“Cuba garante da paz en Colombia non pode ser acusada de terrorismo pola súa xenerosa mediación” (Gustavo Petro)

Claudia Folgueira – TSA Bogotá

Gustavo Petro presidente de Colombia sumou xoves 22 a súa voz ás dos que están a pedir ao Goberno dos EUA a retirada sen condicións de Cuba da Lista de Países Promotores do Terrorismo, cualificación arbitraria, unilateral e ilegal que está a entorpecer o comercio, as relacións económicas, as viaxes e os intercambios voluntarios da illa co resto do mundo.  Cuba saíra da lista de países condenados por Washington depois de o presidente Obama anular a inclusión decretada en 1982 por Ronald Reagan que transixira as chantaxes das bandas da Contra en Florida. En xaneiro de 2021, faltando catro días para deixar a Casa Branca, Donald Trump decidiu subir outravolta a Cuba no índice de países terroristas. Seu sucesor Biden, pronunciara en campaña palabras contra este criminal sobre-bloqueo de Cuba, mais unha vez  na presidencia, asegurou cinicamente que estaba a estudar o caso.

A protesta do xefe de Estado colombiano chega ao pé dunha carta asinada por 80 congresistas colombianos, especialmente do Pacto Histórico, na que reclaman ao governo dos EUA retirar Cuba desa relación infame e inxusta de paises presuntamente  aliados do terror. A misiva leva data do 21 de setembro e ten como destinatárias a vicepresidenta de Estados Unidos, Kamala Harris, a Nancy Pelosi, presidenta da Cámara de Representantes e a Csaba Korösi, que preside a Asemblea Xeral das Nacións Unidas.

O presidente de Colombia entende que manter Cuba neste status de país promotor do terrorismo é “unha inxustiza internacional” e recorda que na altura de comezar os diálogos de paz entre o ELN e o goberno Santos, Cuba ofreceuse “de moi boa vontade” a servir de sede das negociacións para as que estableceu uns protocolos de actuación que tiveron o respaldo de as partes interesadas entre  as que estaba a propia administración dos EUA. Petro resume así o arbitrario proceso contra Cuba:  “Cando a seguir o goberno de Duque decidiu romper o proceso de paz iniiciado por Santos, fóronlle cobrar a Cuba, en tempos do goberno de Donald Trump, o feito de se ofrecer coma sede das negociacións de paz e acusárona de terrorista”.

 “Nós reabrimos esas negociacións, reiniciamos os protocolos e nesta tesitura solicito da administración de Joe Biden que retire a Cuba desa listaxe para que cese esta inxustiza internacional –dixo Petro- porque un país que foi garante dos acordos de paz non pode ser alcumado de patrocinador do terrorismo polo goberno dos EUA”.

Os congresistas engaden na súa carta que Cuba acreditou ser un Estado amigo do pobo colombiano coa súa contribución ao proceso da paz e en diversos campos do progreso social como o da saúde e a educación e recordan que Miguel Díaz Canel, presidente de Cuba, ratificou a vontade de seguir traballando pola paz, coa oferta de facer da illa sede alterna das conversas de paz co ELN ás que pode aportar a súa experiencia como garante do acordo entre a guerrilla das FARC e o goberno de Juan Manuel Santos.

Engadiron a continuación que ser parte da lista negra de Estados Unidos “é un ostracismo inaceitábel que non só atenta contra os dereitos humanos do pobo cubano, senón que ameaza, ao mesmo tempo, as aspiracións de paz no noso país”.O chanceler cubano, Bruno Rodríguez Parrilla agradeceu a iniciativa colombiana e ratificou seu compromiso coa paz en Colombia.

Tradución ao Galego de Olga Sober.

Censuran as revoltas en Porto Rico contra a luz privatizada e dinque os cortes de enerxía en Cuba son un fracaso do comunismo

Lázaro Oramas – Cubadebate

As avarías da rede eléctrica de Cuba e os cortes de luz, son novas de primeira na prensa  internacional. A súa causa é evidente e obxectiva: a precariedade tecnolóxica das centrais eléctricas dun país sen divisas e baixo o bloqueo dos EUA. Mais só lemos que é a expresión do fracaso do comunismo, ou do que chaman Estado falido. Porén en Porto Rico, co servizo eléctrico privatizado, os apagamentos son constantes.  Será culpa do comunismo? Grupos de persoas saen protestar en Cuba, desesperadas polos cortes de luz, e outros afirman que son protestas populares contra o goberno e que se saen ás rúas é para reclamar liberdade. Pola contra, en Porto Rico, a policía dispara a cara de can gases lacrimóxenos contra as protestas polos apagamentos e bate nos xornalistas,  mais os medios nunca usan termos nin parecidos a réxime, represión, liberdade ou Estado fracasado.

Carencias causadas polo bloqueo na termoeléctrica Antonio Guiteras, en Matanzas, foron tratadas na prensa do capital coma un fracaso do modelo público; ao tempo censuraban violentas cargas contra marchas de protestas en Porto Rico pola desfeita dun sistema de luz privatizado.

En tempo de inflación, en Cuba non subira o prezo da luz; en Porto Rico a suba foi de 60%; en Colombia, país petroleiro e con grandes investimentos estranxeiros, hai aínda medio millón de vivendas sen electricidade; a electrificación en Cuba, pola contra, segundo datos do Banco Mundial, é próxima ao 100%.

A retórica do “Estado fracasado” que desta aplican a Cuba, vai sempre unida á petición -directa ou de esguello- dunha intervención humanitaria de parte dos EUA. É o obxectivo que completa sentenza: Washington aperta o bloqueo ao máximo, para provocar estalidos sociais, revoltas e emigración descontrolada; a seguir, o imperio preséntase como a man salvadora ante a crise que eles provocaran. O resto, é sabido. A de Libia, que pasou, de ser o país con maior índice de desenvolvemento humano en África, a converterse –este si- nun verdadeiro estado fracasado, con dous gobernos en guerra civil interminábel; ou a de Siria, onde EUA, logo de inzar unha guerra civil de dez anos, segue a roubar aínda hoxe o petróleo do país, a razón de 66 mil barrís diarios. Os medios non reparan nestes feitos.

Proclamada a independencia dos EUA, o Goberno levou a cabo 400 intervencións militares; promoveu 350 golpes de Estado dende 1982, 150 deles con éxito. Xullo pasado, John Bolton,  asesor de Seguridade Nacional do goberno Trump, confesaba con rexouba a súa participación directa en varios golpes de Estado. Trasnadas antidemocráticas da Casa Branca que a prensa libre comenta con humor.

O bloqueo dos EUA acabou co 99% dos ingresos petroleiros de Venezuela, con consecuencias sociais, igual que para Cuba, catastróficas. Con todo, para este ano prevese que a economía venezolana medre non menos do 10%. O cerco político, económico e mediático contra Caracas, fracasou. Queren unha proba? O diario El  País, que non hai moito recoñecía Juan Guaidó coma presidente interino de Venezuela apoiado por máis de 50 países e que agora degrádao a candidato opositor. Pero as feridas da guerra económica contra o pobo de Venezuela tardarán en sandar. Os culpábeis están na hemeroteca: os gobernos, partidos políticos e xornalistas que recoñeceran un espantallo golpista imposto por Donald Trump.

A vicepresidenta de Arxentina, Cristina Fernández, sofre arestora unha persecución xudicial que tenta impedir a súa candidatura ás eleccións vindeiras. Algo que recorda ao sufrido en Brasil por Lula. Non hai proba contra ela, pero quen ditan sentenza son os medios para os que non rexe a presunción de inocencia. Patricia Janiot, xornalista de Univisión, dicía que os actos de apoio popular a Cristina son insólitos,  pois non existen probas da súa inocencia. Lembra alguén se Patricia Janiot denunciara, anos atrás, o asasinato dos seus colegas profesionais en México ou Colombia? Non. Mais desta si, porque en ambos os países hai gobernantes progresistas que non son do seu agrado.

Xustiza aínda. Recén condenaron en Israel ao palestino Mohamed al Halabi, director para Gaza da ONG World Vision a doce anos , por un suposto desvío de diñeiro á organización Hamas. A ONG, con sede en Nova York, así como o seu patrón, o Goberno de Australia, realizaron senllas auditorías sen que atopasen operación irregular ningunha. Hai un ano, a cooperante española Juana Ruiz foi condenada a 13 meses de prisión polo mesmo motivo. Estamos a falar de Israel. Impune, libre de condenas e de comentarios na prensa.

Por certo, a comezos de agosto, novos bombardeos de Israel sobre Gaza mataron 48 persoas, 17 delas cativos. Acontece en Palestina, símbolo e cifra do mundo no que vivimos, onde cada mísil deitado custa 100 mil dólares, dispárase desde un avión valorado en 20 millóns e custa 6 mil dólares a hora de voo para acabar coa vida de persoas que, alá abaixo, viven con menos dun dólar ao día.

Tradución ao Galego de Lina Sobral.

A esperanza de vida en Cuba xa supera en tres anos a do seu veciño imperialista

Isolina Couto – TSA Jacksonville

A esperanza de vida en Cuba adianta a dos EUA segundo unha información do semanario Newsweek, editado en Nova York e con circulación en todo o país. A revista chama a atención sobre a estatística recente da rede Centers for Disease Control and Prevention (CDCP) encargada dos indicativos de saúde nos EUA que revela que a esperanza de vida do 2021 ao nacer é de 76,1 años, o que representa una caída de case un ano completo a respecto da cifra de 2020. Newsweek nota que os indicativos da pequena e bloqueada Cuba xa adiantan en tres anos os do país que decreta seu cerco, o máis armado e rico do mundo.

O artigo salienta que Cuba ten asistencia eficiente, universal e de balde e unha investigación médica de alto nivel.

Contra esta información, o sistema dixital do goberno de Washington inzou decontado as redes con propaganda masiva que acusa de falsidade unha información estatística que favorece a Cuba, coma se os datos procedesen dunha fonte espúrea e non dun anuncio do servicio de seguimento de saúde dos EUA. 

Newsweek repara que nos últimos dous anos, a caída da estatística de saúde estadounidense é drástica até o extremo de ver como a de China a supera, malia vir só de 59 anos en 1970. O artigo salienta que Cuba ten asistencia eficiente e de balde para toda a poboación e unha investigación médica de alto nivel cuxos produtos, coma pode ser a vacina contra o cancro de pulmón ou o tratamento para o pé diabético, interesan en todo o mundo.

Segundo o Banco Mundial, a esperanza de vida no planeta experimentou un devalo logo de ter rexistrado 60 anos de aumento desde 1960.  Nese tempo, os EUA pasaron de estar 17 anos por diante da media mundial, a estaren so 4,5 anos por diante no 2020. Newsweek prevé que a revisión integral da estatística mundial deixará a vantaxe estadounidense en só tres anos o que a deixará por baixo de Colombia, Uruguai, Chile, Costa Rica, Panamá, Porto  Rico, Turquía, Grecia e Albania. Estes países teñen menos da metade de renda dos EUA e no caso de Cuba a diferenza non ven só duns recursos inferiores, senón do feito de padecer dende hai máis de 60 anos un bloqueo inclemente de parte do pais máis rico do mundo.

A partir dos datos presentados polo CDCP,  EUA ocupa o lugar 50 en esperanza de vida no mundo.

A solidariedade denuncia novas agresións contra o local de EusKadi-Cuba

MESC – Redación de TSA

A solidariedade con Cuba condena un novo cerco da ultradereita contra o local da Asociación Euskadi-Cuba en Bilbo, fins de agosto. O MESC (Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba) que representa 60 organizacións do Estado español, denunciou a agresión realizada mediante pintadas que recordan outras de xullo de 2021 contra o mesmo local, e as ameazas de chantar lume ao local de parte dun axente da contra.

O MESC relaciona estes ataques coa mesma xenreira anti-cubana que ven padecendo durante meses o Consulado de Cuba en Barcelona ou os intentos de impedir pola forza actividades solidarias organizadas en diversas cidades do Estado no ano que andamos, mesmo con agresións físicas a militantes da solidariedade.

Estas accións violentas teñen por lema común Patria y Vida, unha divisa que corresponde a divulgada por todos os sistemas de propaganda do bloqueo patrocinado polo goberno dos EUA. O formato censor reproduce o mesmo modelo de actuación dende 2021 contra calquer acto de apoio de apoio a Cuba bloqueada. Un exemplo foi a aparición de reventadores no comezo da intervención do alcalde Ángel García Seoane, na efeméride do 26 de xullo celebrada en Oleiros. Cinco asistentes, un deles embozado , que portaban un lenzo con aldraxes contra o Che e a divisa explícita de Patria y Vida en grandes caracteres, proferiron apupos que foron logo afogados pola protesta indignada das persoas que participaban na homenaxe solidaria aos herois do golpe contra o cuartel Moncada, suceso que marcara o camiño para a vitoria revolucionariada de 1959.

O MESC chama a atención sobre o paradoxo de os contra-revolucionarios reclamar vida e convivencia nacional de Cuba mediante intervencións violentas, o atranco e sabotaxe das relacións libres da illa co resto do mundo e a construción forzada e delincuente de estados de carencia que atentan directamente contra o dereito a vida en Cuba, o que non pode senón recibir o nome de violación sistemática e masiva dos dereitos humanos, tal e como foi definido e expresamente denunciado pola Asemblea das Nacións Unidas en 29 ocasións.

“Non conseguirán ningún dos seus obxectivos –recorda o MESC nun comunicado- e a pesar da dura conxuntura económica que sofre o pobo cubano, produto do bloqueo, as 243 últimas sancións e os efectos da pandemia, sairá adiante. A solidariedade con Cuba no Estado Español acompañará e apoiará, agora e sempre, ao pobo e a Revolución cubana en todas as circunstancias e pese a quen pese”.

O movemento estatal de solidariedade invita a continuar na vital defensa de Cuba Socialista e a protexer dereitos e liberdades da Asociación Euskadi-Cuba, unha das entidades fundadoras da rede de defensa da Revolución Cubana nesta parte do mundo.

“Canda falta a luz, a opción e contar a verdade de como se está a solventar o problema” (Iroel Sánchez)

Iroel Sánchez – Cubadebate

É moi duro o que estamos a pasar en Cuba. Procurar culpábeis no medio dos apuros é unha tentación que ben se comprende, mesmo que non adoite ser xusta. Non hai solucións sen chata, e nomeadamente cando se está a buscar solución no medio dunha guerra campal, con efectos económicos que fan que calquera erro multiplique as súas consecuencias.

Instantánea da primeira intervención nunha central cubana en Marzo de 2021. Un proceso acumulado de deterioro tecnolóxico das centrais eléctricas, de imposíbel solución urxente, multiplica dende 2021 os problemas no servicio en Cuba.  Os cortes de luz atormentan á poboación ao tempo que dan folgos ao oportunismo político que inza as redes de trolas e alarmas, como conta o autor do artigo.

A razón non quer forza nin a forza quer razón. Para quen sabemos como o noso pobo, guiado por Fidel, loitou e venceu nas máis arriscadas circunstancias,  a escusa non ten lugar. A única opción posíbel, é contar a verdade a ese pobo invencíbel, como eu coido que se está a facer.

Porén, cando vexo como un cubano residente nesta illa pregunta en facha de fiscal cibernético por que non reparáramos as termoeléctricas no 2021, apálpome aínda vivo, tanto coma el, busco a taxa de letalidade por Covid aquí, e comprobo que é a metade da do resto dos países de América. Recordo que sen ingresos por turismo e remesas, con todas as fontes de divisas coartadas polo xenocida Trump e o seu continuador Biden, Cuba gastou o diñeiro que tiña e o que non tiña para facer que el, eu, e os nosos parentes e amigos, tivésemos o dobre de probabilidade de sobreviver á pandemia que calquera habitante doutra nación deste continente. E todo iso preservando empregos e salarios, o que xerou un déficit fiscal maior, que hai que resolver de urxencia, igual que compre atender atender os efectos nocivos dun ordenamento con erros de deseño, como hoxe se recoñece.

E quen son felices porque alguén proclama o que eles queren escoitar, negáronnos nese mesmo ano 2021 até o osíxeno e ofreceron vacinas cando xa estabamos vacinados coma o que máis, sen nos custar un centavo a ese alguén ou a min; a esa economía cercada que non puido reparar as termoeléctricas a tempo, si lle custou, aínda que iso sexa invisíbel.

Comparto lusco e fusco con el, como compartirei o destino das bombas cos opositores que coidan que os mísiles veñen con dirección, número de carné de identidade e un cartaz  ben grande que dirá só para comunistas, se chega o dia no que, grazas a opinións como a súa, os da beira equivócanse e crennos divididos abondo para non poder defendernos.

Pero se iso non sucede, grazas a que Facebook non é Cuba, nin o pobo de Cuba é o que as pantallas din por conta do imperio, e todo este apuro pasa, como xa pasaron outros non menos graves, eu volverei compartir con el médicos e vacinas, aínda que non afectos nin respecto, porque  a pobreza pasa: o que non pasa é a deshonra. Palabra de mestre.

Versión en Galego de Adela Roade para TSA.

Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook