Convocada pola Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil levouse a cabo o pasado 29 de outubro na cidade da Coruña unha concentración nacional contra o bloqueo a Cuba e en defensa da resolución de condena aclamada pola Asemblea Xeral da ONU coa prevista excepción do goberno de Washington promotor do cerco e de duas abstencións.
En representación das diversas organizacións a prol desta convocatoria, asistiron máis de medio cento de compañeiras e compañeiros. Nomeadamente contouse cos apoios de Alternativa dos Veciños, BNG, CIG, Concello de Oleiros, CUT, Esquerda Unida, Fundación Galiza Sempre, MAR DE LUMES, Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, Movemento Arredista, PCG, PCPG, PCOE, PCRG, Plataforma Galega pola Terceira República e UPG. Deuse remate ao acto coa lectura do seguinte manifesto: O bloqueo contra Cuba é un acto de xenocidio O bloqueo económico, comercial e financeiro decretado contra Cuba polos doce últimos titulares da Casa Branca, mantense dende hai 62 anos como eixo central da política dos Estados Unidos para a illa. (O feito de Barack Obama querer cambiar o sistema de coerción directa contra Cuba por outro de cerco indirecto, non se deu realizado ao borrar Donald Trump precipitadamente as fendas que o seu antecesor mal abrira á negociación) Desprezando as súas propias promesas electorais, Joseph Biden mantén en vigor as máis de 240 medidas de reforzo do bloqueo ditadas por Trump no seu derradeiro mes na Casa Branca para agravar o cerco de xeito oportunista e sen precedentes, no contexto da pandemia. Durante todo o mandato de Biden, a caza e acoso de parte do goberno de Washington contra os intercambios financeiros de Cuba, afectou todos os sectores da economía, agravando os danos causados por catástrofes naturais como o recente furacán Ian ou o incendio do depósito de hidrocarburos de Matanzas, amosando a súa carencia de calquera consideración humanitaria. O resultado desde conxunto de atrancos, censuras e ameazas contra os tratos do goberno cubano co resto do mundo, produciu un ronsel de perdas de contratos, relacións comerciais estragadas e débedas e demoras en envíos e entregas de mercadorías, entre outros danos para a economía e a vida diaria do país. Esta información de danos causados pola política de cerco total decretada polo goberno dos EUA, foi sometida a sanción da Asemblea Xeral da ONU que aprobou condenala e apoiar o pleno dereito de Cuba a se gobernar de seu, sen multas nin interferencias ilegais como ven facendo dende hai 30 anos. A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil reclama solidariedade para o goberno e o pobo de Cuba poderse librar desta peste política do bloqueo, cualificada como Acto de Xenocidio na letra da Convención contra o Delito de Xenocidio de 1948. Defendamos Cuba para librala do cerco que doce titulares sucesivos da Casa Branca sentenciaron contra ela, un mangoneo que xa forma parte da galería de crimes do imperialismo. Un cerco integral trazado para impedirlle o acceso a medicamentos, combustíbeis e produtos de primeira necesidade no mercado mundial, co obxectivo único de enfrontar o pobo contra o seu propio goberno. O bloqueo é unha violación do dereito internacional e un nefando recurso de forza contra un pobo soberano que ten probado a súa vontade inequívoca de autodeterminación. O goberno máis armado do mundo rodea unha illa do Caribe, sen grandes recursos. Mais, grande é a razón de Cuba! Viva Cuba Socialista! Na Coruña, Galiza, o 29 de outubro de 2022.
Ir a entrada
Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"