A solidariedade con Cuba celebra en Compostela o aniversario de Martí

C.X.L.P – Terra sen Amos – Compostela

Coa presenza de Goretti Sanmartin, alcaldesa da cidade polo BNG, e coa asistencia de amigas e amigos de Cuba e da mesa de goberno da Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil, sábado no Parque Eugenio Granell de Compostela, presentado por Valentin Alvite, ex­­-presidente da Villamil, foi conmemorado o aniversario do nacemento do Pai da Patria José Martí. Alvite fixo unha loa do Guieiro da independencia de Cuba, do luminoso herdo político que nos legou e do seu resplandor  poético que había alumear o camiño da terra liberada.

A amizade coa Revolución Cubana reunida no parque Eugenio Granell, lembrou a Martí no seu aniversario.

Falou a seguir o presidente da Fundación Rosalia Castro e académico Anxo Angueira quen resaltou os vencellos poéticos e argumentais existentes entre Rosalia , Curros e Martí, mentres que a poeta galega Andrea Nunes, que sucedeu a Angueira  no uso da palabra, reparou nalgúns aspectos do traballo en prosa do autor de Versos Libres.

Logo das palabras de Annabel Lafargue, cónsul de Cuba, que lembrou a biografía revolucionaria de Martí e o seu protagonismo central na batalla pola independencia da Illa, pechou o acto a alcaldesa Goretti Sanmartin quen reparou no entrañábel fio fraternal e histórico trazado pola historia entre os pobos de Cuba e Galiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *