RICARDO RONQUILLO – Cubaperiodistas

Cando nunha análise do ano 2017, aínda nos comezos do sector privado, un funcionario sentenciaba, como quen invoca aos santos do ceo: Quen non pode perder é o Estado, viamos no auditorio caras de sorpresa. Se o único que non pode perder é o Estado, a quen lle corresponde perder logo, a nós? parecían preguntar.
Uns oito anos despois, soubemos que no enguedellado reaxuste que vive o noso Estado socialista, dende varias perspectivas, o Estado perde e ao perder esa estrutura esencial para a liberdade e a xustiza de Cuba, perdemos os que elixíramos o Estado para representar os nosos sacros intereses e os da nación.
Agora mesmo, no medio das duras disxuntivas a que nos obrigan a férida asfixia e a reconfiguración socialista, vivimos circunstancias nas que o noso Estado sofre perdas e percibímolo a ollos vista, sen necesidade de entrarmos en fonduras académicas e só coa visión dun xornalista atento aos diarios dilemas da Nación:
—Cando se toman decisións sen consenso que non dan na diana dos problemas.
—Cando se establecen disposicións que logo deben seren revertidas, por non ter medido todos os alcances e condicionantes,.
—Cando se adoptan normas que logo son ignoradas sen que se exerza control bastante.
—Cando nun escenario onde se favorece e require da convivencia e participación de diversos actores económicos, a capacidade de concertación está ausente.
—Cando se evade o fisco, importante mecanismo de redistribución da riqueza.
—Cando non se dá atención diferenciada aos máis afectados pola crise.
—Cando falla a capacidade reguladora.
—Cando as medidas para protexer a capacidade adquisitiva das familias de menos ingresos, terminan por prexudicalas.
—Cando se anuncia medidas circunstanciais que se estenden no tempo e permanecen sen explicación.
—-Cando persisten problemas graves e a información non axuda a comprendelos.
Conto só algunhas das que están máis a vista e crean maior preocupación pública, nomeadamente entre a maioría da poboación consciente da responsabilidade do noso Estado, esencial para a preservación da independencia nacional e a xustiza social como principios irrenunciábeis.
Hai tamén quen, para tentar defender as rectificacións e transformacións actuais, fan por ergueren un valado entre os intereses dos traballadores e os do Estado, elixido por eles para representar a soberanía e o país. Outros fan guerra sucia de propaganda.
O anterior, produce inquedanza cando vivimos tempos de recomposición dos papeis do Estado. O noso debate nacional inclúe, entre outros dilemas, cal debería ser a función desa institución, cuxo orixe e atribucións foron analizados por estudosos do socialismo, dende Carlos Marx e Federico Engels (autor este último do texto emblemático A orixe da familia, a propiedade privada e o Estado) até os nosos días.
Certo é que a teoría e a práctica socialistas pasaron unha proba de xeracións. Acabámolo de comprobar durante no VI Seminario Teórico entre o Partido Comunista de Cuba e o seu homólogo vietnamita que tivo lugar hai días na Habana, e no que o tema da propiedade e o papel do Estado nas desafiantes condicións do século XXI suscitaron os debates máis intensos.
O fundador do primeiro Estado de obreiros e labregos e autor dun texto transcendental como O Estado e a Revolución, analizou con fondura este asunto que considerou central. Durante unha conferencia pronunciada na Universidade Sverdlov, o 11 de xullo de 1919, Vladimir I. Lenin recoñeceu que non é doado abordar o tema do Estado e se cadra é no que máis confusión sementaron eruditos, escritores e filósofos burgueses. “Porque é un problema fundamental e básico en toda política e porque, non só en tempos tan revoltos e revolucionarios como os que estamos a vivir, senón mesmo nos máis pacíficos, atoparémolo a diario a causa de calquera asunto económico ou político… Todos os días, por un ou outro motivo, preguntaremos aínda que é o Estado, cal é a súa natureza, cal a súa significación?”.
Motivos de reflexión que saltaron do inverno ruso ao tórrido Caribe por causa da Revolución Cubana, primeiro propósito socialista no hemisferio occidental. Como teño observado, tamén desde os primeiros días, a Revolución foi perseguida polo andazo do tipo de Estado sobre o cal se estruturaría, e a forma en que se relacionaría co resto das institucións e os cidadáns.
Na letra dos manuais, os revolucionarios usariamos o Estado na fase de transición ao comunismo —onde desaparecería—. No noso caso, como instrumento das maiorías traballadoras fronte á subversión burguesa, Lenin construira a teoría da Ditadura do Proletariado, no entanto Antonio Gramsci concibiu a complexa concepción da hexemonía, ofrecéndolle ao Estado proletario connotacións educativas e ideolóxicas super-estruturais.
UNHA PRÁTICA SOCIALISTA ROMPEDORA
A inquedanza filosófica e marxista de Ernesto Guevara, deu lugar a unha práctica socialista rompedora e provocadora ben coñecida que levárao a responder dende 1965 á provocación, nun documento que nos legóu as máis lúcidas das súas meditacións. En carta a Carlos Quijano, editor do semanario uruguaio Marcha, o Che admitiu que é común escoitar de boca dos voceiros capitalistas, como argumento na loita ideolóxica contra o socialismo, a afirmación de que este sistema social ou o período de construción do socialismo ao que estamos nós abocados, caracterízase pola abolición do individuo en aras do Estado.
Na misiva apunta, entre outras consideracións, a seguinte: «Este carácter institucional da Revolución aínda non se deu conseguido. Procuramos algo novo que permita a perfecta identificación entre o Goberno e a comunidade no seu conxunto, axustada ás condicións peculiares da construción do socialismo e fuxindo ao máximo dos lugares comúns da democracia burguesa, trasplantados á sociedade en transición… Algunhas experiencias procuraron institucionalizar a Revolución, pero sen demasiada présa. O noso freo maior, foi o medo a que calquera aspecto formal puidese separarnos das masas e do individuo e nos apartase da máis importante ambición revolucionaria que é ver a persoa liberada da alienación”.
Por iso, tralos graves ataques sufridos polo socialismo, algúns deles avizorados polo propio Che, non será doado o salto dun Estado expansivo, coa súa herdanza de paternalismo, como o que tentamos superar en Cuba, a un moito máis pequeno en estrutura, aínda que máis grande pola súa modernidade, eficiencia e sensibilidade social.
A disxuntiva non se decide só nos avances ou as retiradas das políticas públicas que determinan a sorte da profunda transformación estrutural do país, unha das máis notábeis do mundo actual, mesmo que reborden os interesados en pasalo por alto. Tamén se dá na subxectividade individual e na social, razón pola que manipulan para a frustración política mediante o engano para frustrar e desarmar o Estado.
Con tantos anos de preminencia do Estadol en case todos os ámbitos, e afeitos esperar que parte importante das solucións aos nosos dilemas xurdisen desa estrutura, non sempre temos predisposición herdadada para asimilar un cambio cara un Estado cuxo peso e valor non dependerá tanto da súa intervención directa na nosa existencia como da súa capacidade para erixirse en poderoso e eficaz regulador de toda a sociedade.
Non outra cousa cabería esperar se temos conta de que, malia súas deformacións, ese Estado foi esencial na promoción de xustiza e dignidade persoal e nacional, equidade, liberdade e solidariedade tanto na propia sociedade coma n ámbito internacional dos dereitos fundamentais, entre outros atributos dignos de recoñecemento.
Pode darse o caso de faltar preparación en segmentos clave da cidadanía ou de omisión dos responsábeis de facer avanzar o Estado cara ao devandito porto; ou as actuais confusións entre Partido e Estado, se cadra nas funcións estatais e empresariais e outras interferencias, que enrarecen os límites e os espazos de competencia de cada actor no novo deseño institucional da República.
Non por acaso, a colusión entre Estado e Partido está prevista na reforma do modelo económico, incluídas dentro das chamadas Conceptualizacións. O documento contempla o perfeccionamento dos sistemas, organismos e funcións do Estado como reitor do desenvolvemento económico e social. Implica as políticas sociais universais relacionadas coa saúde, a educación, a seguridade e asistencia social, a cultura, o fomento da actividade física e deportiva, a formación en valores e a calidade dos servizos públicos; a modernización da administración pública; a descentralización de facultades aos niveis territoriais e locais con atención particular aos concellos. Busca aplicar de maneira máis efectiva a política de cadros do Estado e do Goberno e perfeccionar o sistema de normas xurídicas sustentado na Constitución da República, para asegurar os dereitos dos cidadáns.
