperio europeo. O cerne do anti-colonialismo da URSS -desenvolto na Internacional Comunista (Comintern)- atópase aquí.

O termo Imperialismo, no centro da tradición marxista de Lenin, refírese ao desenvolvemento desigual do capitalismo a escala mundial e ao uso da forza para manter esa desigualdade.

Certas partes do planeta, nomeadamente as que tiveron unha historia previa de colonización, permanecen nunha posición de subordinación, coa súa capacidade para elaborar unha axenda de desenvolvemento nacional independente limitada polos tentáculos internacionais do poder político, económico, social e cultural. Nos nosos días, apareceron teorías que suxiren que as novas condicións xa non poden ser entendidas pola teoría Leninista do imperialismo e hai persoas de esquerda que rexeitan a idea da estrutura neocolonial da economía mundial, na que o bloque imperialista, dirixido polos EUA, utiliza todo seu poder para manter esta estrutura. Outros, mesmo na esquerda, sosteñen que a terra é agora chá e que xa non hai un Norte Global que oprima a un Sur Global, no que as elites de ambas as zonas forman parte dunha burguesía internacional.

Ningunha destas obxeccións é coherente cos crecentes níveis de violencia perpetuados polo bloque imperialista ou coa importancia da desigualdade relativa entre Norte e Sur, malia o crecemento das elites capitalistas no Sur. Hai elementos do Imperialismo de Lenin que por seren de hai cen anos, requirirían actualización, máis a esencia da teoría é vixente: a insistencia das empresas capitalistas a deviren monopolios, a crueldade coa que o capital financeiro drena a riqueza do Sur Global e o recurso da forza para conter o devezo dos países do Sur de trazaren a súa propia axenda de desenvolvemento.

Lenin dixo algo que conmoveu aos habitantes das colonias: que o imperialismo nunca desenvolvería a colonia e que só as forzas socialistas, axudadas polas frontes de liberación nacional, serían quen de loitar pola independencia nacional e de avanzar cara ao socialismo. A certeza anti-colonialista de Lenin atraeu aos habitantes do mundo colonizado, razón pola que se sumaran con tanto entusiasmo á Comintern despois de 1919.

Sol da Revolución

Ho Chi Minh lera as teses da Comintern sobre cuestións nacionais e coloniais e rompeu a chorar. Tiña nas mans unha poderosa guía para a loita do pobo de Indochina. “A experiencia da Revolución Rusa- escribiu Ho Chi Minh- amósanos que a clase obreira e labrega deben estar no centro da nosa loita; precisamos un partido forte, unha vontade forte, con sacrificio e unión no noso cerne”.  A Revolución de Outubro foi “coma un sol brillante sobre os cinco continentes, que acordara millóns de oprimidos e explotados: nunca na historia da humanidade existira unha revolución tan importante”.

De 1893 a 1917, Lenin estudou as limitacións do partido de vello tipo, é dicer, o partido social-democrata. En O Noso Programa trata a necesidade de o partido participar nunha actividade continua, sen depender de aportacións esporádicas ou ideas non meditadas [stikhiinyí]. Actividade regular que aportaría ao partido o contacto directo e orgánico coa clase obreira e labrega, de xeito que puidesen conformar estados de opinión críticos de carácter masivo.

Estas reflexións levaron Lenin a elaborar a súa concepción do partido revolucionario no libro “Que facer?” (1902) intervención singular que estableceu o papel principal dos obreiros con conciencia de clase como avangarda do partido e a importancia da axitación política entre os obreiros para desenvolver unha conciencia política transformadora contra toda tiranía e opresión. Na interpretación de Lenin, a clase traballadora necesita ter conciencia da brutalidade do sistema e da importancia da solidariedade.

Dende 1896 ata 1916, estes textos decruaron o terreo para os bolxeviques e Lenin comprenderen como actuar nas decisivas loitas de 1917. O audaz panfleto de Lenin “Poden os bolxeviques conservar o poder do Estado?”  indica a súa total confianza nas masas e nos conceptos teóricos, unhas semanas antes da toma do poder.

A construción dun Estado

Xa no poder, Lenin afrontou os desafíos de construír un proxecto socialista no antigo Imperio Zarista, devastado pola avaricia e a guerra. Antes de @s soviet teren a oportunidade de organizarense, os imperialistas atacaron desde todas as direccións. As intervencións directas en defensa da clase labrega e obreira e das minorías nacionais, impediron desercións masivas da nova Revolución cara aos exércitos contra-revolucionarios. Malia os seus limitados recursos, o mundo labrego resistiu no novo comezo.  No entanto, a pregunta persistía: como se constrúe o socialismo nun país empobrecido, cun desenvolvemento social roto pola autocracia zarista?

