Saíu rumo a Cuba un contedor de axuda de emerxencia con 67 metros cúbicos de doazóns destinadas ao sistema cubano de saúde e servizos sociais.

Hai uns días embarcou con destino a Cuba o primeiro contedor coas doazóns de insumos médicos e sanitarios entregados por centos de persoas solidarias en todo o noso país. Neste primeiro envío da solidariedade galega achéganse unhas 7 toneladas de doazóns que aliviarán a situación de emerxencia no servizo de Neonatoloxía do Hospital González Coro, nos servizos de Nefroloxía, Cardioloxía e Oncoloxía en diversos centros da Habana e o traballo asistencial da Asociación Quisicuaba.
Agradecemos o apoio das organizacións amigas que fixeron posíbel este envío, especialmente as ducias de galegas e galegos que fixeron achegas económicas que ascenden xa a máis de 7.200 euros e nos permitiron sufragar os gastos do contedor. A este primeiro envío sucederán outros ao longo deste ano. Hoxe máis que nunca, cando o réxime de Donald Trump e Marco Rubio decretan medidas de asfixia enerxética total contra Cuba, cómpre intensificar a acción solidaria do noso pobo para impedir que o goberno xenocida e fascista de EE.UU. consiga afogar a dignidade do pobo cubano e o seu proxecto histórico de soberanía, dignidade e xustiza social.
Desde aquí, dirixímonos publicamente ás institucións de Galiza, Xunta, Concellos, Deputacións, ás Xerencias de Áreas Sanitarias do SERGAS, ás empresas do sector da sanidade e farmacia, profesionais da medicina e enfermaría para que se sumen a este esforzo solidario e dean apoios materiais a esta campaña por levar a Cuba axuda médica, recursos para salvar vidas cubanas.
A Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” puxo en andamento o pasado ano unha campaña galega de apoio á sanidade cubana, coa finalidade de rachar o bloqueo xenocida establecido polos sucesivos gobernos de EE.UU.. Recóllense doazóns de insumos médicos e sanitarios en máis de 30 localidades de Galiza, nos máis de 50 locais postos a disposición da campaña por BNG, CIG, CUT, Esquerda Unida/PCG e diversos colectivos sociais e cuxa lista se pode consultar nesta ligazón: https://terrasenamos.org/campanhas/