Na proxección do modelo engádese que as funcións estatais no ámbito económico e social —incluíndo as gobernamentais—, derivan do carácter socialista do Estado Cubano, reitor de todos os actores económicos e sociais até a elaboración, aplicación e perfeccionamento das políticas do Estado e do Goberno, fiscalía e regulamentos oficiais incluidos.
MODELOS DE XESTIÓN E PROPIEDADE COLECTIVA
Nin os máis encarnizados opositores do noso Estado poderían negar que parte importante do esforzo transformador dos últimos anos en Cuba —a Pandemia Coronavírica e o criminal bloqueo político e económico resolto a agravala— dirixiuse precisamente a este propósito, grazas ao cal temos, amais dunha nova estrutura sanitaria enriquecida, equilibrada e compensada polo Goberno, unha ampla gama de políticas que xeran unha singular metamorfose de toda a sociedade.
Abondaría con citar o cambio de 180 graos no ámbito da propiedade, a partir de definicións como a de que unha cousa é o Estado como propietario, en representación do dono colectivo, que é o pobo, e outra os diferentes modelos en que a propiedade pode xestionarse.
A ampliación acelerada do sector privado nacional, asociada ao fomento das pequenas e medianas empresas, o traballo por conta propia e o fomento doutras formas económicas asociativas, a liberación de ataduras ás empresas estatais para favorecer a súa autonomía (aínda sen callar ) e a xa para nada “invisíbel” man do mercado (por momentos exageradamente visíbel) decisiva na economía, acento da ciencia e a innovación na xestión e no contacto sistemático coas bases, testemuño dun Estado que cambia os seus roles nas novas regras do xogo legais e institucionais que se derivan da nova Constitución.
Ao fin, é unha proba de confianza no Estado revolucionario que unha maioría de cidadáns atendamos as súas reaccións, e até as esixamos, fronte aos nosos dramas cotiáns: inflación galopante excitada polos actores públicos e privados, desde o básico nos mercados de alimentos até outros produtos, servizos que se resenten, insolidariedade e desorde social, crecente migración, e outros demos menos obxectivos, aínda que mediados por estes, como a perda de perspectiva ou de fe nalgúns segmentos.
O único que non poderiamos permitirnos é que no acomodo das súas funcións e responsabilidades o Estado transfórmese de omnipresente a ausente; que a cidadanía, sobre todos os segmentos máis humildes e golpeados pola situación actual, perciban sicológica e sociolóxicamente que se lles está deixando ao pairo. Sería ir contra a natureza mesma do noso Estado.
É bo recalcar que iso non depende unicamente das reaccións do Estado e da centralidade do Goberno, na mesma medida en que moitas atribucións e decisións trasládanse a outros chanzos e compártense competencias con outras instancias, para acabar cos verticalismos excesivos.
Un problema á vista, que se deriva do anterior, é a falta de congruencia entre políticas, programas e realizacións procedentes das instancias de dirección principais do país e a recepción destas na vida práctica cara ás bases.
Déixase ver que moitos anos de decidir desde arriba atrofiaron a capacidade de manobra política das nosas institucións e da dirixéncia non afeita a unha sociedade moito máis diversa e plural, onde os intereses deixaron de seren lineais ou homoxéneos. Iso reclama dominar os terreos da concertación, unha palabra case esquecida cando se fala de novas formas de participación no noso socialismo.
A intelectual Graziella Pogolotti recomenda aprender a ter dúas orellas e unha boca, como na fábula que nos aconsella escoitar dúas veces e falar unha só. Que as decisións sexan tales, como dicía un grande da nosa historia, que se poidan facer cumprir, para que non volvan as diferenzas entre o legal e o lexítimo. E unha vez que as decisións se concertaron xusta e democraticamente, esixir seu cumprimento e control.
Non vos hai nada mansamente paternal en todo o anterior, como tampouco o será alcanzar o Estado desexado. O agoiro do Grande Vladimiro era certo: a pregunta aínda nos persegue…E hanos seguir perseguindo…
Ricardo Ronquillo é xornalista cubano e Presidente da Unión de Periodistas de Cuba
(Traducido ao Galego por Carola Silva Rego, para TSA)