A lectura de “O Estado e a Revolución” (1918) anticipa os desafíos que enfrontarían @s soviet na súa nova tarefa: non só herdar a estrutura do Estado, senón ao mesmo tempo “destruír o Estado”; construír un novo conxunto de institucións e unha nova cultura institucional, e fomentar unha nova actitude dos cadros cara ao Estado e a sociedade. En “As tarefas inmediatas do goberno soviético” (abril de 1918) Lenin resume aqueles traballos dos primeiros meses, e coida que @s soviétic@s eran plenamente conscientes dos profundos problemas que debían abordar. A súa revolución non tivo lugar nun país capitalista avanzado, senón no que Marx chamara o “reino da escaseza”. Aumentar as forzas produtivas e socializar simultaneamente os medios de produción foi unha tarefa colosal.

“Sen alfabetización”, escribiu Lenin, “non pode haber política; só pode haber murmuración, rexouba e prexuízos”. Os limitados recursos do Estado soviético dirixíronse á alfabetización, e os cadros do Partido esforzáronse por reverter o feito de só un terzo dos homes e menos dunha quinta parte das mulleres estaren alfabetizados. A través da campaña de Likbez e a política de indixenización (korenizátsiya), os soviéticos deron, en dúas décadas, aumentado os níveis de alfabetización ao 86% para os homes e ao 65% para as mulleres.

Esquecemos por veces a importancia da poboación obreira e labrega na construción da Rusia soviética (Mijaíl Kalinin proviña dunha familia de campesiños; Xosé Stalin, dunha familia de zapateiros e criadas de servir)  A educación, a saúde, a vivenda, o control da economía, as actividades culturais e o desenvolvemento social foron alvos do traballo da nova Rusia soviética, dirixida por Lenin. Ningunha crítica sobre a Unión Soviética pode borrar o inmenso logro deste Estado Obreiro.

No último ano da súa vida, Lenin escribiu catro textos formidábeis: “Sobre a cooperación“,  “A nosa revolución“, “Como debemos reordenar a inspección obreira e labrega” e “Mellor menos, pero mellor“. Nestes traballos, Lenin identifica as dificultades do proceso de transformación do capitalismo ao socialismo. Escribe sobre a “enorme e ilimitada importancia” das sociedades cooperativas, a necesidade de recuperar a base produtiva e de construír sociedades para fomentar a confianza das masas. Sinalaba a necesidade dunha transformación cultural, unha nova forma de vida para traballador@s e campesiñ@s, e formas orixinais, creativas para teren poder sobre a súa sociedade e claridade na acción; @s traballador@s herdaron a arquitectura dun estado estarrecedor, e isto debe ser plenamente transformado. Como? A reflexión de Lenin en “Mellor menos, pero mellor” é honrada a máis non poder:

“Que elementos temos para construír este sistema? Só dous. Primeiro, @s obreir@s que teñen as súas facultades secuestradas pola loita socialista; a súa instrución non é que se poida chamar perfecta. Darían o que fose para construíren un aparello mellor para nós, mais non vos saben como; non poden construílo. Aínda non deron conseguido a cultura necesaria; é cultura o que se precisa. Facendo as cousas con présas, por asalto, poñendo cariño ou forza bruta, non se dará feito. En segundo lugar: temos coñecementos parciais, a medio da incipiente educación e formación, mais non che nos valen”.

Novembro de 1922, na súa derradeira aparición pública n@ Soviet de Moscova, Lenin gabou os avances da nova República Soviética, pero tamén avisou da dificultade do camiño a seguir. “Desta tarefa formidable ocúpase só unha gandada  de persoas en comparación co mundo que somos no país; esta cativa parroquia asumiu o choio de refacelo todo. E farao. Mais esta angueira non é só do Partido, senón das obreiras, dos  obreiros, das labregas e dos labregos, que ven o novo goberno soviético como algo seu. Levamos o socialismo á vida cotiá e temos a obriga de mirar como vai deica o derradeiro detalle; eis o noso labor diario e a tarefa do noso tempo!”.

Setenta e catro anos había durar a Unión Soviética: un tempo de sacrificio, afouteza e entrega para deixar atrás a miseria do capitalismo. Setenta e catro anos é a esperanza de vida mundial. Coa man no peito, non che vos houbo tempo abondo para darmos cabo a axenda socialista antes de a URSS ser destruída. Mais o legado de Lenin non está só na URSS senón na loita global por superar os atrancos que enfronta a humanidade para seguir avanzando cara ao socialismo.

* Vijay Prashad (Calcuta, 1967) militante comunista de obra extensa que as universidades do Norte solicitan, mentres el entrega o mellor do seu tempo e saber a docencia do Sur. É director executivo da Tricontinental.

(Tradución ao Galego de Lena Celeiro, para Terra Sen Amos)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *