O mundo vota por Cuba

X. Aponte – Nova York

Nikki Haley, embaixadora de Trump na ONU,  comentou que ver  Cuba recibir os votos de todo o mundo na Asemblea Xeral, un verdadeiro clamor para a vergoña do Bloqueo rematar, carecía da menor importáncia porque Washington, convencido de ter a razón, ignora o que é a vacilación nin a vergoña. Toda a Asemblea votou contra as recomendacións e intereses caciquís dos EUA, nunha soidade agraviada polo resultado nulo da estratexia de Haley, na véspera da votación, coa súa equipa a petar portas ao abrente por meter de limosna un feixe de votos de sospeita de Cuba non cumprir algún regulamento. Haley xa formalizara a súa renuncia a representar EUA na ONU, e na súa derradeira encarga, antes da despedida de fin de ano, procuraba, á desesperada, un xeito calquera de estorbar a razón manifesta de Cuba.

Relato da aclamación da Asemblea da ONU contra o Bloqueo, na versión de Martirena, caricaturista de Granma.

A embaixadora cesante ten escrito un libro de memorias co título Non digas nunca que non se pode e, dando cabo do seu cargo na ONU, dinque prepara unha reedición na que anunciará con bandeira na capa: Contra Cuba, non se pode.  Na Asemblea da ONU coméntase ainda o discurso de Haley en 2017, indignada cando resultou aclamada a proposta da condena do Bloqueo e a embaixadora prometeu vingarse dos paises que desafiaban as instruccións dos EUA e erguían a súa man a prol de Cuba.

Na Asemblea sobre o Bloqueo de 2018, a embaixadora Haley pretendia recoller trasacordos onde antes sementara ameazas e para iso acusara formalmente a Cuba de incumprir leis internacionais e deste xeito solapar na información o extenso memorial de aldraxes do Bloqueo presentado popla secretaría de Estado cubana. Foi o único recurso diplomático que se lle ocorreu a mesa de EUA na ONU: presentar como vítima ao sitiador que leva sesenta anos tentando render por fame e miseria a soberania de Cuba, pintar como delincuente ao sitiado e denunciar coma ofensa de Lei que Cuba se defenda e ousadia que a Asemblea vote polo dereito de Cuba a defenderse. Úlo o eixo da Carta de San Francisco  (1945) a Lei dos povos á súa liberdade?

Os inventores do Bloqueo fican aillados, sen ideas para resolver seu dilema nin socios que os acudan. O pais máis armado do mundo, dono dunha  rede de bases militares (2.200) que envolve o planeta, só consigue un voto. No mesmo dia no que a Asemblea da ONU respaldaba por aclamación o dereito de Cuba a súa soberania, o diario The Washington Post publicaba  un reconto  de 6.420 declaracións falsas ou mentiras proferidas polo presidente estadounidense, Donald Trump, en 649 días de administración.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *