Rosa Miriam Elizalde – La Jornada (México)
No 2003, antes de os EUA lanzaren a guerra contra o Iraq, unha cámara rexistrara durante horas un encadre fixo de Bagdad. Mais o epígrafe da páxina era o máis importante: NON SON NÚMEROS. Non mostraba mapas militares nin partes de guerra, senón unha rúa con carros, traballadores, xente que ía e viña por unha cidade a piques de ser bombardeada. A cámara non evitóu a invasión. Con todo, fixo algo indispensábel: pór rostro a quen pronto serían reducidos a estatísticas.
Vinte e tres anos despois compre acender outra cámara, esta vez sobre Cuba. Non para negar os seus erros internos, a súa infraestrutura eléctrica envellecida ou os danos acumulados por moitos furacáns. Achacar cada apagamento a Washington sería pouco serio. Mais sería igualmente deshonesto non mencionar que os EUA converteron o combustiíbel que chega á illa en obxectivo explícito de presión sobre terceiros países.
Antes, o goberno de Washington determinaba que paises podían comerciar con eles. Agora, a Orde Executiva 14404, emitida 1º de maio, faculta aos EUA para sancionar persoas e entidades estranxeiras que comercian con Cuba, particularmente no sector enerxético, aínda que esas actividades se acomoden as Leis dos paises que as realizan.
Está ben claro: o goberno dos EUA vai máis alá da tradicional aplicación extraterritorial do bloqueo e arrógase o dereito de pasar por riba das xurisdicións de cada nazón para converter en sancionábel dende Washington o que pode ser perfectamente legal en Roma, Madrid, Cidade de México ou calqueroutra capital.
A lei estadunidense convértese así nun instrumento de coerción universal e o Dólar, nunha xurisdición de facto. Coñecidas estas premisas, ten sentido que Trump logre rebautizar á Terra como Planeta América que inda por riba soa a cómic da axencia Marvel.
Que resultados produce unha arquitectura de sancións cando baixa dos decretos á casa de cada cubano? En comida que se bota a perder durante apagamentos prolongados; en pais que abanican a un naipelo para que poida durmir; nun neno que ten que facer os deberes a luz dunha vela; en contedores con medicamentos que non chegan; en bombas de auga que deixan de funcionar e obrigan a cargar cubos escaleiras arriba.
Bruno Rodríguez, ministro de Relacións Exteriores de Cuba, fala de meses con apenas dúas ou tres horas de electricidade ao día en moitos lugares da illa e de danos en cadea para a saúde, a alimentación e o transporte. A ONU informou 1º de maio que máis de 96 mil operacións foran pospostas polos cortes eléctricos; uns11 mil correspondían a ciruxías infantiles. Un mes despois falaba xa de máis de 100 mil cirurxías aprazadas. A falta de combustible golpeaba asemade as diálises, as incubadoras, a auga e a distribución de alimentos. Non é metáfora: cando falta a enerxía no hospital pediátrico de Santiago de Cuba, unha máquina pode deixar de fornecer osíxeno e converterse na sentenza de morte dun bebé.
O informe cubano presentado polo chanceler, que se discutirá en outubro próximo na ONU, ten, ademais, nomes concretos. Diego, diagnosticado de cancro aos 15 anos, debe desprazarse coa súa nai, Licet Rodríguez, entre Villa Clara e A Habana para recibir tratamento. A pregunta dela –“que ocorre se o hospital se detén?”– contén toda a discusión moral. Non estamos a falar de “presión máxima” como unha abstracción diplomática, senón do momento preciso en que o equipo de radioterapia necesita estar conectado para que o fillo de Licet non se dilúa nunha cifra nin a súa vida termine confundida co ruído de fondo do “Planeta América”.
Marco Rubio, ministro de Exteriores dos EUA recoñeceu que “traxicamente, o pobo cubano está a sufrir” e repite unha e outra vez que as sancións buscan presionar ao goberno cubano, non ao pobo. Os seus pretextos evitan a expresión “dano colateral”, pero esta sobrevoa, como en Gaza ou en Iraq, para desviar a responsabilidade cara á vítima e facer que o abominábel parézanos benigno, como dicía Howard Zinn.
O debate non pode reducirse a estar a favor ou en contra do goberno cubano. O dilema ético é anterior: se pode considerarse lexítima unha política que pretende modificar a conduta dun Estado mediante medidas cuxo efecto previsible sexa aumentar a vulnerabilidade material de toda unha sociedade. E hai outra pregunta que excede a relación entre Cuba e os EUA: con que lexitimidade pode Washington sancionar a cidadáns, empresas, bancos ou institucións de terceiros países por realizaren actividades que son legais baixo as súas propias leis e que non teñen lugar no territorio dos EUA?
A cámara colocada nas rúas de Bagdad non salvou ao Iraq da guerra nin evitou os horrores de Abu Ghraib, mais deixou unha advertencia que segue a ignorarse. Cando se fala de castigos que poden traducirse en barrís, megavatios ou contedores que non chegan, miremos quen camiña polas rúas: o fillo de Licet, a avoa de alguén, unha nai, un pai, os nenos dunha escola. Non son números.
Versión en Galego de Dora Serantes para TSA
