Yuri Carrazoni – Nós Diario – Editorial publicado o 27.08.26
Cada ano repítese o mesmo xesto. Un presidente dos Estados Unidos asina un papel, case sen ruído mediático, e prorroga por un ano máis o bloqueo comercial contra Cuba. Este ano tocoulle de novo a Donald Trump facelo até setembro de 2027. Unha rutina con medio século de historia que provoca o afogamento dun país enteiro. Chaman “interese nacional” ao que non é máis que un cerco que leva décadas asfixiando a economía cubana, agora combinado cun cruento bloqueo petroleiro: a illa precisa para funcionar con normalidade que cada mes descarguen polo menos oito buques; porén, no que vai de ano recibiu apenas un. O resultado é coñecido: apagadas interminábeis, escaseza de alimentos e medicinas, unha industria minguada polas sancións estadounidenses, un turismo en caída libre… En definitiva, unha nación que non se permite que funcione e prospere polo mandato divino do autoproclamado adaíl do “mundo libre” —curioso concepto de liberdade—. A illa resiste, pero a poboación civil acaba pagando a factura. E como cada ano, cando Cuba leve de novo á ONU a súa resolución contra o bloqueo e a maioría esmagadora do mundo volva votar en contra del, Washington dará palmas coas orellas. A prórroga de 2027 non é xestión rutineira: é a confirmación de que o castigo colectivo segue sendo unha política de Estado.
