Pedro Trigo, Galego-Cubano de excepción

Rosa Bastabales TSA

Pedro Trigo, heroe do asalto ao Moncada, foi a imaxe radiante da galego-cubanía solidaria que inventara Neira Vilas cando asulagado nun mar de fichas de mambises galegos no arquivo por él organizado no Instituto de Literatura e Linguística da Habana, houbera de procurar un nome que conciliase a nacionalidade de tantas mulleres e homes de procedencia galega que entregaran o mellor da súa vida á Revolución Cubana. Pedro ven de morrer en Barcelona a piques de cumprir 97 anos, na casa da súa filla, coa que vivía retirado. Nacera na Habana en 1929, de páis emigrantes galegos. Na súa personalidade déronse os dous compromisos galego e cubano por excelencia, dende unha visión de clase e de defensa da independencia común ás dúas beiras do mar.

Pedro Trigo, heroe Galego-Cubano do Moncada, na homenaxe de 2014 en Pontevedra. A súa beira, Laura Urra, cónsul de Cuba e Valentín Alvite Gándara, naquela altura presidente de Francisco Villamil.

Trigo puido aportar información periódica de Cuba de primeira man e denunciar o bloqueo en convocatorias públicas da Asociacion de Amizada Galego-Cubana Francisco Villamil nas que foi participante comprometido por todo o país. O seu vibrante relato do Asalto ao Moncada no que proliferan os apelidos de revolucionarios galego-cubanos, forma parte dos arquivos de Radio de todo o país.

Residindo en Calabazar, na beira da Habana, nunca perdera contacto con Ourol (Viveiro) onde vivira dos dous aos dez anos e conservaba ben de parentes. Esta relación permitíralle con naturalidade formar parte dunha candidatura nacionalista en Lugo e de presidir iniciativas locais de lembranza e homenaxe do seu irmán Xulio, heroe de Moncada, na comarca de Viveiro.  De feito, a Asociación Galego-Cubana do Viveiro leva o nome de Xúlio Trigo.

No 61 aniversario da xesta que marcou o abrente da Revolución Cubana. Miguel Anxo Fernandez Lores, alcalde de Pontevedra, recibiu a Pedro Trigo e a José Antonio Solana, Cónsul Xeral de Cuba, e a directivos da Francisco Villamil.  Nunha convocatoria a seguir, Trigo contou en primeira persoa a inciativa e preparativos do Moncada fronte unha plural e concurrida asistencia e no seu relato levou a primeiro plano o anti-imperialismo e a completa austeridade de recursos dos conxurados, axudados a penas con ideas, resolución e sacrificio. Interrogado sobre a disposición revolucionaria das novas xeracións citara a Bonifacio Byrne: “A loita de Cuba será eterna até non se ver libre do imperialismo”.  Fora aquela ocasión a segunda homenaxe galega a Pedro Trigo logo da festa organizada 26 de xullo na súa honra en Compostela pola Francisco Villamil coa colaboración de organizacións solidarias de toda Galiza.

Sábado  26 de xullo daquel Aniversario do Asalto ó Cuartel Moncada, tamén chamado Día da Rebeldía, a Asociación de Amizade galego-cubana “Francisco Villamil”, conxuntamente co  Consulado de Cuba en Galicia, celebrou unha festa comemorativa en Santiago de Compostela. Valentín Alvite, presidente da Asociación, falara do significado desta data para a solidariedade internacional con Cuba. Canda él, estaban Laura Urra, cónsul de Cuba, e Pedro Trigo, heroe do Moncada e membro do Movimiento 26 de Julio.

Pedro e o seu irmán Xúlio, ámbolos dous descendentes de galegos de Viveiro, participaran nos preparativos e no asalto ao Moncada. A cónsul agradeceu a celebración da homenaxe e lembrou aos Cinco, os loitadores antiterroristas cubanos.

Aos seus 86 anos,  facendo gala dunha lúcida memoria, Pedro Trigo repasara  os acontecementos previos a aquel 26 de xullo de 1953 e fixo emocionada  lembranza de Fidel Castro, Raúl, Che Guevara, Camilo Cienfuegos, Abel Santamaría e as compañeiras Vilma e Melba, protagonistas do primeiro intento de derrocamento da brutal ditadura de Batista. O heroico asalto ao Moncada convertiríase logo por dereito propio en alicerce histórico da Revolución Cubana. Fillo dun emigrante de Ourense, Abel Santamaría foi asasinado após logo do asalto ao Moncada, acción da que fora un dos principais organizadores. Abel editara xornais clandestinos e traballou arreo por tecer redes para a revolución. Fidel Castro nunca ocultou o seu enorme aprecio por el. Canción del elegido de Silvio Rodríguez está consagrada a súa memoria. A irmá de Abel, Haydée Santamaría,  tomou parte no asalto ao Moncada. Estivera na dirección do Movimiento 26 de julio e encargouse de armar a guerrilla de Sierra Maestra. Fundou a Casa das Américas, cerne da renovación cultural cubana, que dirixiu até a súa morte, en 1980.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *