Xunto con mais de 2000 invitados procedentes de todo mundo, asistín á xuramentación de Nicolas Maduro como presidente constitucional da República Bolivariana de Venezuela. O acto civil que Representantes da solidariedade internacional co proceso bolivariano seguimos 10 deste mes en Caracas, celebrouse na soleira do Pazo de Miraflores, logo de o acto oficial da toma de posesión rematar horas antes no Salón Elíptico do Pazo Federal Lexislativo que garda a Acta de Independencia de Venezuela.
O diario Correo del Orinoco, escolleu esta imaxe para ilustrar o 10 de xaneiro en Caracas. “Yo voto con Maduro para el futuro” é o lema dominante.
A verdade é que foi realmente emocionante. Miles de persoas soportando a calor, confraternizando na solidariedade cun pais que se ten convertido, nas últimas dúas decadas, e ao carón de Cuba, no paradigma da loita antiimperialista en Latinoamérica.
Un pais sitiado e bloqueado, política, económica, financeira, mediática e comunicacionalmente; que resiste dende hai 25 anos o acoso e derribo do imperialismo e dos inimigos interiores ao seu servizo, pero que amosa o seu xúbilo polo triunfo do candidato da Revolución bolivariana, cantando e bailando nas rúas próximas ao Pazo Presidencial, nunha festa rachada sen fin ao ritmo do Caribe. Nese ambiente festivo onde nos mesturabamos galegos con outras nacionalidades, puiden sentir o alento da fraternidade e da solidariedade internacionalista como nunca antes.
Venezuela é unha espiña atravesada na gorxa do Departamento de Estado norteamericano e do capitalismo transnacional; unha excepción modélica que soubo crear institucións integradoras no ámbito suramericano e caribeño para defender a súa propia soberanía e a de outros países da zona e combater e contrarrestar o bafo do dragón do Norte.
Coa revolución bolivariana e baixo a dirección de Hugo Chávez, naceran o ALBA, a CELAC e UNASUR, organismos que interfiren e deseñan alternativas ás inxerencias constantes dos EUA e dos seus aliados na zona e no mundo. Isto é o que que fai perigosa a Venezuela.Como no caso cubano, a súa excepcionalidade e exemplaridade desafía o discurso colonial dos que pretenden marcar o ritmo e a historia dos pobos.
Vivemos eses breves días en Caracas cun sentimento de sans-culottes á caribeña. Certamente, uns sans-culottes, saidos das capas populares e do corazón do pobo que decidían, nas rúas de Caracas, berrarlle ao mundo que o presidente lexitimo e constitucional de Venezuela era Nicolás Maduro. Eses momentos foron para moitos de nós como unha revelación que ultrapasaba o coñecemento e as certezas sobre o proceso revolucionario bolivariano e os obstáculos internos e externos que estaba a enfrontar.
E por iso, e pode tamén que por malformación profesional, veume a imaxe dos sans-culottes parisinos nas xornadas de agosto de 1792, aquelas que trouxeron a República a Francia. Era o pobo en festa, as clases desposuídas, aquelas ás que Chávez e a revolución deron identidade e existencia civil, as que estaba nas rúas festexando a xura de Maduro e con el a lexitimidade do proceso revolucionario que encetara Hugo Chávez hai xa un cuarto de século.
Mentras eu, no medio daquelo, decatandome de que o mundo de onde eu viña, esa vella Europa colonialista e eurocéntrica, contén e representa só un cativo espazo no planeta, unha presenza menor entre aquela multitude orgullosa da súa identidade e a súa independencia e soberanía fronte ao Norte imperial e inxerencista.
E sí que creo que existen certos puntos de contacto coa Revolución Francesa, aquela que alumeóu o mundo dos dereitos fronte ao dos privilexios; que acabou coa Monarquia absoluta (o Pacto de PuntoFijo aquí en Venezuela) e que foi contruíndose e articulándose día a día (a Revolución en acto que dicía Labica) para sortear, como fai a Revolución Bolivariana hoxe, as agresións do Antigo Rexime na Francia do XVIII e do imperialismo aquí. Todo iso, grazas ao propio vigor e creatividade revolucionaria e á enerxía e alento transformador dunha xuventude entregada e valente que loita contra o clasismo e o racismo rampante de trazo colonial que aniña, aínda hoxe, na cada dia máis estéril, minoritaria e incapaz oposición ao proceso bolivariano.
Trump será o primeiro presidente da Florida: mália ter nacido en Nova York, o Estado da Florida adoptouno cando resolveu asentar alí novembro de 2019. Dixo que en Nova York non o trataban ben, mais a razón concreta do seu incomodo era que o perseguiran por evadir o fisco, e lle esixían facer público o seu estado financeiro, obriga que el desafiou, para ser o primeiro ex-presidente en delinquir contra unha declaración de probidade que ten décadas na tradición política norteamericana.
Marco Rubio pasou dos aldraxes a Trump durante a Asemblea Repubicana previa ás eleccións, a ser elevado a Ministro de Estado (Asuntos Exteriores) Din en Wasington que Trump premia aos seus rivais para se vingar deles.
Procuraba mellor trato na Florida polas autoridades políticas e xudiciais, e beneficiar de paso das vantaxes fiscais dun Estado, convertido en paraíso de millonarios. A maiores contaba cunha das súas fastuosas propiedades, a finca Mar-a-Lago, en Palm Beach, convertida en “centro do Universo”, segundo as súas propias palabras.
A presenza de Trump desprazou o centro de gravidade do movemento Make America Great Again (MAGA) cara á Florida, onde atopou terreo fértil nunha tradición conservadora que se remonta ás orixes do Estado, a derradeira fronteira do sur profundo norteamericano.
Os democratas dominaron Florida por combatiren a escravitude, a segregación racial e a violación dos dereitos civís das minorías, consolidouse o poder dos demócratas no territorio. O que nas orixes foi considerado partido dos brancos, agrario, con forte presenza do fundamentalismo evanxélico, non respondeu a metamorfose do New Deal de Franklin Delano Roosevelt. Ser demócrata nunca significou ser liberal na Florida.
Os republicanos, pola súa banda, o partido antiesclavista de Abraham Lincoln, expoñentes da expansión industrial e financeira do emerxente imperialismo norteamericano –facíanse chamar “progresistas”-, hexemónicos desde a Guerra de Secesión. Desprazados do poder pola inusitada coalición “Rooseveltiana”, evolucionaron en sentido contrario e foron gañando adeptos entre os conservadores sureños demócratas, até converterse no partido da dereita, o que aumentou a súa ascendencia na Florida e acentuou a polarización política do país.
Dos 46 gobernadores do Estado da Florida 33 foron demócratas, mais os republicanos non perderon desde que Jeb Bush (irmán do presidente George W. Bush) foi proclamado gobernador en 1999 (en contra de reclamacións nunca aclaradas de fraude electoral) Entre os demócratas aspirantes á presidencia, só Barack Obama triunfou neste Estado no que vai de século, dúas veces gañou o republicano George W. Bush e tres fíxoo Donald Trump, que encara agora o seu segundo mandato. Rompendo un patrón histórico de longa data, os republicanos superaron aos demócratas no rexistro electoral desde 2021.
GRANDES BENEFICIARIOS DO BLOQUEO
En boa medida, este avance republicano foi resultado da ofensiva neoconservadora iniciada coa campaña a prol de Ronald Reagan en 1980. Entre as forzas que impulsaron o dominio dos republicanos no Estado estiveron moitos cubano-americanos, vinculados na súa orixe á CIA e grandes beneficiarios da guerra contra Cuba, que aportaron á vida política local a violencia máis descarnada: reforzaron os contactos coa mafia e o tráfico de drogas -males endémicos na historia de Miami- e fixeron da cidade a capital da ultradereita latinoamericana.
Este escenario é o que acolle a Donald Trump, cando decide instalar o Estado Maior do movemento MAGA na Florida. Para unha lexión de políticos ultraconservadores que chegaron como comparsas do neoiorquino, pero tamén para os políticos republicanos do Estado, anunciouse a súa oportunidade na política nacional.
Tal foi o caso do senador Marco Rubio, fillo de exiliados cubanos, nacido en Florida, que logo de aldraxar a Trump na asemblea para a presidencia do partido, foi proposto para secretario de Estado; Susie Wiles, enigmática activista das campañas republicanas no Estado, a quen consideran artífice da vitoria de Trump, foi nomeada xefa da Secretaría Presidencial; Mike Waltz, ex-coronel dos Boinas Verdes e actual congresista floridano ultra da política exterior, será asesor para Asuntos de Seguridade Nacional, no entanto Pam (Pamela) Bondi, de Tampa, exfiscal da Florida, que formara parte do equipo defensor de Trump, será secretaria da Xustiza. Mesmo falan do gobernador Ron De Santis para o ministerio de Defensa, o que faría de Mar-a-Lago a Casa Branca do Sur, como presume a prensa local.
Na área da política exterior parece que a tendencia de Donald Trump será nomear a familiares e amigos como embaixadores ou enviados especiais o que restará protagonismo a Marco Rubio en temas vitais como as relacións coa UE —especialmente no referente a Rusia e a guerra na Ucraína— o Medio Oriente ou mesmo China e o resto de Asia, asuntos que a Rubio resultanlles grandes malia o seu paso pola Comisión de Intelixencia do Senado e os seus contactos con grandes doantes interesados na política exterior, en particular o grupo de presión sionista.
Con todo, ese non será o caso da política cara a América Latina, onde Rubio representa a dereita latinoamericana belixerante. Outros dous cubano-americanos ocuparán postos claves no Departamento de Estado (Asuntos Exteriores) os tamén floridanos Carlos Trujillo e Mauricio Claver Carone, subsecretario adxunto para o Hemisferio Occidental e enviado especial para América Latina, respectivamente.
Incluso Christopher Landau, nomeado subsecretario de Estado, ex-embaixador en México, vinculado aos sectores máis conservadores da administración de xustiza dos EUA e avogado de reclamantes cubano-americanos en contra empresas norteamericanas por faceren negocios con Cuba–ex-secretario no Tribunal Supremo dos xuíces Antonin Scalia e Clarence Thomas-, consolida esta virada á extrema dereita na política latinoamericana do próximo goberno.
Non se trata dun fenómeno novo, xa que dende Reagan fálase da cubanización da política dos EUA para América Latina pola implicación de cubanoamericanos de extrema dereita, mais nunca antes tiveran un protagonismo tan evidente. Ningunha destas persoas manifesta incomodidade co desprezo de Trump por Latinoamérica e, polo tanto, asumen o encargo de “pór orde na rexión”, segundo anunciou o novo presidente. Ás previsíbeis tensións con México e países centroamericanos debemos sumar o desafío a Panamá, onde, por riba, foi nomeado como embaixador o cubanoamericano Kevin Marino Cabrera, comisionado do condado Miami-Dade, sen experiencia en política exterior, mais fanático do presidente electo.
O maltrato imperial de Cuba, Venezuela e Nicaragua é previsíbel de parte de esta banda de axentes que levan anos consagrados a conspiraren a prol da extrema dereita; a relación será moi tensa cos gobernos aperturistas, especialmente os de Brasil e Colombia, cuxos presidentes foron obxecto de ataques persoais de parte do propio Marco Rubio. Despois da vitoria da Fronte Ampla en Uruguai, só Javier Milei, o presidente que se asesora co seu can morto, aparece como un colaborador entusiasta do trumpismo na América Latina. Aínda que tamén é certo que a “paz mediante a forza”, unha filosofía que Marco Rubio asegura defender, termine por subordinar a algúns que hoxe se prezan de independentes.
Non sabemos o que poderá resultar das ocorrencias de Marco Rubio como ministro de Exteriores mais o trumpismo anúnciase coma unha nova ofensiva maniática da extrema dereita en América Latina, no medio das contradicións que subsisten na inestábel coalición que sostén a Donald Trump e a súa dinámica disparatada. Un resultado que parece irreversibel, a curto e mediano prazo, é o compromiso da Florida como un estado republicano e conservador, o que terá consecuencias para a rexión.
O trumpismo logrou o retorno da Florida a extrema dereita que lembra os momentos máis retrógrados da historia do Estado. O incremento da xenofobia é un contrasentido nunha rexión multiétnica, que depende das súas relacións exteriores e onde máis do 10 % da poboación son inmigrantes; e que dicer da imposición do escurantismo relixioso e a persecución de ideas progresistas, consideradas “heréticas” polos novos inquisidores.
Pintada de vermello, a Florida perde os atributos que lle conferían excepcionalidade no contexto político norteamericano e reaparece como parte indiferenciada da outra metade do país, a peor de todas, por certo.
Con fondo pesar, na mañá do 7 de xaneiro recibimos a triste noticia da morte do compañeiro Xan Soto Vidal.
Militante excepcional da Solidariedade Galega con Cuba e coa súa Revolución, Xan Soto foi, ademais dun organizador nato, un magnífico activista en favor das diferentes causas xustas entre as que se atopaba a loita contra o bloqueo e pola soberanía de Cuba. Do seu compromiso militante deixou abondosas mostras como fundador e presidente de Amigos de Cuba de Pontevedra e organizador das numerosas actividades de solidariedade desenvolvidas por esta organización, así como polo apoio e participación en moitas das convocatorias da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”. A súa actitude revolucionaria constitúe para nós un exemplo de coherencia e compromiso que nos anima a seguir o camiño.
Ata sempre Xan!
Na Galiza o 7 de xaneiro do 2025.
A Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”.
A marcha contra o bloqueo na sexta feira 21 fronte a embaixada dos EUA, na beiramar da Habana, xuntou todo un arco de idades militantes da independencia de Cuba, dende os Mambises dos Cincuenta e Sesenta até a Mocidade do Milenio entre un mar de bandeiras de Cuba e da solidariede. Non lonxe da cabeceira da manifestación, o azul e vermello da bandeira de Galiza bailaba ao ritmo da brisa Caribe a beira de colores da América Martiana entre notas de metal, cántigas e danza. Na ocasión, o MESC (Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba) fixo público un comunicado que leva as sinaturas de sesenta organizacións fundadas para asistir a Cuba dende esta beira contra o bloqueo e para condenar as mil e unha trapelas e mentiras do veciño ao N do Estreido da Florida.
O Movemento Estatal de Solidaridad con Cuba (MESC) que integra máis de 60 organizacións e milleiros de persoas solidarias do Estado español, transmite unha firme expresión de irmandade e apoio á xornada de mobilización convocada polo pobo cubano 20 de decembro no Malecón da Habana, contra do ilegal bloqueo no que terma o goberno dos EUA por máis de 60 anos e a arbitraria inclusión de Cuba, lonxe de toda legalidade e respecto a verdade, na infame lista de países patrocinadores do terrorismo.
O MESC expresa a máis rotunda expresión de condena contra o criminal e ilegal bloqueo económico, comercial e financeiro que interfire a vida diaria do pobo de Cuba e denuncia a hipocrisía política que representa termar na inclusión de Cuba nunha lista de inimigos da humanidade. Lonxe de buscar xustiza, estas accións atentan contra o dereito de Cuba á súa soberanía, desenvolvemento e paz.
Anima ao valente e digno pobo cubano a participar masivamente nesta marcha histórica, demostrando máis unha vez a súa unidade e firmeza fronte ás agresións externas. CUBA NON ESTÁ SOA! Todas as organizacións e entidades que conformamos o MESC renovan o compromiso inquebrantábel coa loita do pobo cubano e polo seu dereito a vivir sen inxerencias nin bloqueos.
A colectividade solidaria representada no MESC, fai un chamado á comunidade internacional para se solidarizar con esta causa xusta e esixir o levantamento inmediato do bloqueo así como a retirada de Cuba da lista de países patrocinadores do terrorismo. É ben hora de por fin a estas políticas de agresión e de respectar o dereito de autodeterminación do pobo cubano.
Na súa firme vontade de proseguir na diaria denuncia desta agresión contrario a dereito, o MESC non cesará de organizar actividades de solidariedade e información que expoñan a plena realidade do criminal bloqueo contra Cuba.
Abaixo o bloqueo!
Viva a Solidariedade Internacional!
19 de decembro de 2024. Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC)
No 20 aniversario de Fidel e Chávez fundaren o ALBA-TCP, “proceso emancipador que o tempo foi transformando en abrazo dos nosos pobos”, o Presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel significou este sábado no XXIV Cume da Alianza que “sempre é grato e emocionante estar nos sacros lugares cos amigos e irmáns do ALBA, celebrando un momento transcendente da historia común”. O plenario reuniu en Caracas, arredor de Nicolás Maduro Moros presidente de Venezuela e anfitrión do cume e de Jorge Arreaza, secretario executivo do ALBA-TCP; ao comandante Daniel Ortega Saavedra, presidente de Nicaragua, a Luis Arce Catacora, do Estado Plurinacional de Bolivia; ao primeiro ministro de San Vicente las Granadinas, Ralph Gonsalves; o de Dominica, Roosevelt Skerrit;e o de Antigua e Barbuda, Gaston Browne. aRepública de Honduras a alto nível e aos ministros de Relacións Exteriores de San Cristóbal e Neves, Denzil Douglas; de Granada, Lennox Andrews; ao presidente da Asemblea Parlamentaria de Santa Lucía, Claudius Francis; ao vicechanceler de Honduras, Gerardo Torres Zelaya e ao asesor do Presidente de Estado para Asuntos Internacionais e Enviado Especial do Estado de Palestina, Riad Maliki.
“Hoxe xúntanos de novo un Cume do ALBA-TCP, fito da batalla pola unidade da Nosa América, en defensa da xustiza social polo mundo mellor alcanzábel que todos arelamos. Nin unha so vez faltamos á cita, como non faltaremos xamais á sagrada causa da integración americana que tantos soños e proxectos teñen pendentes; un encontro que non deixa de emocionarnos”, apuntou o presidente cubano en Caracas.
Díaz-Canel transmitiu á delegación de Palestina a solidariedade de Cuba, “esa que cada día ofrecemos a centos de palestinos que estudan no noso país”. Lembrou as arelasde Fidel e Chávez no establecemento do ALBA e o compromiso de concretalas nos tempos actuais, non menos desafiantes: “O camiño non foi doado e foi a vontade de cada un de nós de ver avanzar ao ALBA-TCP o que permitiu consolidar o proceso de integración inclusivo que ten como marca a ´común divisa do benestar, o desenvolvemento e a prosperidade”.
Contou que as ameazas á seguridade e a estabilidade deran lugar a numerosos encontros da Alianza este ano para intercambiar sobre o complexo escenario internacional. No XV cume do ALBA-TCP, Raúl Castro acautelara contra un retroceso a escala rexional provocado pola crise e o sistema de relacións internacionais que revela hoxe os efectos dunha orde inxusta, desigual e excluínte, con discursos de odio e violencia e presenza de vellos e non superados mecanismos de dominación imperialista,
Aos intentos de golpe de Estado e asexo de figuras políticas de esquerda e progresistas, acompaña o terror e mentira daDoutrina Monroe e do Destino Manifesto resucitadas contra América Latina e o Caribe. Imperialismo e oligarquías renovan o perverso propósito de dividir aos nosos pobos e socavar o avance da integración latinoamericana e caribeña; desafían o Dereito Internacional e as máis elementais normas de convivencia a través da imposición ilegal, a arbitrariedade e a chantaxe.
Na orde internacional ten de prevalecer a solidariedade, a cooperación e o multi-lateralismo para os países do sur poderen tomar decisións en igualdade, contra o imperio da desigualdade e a guerra, como dixo Fidel nun histórico discurso nas Nacións Unidas. O degaro enfermizo do colonialismo, a posesión e control das vidas e das terras doutros, revelan un rampante fascismo que ameaza a paz e a seguridade; compre pechar a fenda hoxe evidente entre Norte e Sur e tratar con xustiza aos países en desenvolvemento, no proceso de toma de decisións e no acceso a fontes de finanzamento; preservar a libre determinación dos pobos e impedir a violencia dirixida contra a integridade territorial e a independencia política de calquera Estado. Ten plena vixencia a Proclama de América Latina e o Caribe como zona de paz na que centra o compromiso de desterrar para sempre da rexión o abuso, a ameaza e o uso da forza.
RESISTIR A HEXEMONIA IMPERIAL
O presidente fixo un chamado a preservar a integridade territorial de Siria e a unidade do seu pobo e dixo que a longa guerra imperialista contra dela formaba parte dun plan de remodelación de Oriente Medio ao servizo dos intereses dos EUA, Israel e aliados. Recusou a aplicación de medidas coercitivas unilaterais a países que resistena hexemonía imperial e combaten a inxerencia nos asuntos internos dirixidos a estorbar as nacións na promoción do pleno goce dos dereitos humanos.
Diaz-Canel reclama a eliminación completa, inmediata e incondicional de todas as medidas coercitivas unilaterais, unha histórica demanda da comunidade internacional plasmada nas resolucións da ONU e en numerosas declaracións do MNOAL, o Grupo dos 77 e China e o Grupo de Amigos en Defensa da Carta das Nacións Unidas.
O Goberno dos EUA impón a Cuba desde hai 62 anos o sistema de medidas coercitivas unilaterais máis infame e prolongado que se ten aplicado xamais contra nación algunha: un acto deliberado de guerra económica dun imperio poderoso contra unha pequena nación comprometida ao desenvolvemento en xustiza; unha violación masiva, flagrante e sistemática dos dereitos humanos de todas as cubanas e cubanos, que está a recibir a condena por aclamación da comunidade internacional.
EUA escalou a partir de 2019 o bloqueo contra Cuba a unha dimensión extrema, moito máis cruel e inhumana, materializada en elevadísimos custes materiais e financeiros que inzan de malestar e problemas a vida diaria de Cuba, mentres a duración do bloqueo comporta un desgaste psicolóxico acumulado e maltrata de forma brutal a familia cubana. Ao tempo que executan esapolítica miserábel, os seus deseñadores e executores acusan cinicamente ao Goberno cubano de danar ao pobo coas carencias que o Goberno dos EUA provoca.
Nin unha hora máis pode prolongarse a inclusión arbitraria de Cuba na Lista de Países Patrocinadores do o Terrorismo, unha falacia que ten efecto asfixiante na economía. O presidente ten palabras de gratitude para os pobos e gobernos que alzaran a voz contra tal despropósito así como as mostras de solidariedade co pobo cubano tralo impacto dos recentes fenómenos naturais.
A actualidade política dos EUA non produce sorpresa a unha nación como Cuba que ten unha política de principios inspirada na Revolución. Diaz-Canel reafirmou a resolución de Cuba por defender o seu dereito soberano a construír un futuro propio, independente, socialista, libre de inxerencias e comprometido coa paz e a solidariedade.
Descasí, ratificou o presidente de Cuba a disposición ao diálogo serio e responsábel e a avanzaren cara a unha relación construtiva e civilizada en igualdade soberana, respecto mutuo e beneficio recíproco para ambos os pobos, á marxe das diferenzas entre os gobernos.
Reiterou o compromiso solidario cos países reunidos no Cume do ALBA-TCP que foran obxecto de conspiración contra os seus gobernos, en particular coa República Bolivariana deVenezuela, liderada por Nicolás Maduro e dixo que correspondía ao pobo de Bolívar e Chávez definir o seu futuro. Para a o Comandante Daniel Ortega Saavedra e o seu pobo, e para o Estado plurinacional de Bolivia, reservou tamén expresións de apoio e solidariedade na defensa da súa soberanía e recursos naturais.A histórica irmandade de Cuba e o Caribe, aposta por un Porto Rico libre e solidarízase con Haití, onde traballan brigadas médicas de Cuba.
DíazCanel renova a firme demanda do Goberno de Cuba por que cese a invasión armada contra a terra de Palestina, con recursos bélicos dos EUA e condena os ataques perpetrados por Israel contra Líbano, Siria e Irán.
Na véspera de a Revolución Cubana cumprir 66 anos, asegura a invariábel disposición a enfrontar e vencer os maiores desafíos, seguindo a disposición aprendida na escola de Fidel, Raúl e a heroica Xeración do Centenario de José Martí. “Probas abondas dei o pobo de Cuba nestes 66 anos, de a resolución mambí non minguar en nada, e que, como dixo o xeneral Antonio Maceo “quen tente apoderarse de Cuba recollerá o pó do seu chan asolagado en sangue, se non perece na loita”. Non cederá Cuba como non o fará o ALBA-TCP. “Fagamos do noso esforzo e traballo colectivo, un ALBA máis forte e máis unida”.
Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"