A pobreza só ten solución por medidas políticas.
Vencer a pobreza e o atraso mediante innovación e o coñecemento, sen solucionar as desigualdades, é un soño. No Cumio de Lisboa, a voz crítica do Secretario de Estado de Cuba, Bruno Rodríguez Parrilla, puxo a arela da liberación científico-técnica ao nivel da realidade da Nosa América. fixo pousar na realidade a arela de foi a no Cumio de Lisboa O representante de Cuba, díxoo cunha pregunta de Xosé Saramago “Qué caste de mundo é este que pode mandar máquinas a Marte e non fai nada para deter o asasinato dun ser humano “?
“A innovación e o coñecemento -dixo o Secretario de Estado- formulan oportunidades para promover o desenvolvemento, para impulsar o crecemento económico, para reducir a desigualdade, para curar as enfermidades curabeis e atopar solución ás hoxe incurabeis, para mellorar as condicións de vida de miles de millóns de seres humanos, para darlle oportunidade aos minusválidos, para erradicar a fame do mundo, para conseguir a xustiza e para protexer ao planeta do efecto depredador da nosa propia acción. Ora tamén poden usarse para promover a exclusión, privar aos máis pobres da tecnoloxía e o adianto, perpetuar na miseria miles de millóns de persoas, contribuír ao acaparamento e a exclusividade do coñecemento, concentrar o dominio das fontes e recursos para a produción de alimentos e explotar máis intensamente os recursos esgotabeis do planeta.
Serven, ademais, para crear as armas coas que se podería destruír o mundo en que vivimos e tamén para estragar o planeta e aniquilar a todo o que nel habita”.
O ministro de Estado sinalou que o tema do Cumio reflexaba os dilemas do desenvolvemento e expresaba descarnadamente as inmensas desproporcións entre as nacións subdesenvolvidas, con índices de fame e pobreza que crecen coa crise, e as sociedades industrializadas, nas que o estrado sen sentido e o consumismo seguen a ser unha constante. “Mais a innovación e o coñecemento -sinalou- non son categorías neutrais independentes da vontade dos seres humanos, e as fondas realidades do mundo en que vivimos non poden ser ignoradas. Existe unha inobxectabel brecha dixital e do coñecemento. A actividade científica e de innovación está altamente desequilibrada. Cada ano publícanse dous millóns de artigos científicos, deposítanse un millón de patentes e hai máis de mil millóns de usuarios de Internet. Porén, o 85 por cento das publicacións, o 90 por cento das patentes e o 75 por cento dos usuarios de Internet corresponden aos países industrializados. Na actualidade, 700 empresas dan conta da metade do gasto mundial e de dous terzos da inversión privada en investigación e desenvolvemento. O 80 por cento deste grupo pertence a cinco países industrializados, mentres que só o un por cento provén de países subdesenvolvidos”.
Un cuarto dos investigadores do mundo están en Canadá e os EE.UU.
Noutra parte da súa intervención, o responsábel das relacións exteriores de Cuba dixo que no canto de “roubo de cerebros”, hoxe aparecía o termo “libre circulación de cerebros”, eufemismo que enmascara a emigración masiva cara ao Primeiro Mundo de graduados universitarios e profesionais de alta cualificación que nunca retornan aos seus países de orixe. “Trátase non só do acaparamento e a exclusividade do coñecemento, senón de que operan as vellas e novas formas de expropiación do coñecemento dos países subdesenvolvidos por parte do mundo industrializado, das que o “roubo de cerebros” constitúe unha clara manifestación e unha práctica moi rendibel de apropiarse de man de obra cualificada a baixo custo. Como consecuencia deste fenómeno, segundo datos da CEPAL, os países da América Latina e o Caribe dispoñen solo de 146,000 investigadores, que representan apenas o 3,5 por cento do total de científicos do planeta, valor inferior á media mundial.
América Latina e o Caribe teñen 3 veces menos investigadores que Xapón, 6 veces menos que os Estados Unidos e un cuarto do persoal de investigación e desenvolvemento de Europa, e 4 veces menos que China. Soamente Estados Unidos e Canadá dispoñen do 25 por cento dos investigadores do mundo”.
Rodriguez Parrilla acrecentou: “Calcúlase que de 1961 a 2002, un millón 200 mil persoas altamente cualificadas da América Latina e o Caribe emigraron a Estados Unidos, Canadá e o Reino Unido, o que lle custou aos países da rexión máis de 30 mil millóns de dólares, segundo cálculos conservadores. Namentres, o Banco interamericano de Desenvolvemento ven de informar que, en América Latina, uns 54 millóns de adolescentes non teñen acceso á escola ou cursan o ensino primario en institucións de mala calidade”.
De par desta realidade, o orador lembrou a obra da Revolución no ensino: “Dende hai 50 anos, en Cuba a educación para todos os nenos, adolescentes, novos e adultos, é un dereito humano garantido polo noso goberno. Cuba identificou á innovación e o coñecemento como factores centrais do proceso de desenvolvemento, como pezas clave dos obxectivos de xustiza social e como estímulos ao progreso da poboación no seu conxunto. Foron tamén compoñentes substanciais do logro da nosa verdadeira independencia, tanto no ámbito político coma no económico e o cultural. Cuba conta hoxe cunha infraestrutura de máis de 200 centros e áreas investigativas, tecnolóxicas e de innovación, dos cales 115 son grandes centros de investigación, desenvolvemento e comercialización. O país dedica o un por cento do seu PIB á ciencia e tecnoloxía e contamos con 15 científicos e enxeñeiros por cada 10 mil habitantes. Hoxe temos un graduado universitario por cada 10 habitantes e, dentro de dous anos, nas máis de 60 universidades cubanas, alcanzarase o millón de graduados no ensino superior. No importante campo da conservación e coidado do medio, Cuba é considerada, pola súa pegada ecolóxica, como un dos contados países cun desenvolvemento sostibel, compatibel coa preservación da natureza. No campo das novas tecnoloxías da información e as comunicacións, investimos na formación de recursos humanos, coa creación de centros de excelencia, como a Universidade de Ciencias Informáticas.
Neste moderno complexo, xunto ás facultades xa existentes en todo o país dedicadas a enxeñaría, cibernética, matemática, pedagoxía e tecnoloxías da saúde, fórmanse especialistas en máis de 10 profesións de alto nivel para a aplicación das ciencias informáticas. As tecnoloxías aplicadas á saúde, a enxeñaría xenética e a biotecnoloxía no seu conxunto, son áreas de demostrado éxito para a ciencia e a innovación en Cuba. O seu impacto na poboación demóstrase, entre outros, na expectativa de vida, que alcanza niveis comparabeis cos países máis desenvolvidos. Hoxe, o país intérnase paulatinamente no campo da nanotecnoloxía polas súas múltiples aplicacións potenciais, especialmente na saúde. O que Cuba alcanzou nesta fronte é un testemuño do importante lugar que merecen entre as prioridades do noso goberno a formación de recursos humanos e a inversión na ciencia, e constitúe unha conquista incuestionabel, se se considera, ademais, que se logra nas condicións dun país subdesenvolvido, sometido á máis persistente hostilidade dos Estados Unidos de América e ao máis brutal bloqueo económico que coñeceu nación ningunha”.
Compartindo a afirmación de que a innovación e o coñecemento son instrumentos fundamentais para erradicar a pobreza, combater a fame e mellorar a saúde das nosas poboacións, como se afirma nos documentos que nos propoñemos aprobar, o Governo de Cuba sostén o criterio de que estas non son categorías que poidan tratarse cun enfoque mercantilista, en busca de mesquiñas ganancias, nin co estreito propósito de obter vantaxes comerciais e mellorar a competitividade económica. “O empeño iberoamericano de outorgar prioridade á innovación, pouco logrará se descoidamos o compromiso coa xustiza social e nos rendemos ante o ditado do mercado, do monopolio das patentes, das restricións da propiedade intelectual e dos intereses das grandes corporacións transnacionais que concentran cada vez máis o dominio do coñecemento, das súas fontes de desenvolvemento e dos seus medios de transmisión. O noso avance será ruín se non se facilita a transferencia de tecnoloxía cara aos países en desenvolvemento e se a grande maioría das nacións iberoamericanas segue sendo vítima dunha orde económica internacional inxusta e inoperante”.
Ameaza norteamericana contra a Nosa América.
Con referencia ao clima de paz e de seguridade que precisa o progreso, o representante de Cuba dixo: “En pleno século XXI, o Goberno dos Estados Unidos de América ameaza os pobos latinoamericanos co desenvolvemento dunha doutrina militar agresiva, a reactivación da IV Flota e co establecemento de bases militares, o propósito das cales é a dominación e a intervención, é achegar o poderío militar estadounidense ás ricas fontes de materias primas e recursos enerxéticos que posúe a rexión. Constitúen unha ofensa á dignidade da Nosa América, e unha ameaza á paz, a estabilidade e a soberanía. Apuntan non só contra a irmá República Bolivariana de Venezuela, que ten todo o dereito de se defender, senón contra todos os Estados da rexión. América Latina e o Caribe debe ser territorio libre de bases militares estranxeiras. Cuba, país que sufriu e sofre en carne propia a persistente hostilidade dos Estados Unidos de América, reclama o peche da Base de Guantánamo, do campo de torturas alí instalado e a devolución do territorio que usurpan ao noso país. En Honduras instalouse, mediante un golpe militar, coa instigación e o apoio dos Estados Unidos, unha ditadura. Recoñecer o goberno espurio que destas eleccións ilexítimas emerxa, traizoaría os principios de paz, democracia e xustiza que se proclaman, e así debería manifestarse este Cumio”.
América Latina e o Caribe debe ser tamén territorio libre do terrorismo, sinalou Rodriguez Parrilla: “Cuba, que foi durante medio século vítima do flaxelo do terrorismo dende o territorio dos Estados Unidos, reclama a liberación de cinco loitadores anti-terroristas cubanos presos inxustamente en cárceres norteamericanos, por tratar de impedir, cos seus actos, que o terrorismo contra a súa Patria cobre novas vidas cubanas e mesmo norteamericanas”.
Fonte: Juventud Rebelde