Arquivo da etiqueta: Camilo

O LEGADO ÉTICO E POLÍTICO DA REVOLUCIÓN, REIVINDICADO NO X ENCONTRO ESTATAL DE SOLIDARIEDADE CON CUBA

Trescentos dous delegados/as pertencentes a 72 Asociacións de Amizade con Cuba, Institucións e organizacións sociais, sindicais e políticas reunidos en Sevilla (Andalucía) reivindicaron o legado ético e político da Revolución Cubana á que recoñecen como proceso histórico de democracia das grandes maiorías e de defensa de ideais de xustiza e solidariedade.

O Encontro celebrouse nos días 2, 3 e 4 de maio e produciu unha resolución final que salienta a dignidade revolucionaria e soberana de Cuba no medio do bloqueo e nun mundo asoballado pola privatización, o saqueo colonial e o dominio financeiro neoliberal.

O texto da Declaración de Sevilla é o seguinte:

A. – O mundo de comezos deste século XXI, baixo a supremacía dos Estados Unidos e mediante a imposición de políticas de privatización económica e dominio financeiro neoliberal, mantén a centos de millóns de seres humanos na miseria, a enfermidade e a ignorancia, e manifesta xa, pola cobiza estragadora do capitalismo, sinais de cambio climático que ameaza unha desfeita para a Humanidade; que asola nacións enteiras do Terceiro Mundo con guerras de pillaxe neocolonial e imperialista que arrafañan seus recursos e rompen as bases culturais, políticas e económicas das súas sociedades. Porén, neste mundo á beira da barbarie, Cuba sobrancea coma unha pequena nación que, con todo e as agresións e difamacións que sofre, mantense digna, revolucionaria e soberana.

B.- Denunciamos o bloqueo que as sucesivas administracións norteamericanas practican contra Cuba; denunciamos o sistema global de agresión que establece medidas de carácter político, económico, cultural e diplomático para causar sufrimento ao pobo cubano e impoñer pola forza un proxecto de recolonización da Illa.

Neste sentido, o Plano Bush é a última volta de fuso deste propósito de intervención ilegal do goberno norteamericano e o recente programa de visitas na UE de Caleb McCarry, designado polos EE.UU. procónsul para a restauración neocolonial, ten como obxectivo promover divisións entre os gobernos da Unión Europea e manter a súa subalternidade política e, con ela, as medidas de cerco contra a soberanía nacional de Cuba que se ven chamando Posición Común Europea.

C. – Esiximos ao goberno español que leve a cabo as accións necesarias ante a Unión Europea para a denuncia da Posición Común Europea e o cesamento das medidas punitivas contra Cuba que establece; propugnamos un marco de relacións baseado no respecto e a colaboración entre nacións soberanas.

D. – Reivindicamos o legado ético e político da Revolución Cubana á que recoñecemos como proceso histórico de democracia das grandes maiorías e de defensa de ideais de xustiza e solidariedade.

A Revolución Cubana, liderada por grandes revolucionarios, como Camilo, o Ché, Raúl e Fidel, permitiu a Cuba liberarse da miseria, vivir en dignidade e ser soberana e a construccion e defensa heroica dun arsenal de armas intelectuais que están a exportar a toda a Humanidade na loita po un mundo mellor.

E. – Grazas á resistencia de Cuba, da súa Revolución e de Fidel, a socialización da produción, da política, do saber revélanse de novo como as mellores ferramentas contra a barbarie capitalista e esta resistencia permitiu que unha nova relación de forzas favorable aos pobos latinoamericanos fortaleza a hexemonía das ideas progresistas e antiimperialistas nese continente. Apoiamos a Alternativa Bolivariana de las Américas (ALBA) porque constitúe un proxecto de integración e desenvolvemento con criterios de equidade, xustiza social e sostenibilidad.

F. – Os colectivos e organizacións participantes neste Encontro integran un movemento asociativo plural e democrático no estado español para a solidariedade política con Cuba, o seu goberno, o seu pobo e o proxecto histórico da Revolución Cubana, proxecto que se sostén no desenvolvemento cultural, na equidade social e na soberanía nacional, no internacionalismo e na axuda aos pobos máis desfavorecidos, na defensa da paz mundial e das relacións xustas entre as nacións.

Cuba, a pesar de ser unha pequena nación e de estar sometida ao acoso e á agresión da maior potencia militar que coñeceu a Humanidade, exhibe e afonda nun modelo social e político que é, hoxe por hoxe, no noso mundo actual, o máis avanzado no terreo das ideas, dos principios éticos e das realizacións educacionais, de saúde e seguridade social para as necesidades de toda a nación.

Por todo iso, este X Encontro de Solidariedade con Cuba del Estado Español comprométese a:

1. – Incrementar os seus mecanismos de coordinación e a súa axenda común de traballo para reforzar o campo orgánico e social que precisa a solidariedade política coa revolución cubana.

2. – Declarar como liñas estratéxicas de traballo para os próximos meses: Manter a denuncia do bloqueo e do acoso imperialista norteamericano a Cuba, así como o desmantelamento da base naval e centro de torturas que Estados Unidos mantén na base de Guantánamo que debe ser restituido á integridade territorial cubana.

3.- O afortalamento da campaña pola liberación dos cinco cubanos prisioneiros en cárceres dos Estados Unidos por loitar contra o terrorismo que se organiza no territorio dos Estados Unidos contra Cuba. A esixencia ao Goberno español para que realice as accións necesarias que consigan o cesamento das medidas punitivas chamadas Posición Común Europea.

4. – Consolidar e fortalecer todos os recursos e ferramentas que nos permitan combater o feroz acoso informativo a Cuba e aos gobernos progresistas de América Latina e conseguir que nos nosos pobos e cidades se coñeza a realidade de Cuba como nación que, aínda que sometida a inxustas agresións, loita cada día por ser máis solidaria, xusto, plural, participativa, que traballa polo desenvolvemento cultural e humano do seu pobo, que se mantén digna fronte á violencia e a dominación dos poderosos da Terra.

5. – Levar a cabo a todo o longo de 2009 unha Campaña ampla e coordinada para conmemorar o 50 Aniversario da Revolución Cubana, reivindicar a traxectoria e o pensamento do Comandante Fidel e celebrar o 80 Aniversario do natalicio do Comandante Ernesto Che Guevara.

6. – Aprobar, coas achegas acordadas polo Plenario o Documento Marco deste X Encontro, baixo o título: “Con Cuba e a Revolución. Pola Paz e a Amizade”.

VIVA CUBA
VIVA A AMIZADE ENTRE OS POBOS
VIVAN FIDEL E RAÚL
POLA LIBERACIÓN DOS CINCO
CUBA VENCERÁ
SEVILLA, 4 DE MAIO DE 2008

Condenan a agresión estadounidense contra os pobos de América Latina.
A Asemblea aprobou tamén unha Resolución Contra a Agresión aos Pobos de América Latina por parte do imperialismo norteamericano.

O texto reza:

“Considerando os últimos acontecementos de carácter político en América Latina, e á vista da escalada militar perpetrada por EE.UU. e os seus réximes cómplices na área, faise máis que necesario e urxente establecer un posicionamento contundente fronte a esta situación por parte do conxunto de persoas e organizacións amigas dos pobos ao longo e ancho do mundo.

Conmemoramos dende 2007 e ao longo de 2008, o 40º aniversario da caída do Che en combate. O propio recordo desta data, serve como exemplo do onte e o hoxe da loita dos pobos latinoamericanos pola súa plena soberanía.

O Che caeu desenvolvendo unha misión internacionalista de esforzo e entrega para os pobos oprimidos polo xugo imperialista; o común, onte e hoxe, na loita que enmarcou a Xesta Boliviana e inspira a Alternativa Bolivariana para os pobos da nosa América, é por unha banda a pervivencia dun sistema de dominación imperial, cada día máis acosado, que esperta a resistencia dos dominados, pero que non se resigna a desaparecer polos sumidoiros da Historia.

O ataque á soberanía Ecuatoriana por parte do réxime tiránico uribista é unha mostra patente da renovada agresividade doimperialismo. Pero a agresión contra Ecuador non pode caracterizarse unicamente como un feito illado descontextualizado doutras ofensas, provocacións e accións armadas contra as nacións da Alternativa Bolivariana das Américas (Alba).

O pseudo referendo na provincia Boliviana de Santa Cruz, os interesados ruídos de sabres en Ecuador, a continua agresión económica e mediática e paramilitar contra Venezuela, e o bloqueo económico, difamación informativa, e patrocinio de accións terroristas contra Cuba forman parte dunha fase específica nunha estratexia de agresión aberta, unha contrarrevolución global evidente que debemos denunciar coa máxima firmeza.

Pero a Historia non pode deterse. Ben pode verse que os procesos de transformación social e emancipación popular tenden á unidade na acción, a práctica e a solidariedade, tal e como revela o afondamento e extensión da ALBA. É o temor á afirmación irrevogable deste proceso na rexión o motor que move a dinámica de terror e morte da estratexia actual do imperialismo.

Para alén das súas manifestacións en países concretos, o ataque a un pobo significa o ataque a todos eles. Por iso, o Plenario do X Encontro Estatal de Solidariedade con Cuba:

Expresa a condena rotunda da agresión do imperialismo norteamericano contra Ecuador.

Secomasí, transmite a súa solidariedade co irmán pobo Colombiano que, coas súas organizacións populares á cabeza, resiste fronte ao dominio despótico e expoliador do seu actual réxime político, súbdito dos Estados Unidos e cómplice dos seus máis infames crimes.

E, en terceiro lugar, saúda o progreso das forzas populares de América Latina, con Cuba como exemplo de loita e vitoria, que levan ao máis alto a dignidade de todos os pobos.

Apoio á Revolución Bolivariana

Os delegados e delegadas no Encontro de Sevilla emitiron aínda unha declaración de apoio ao Movemento de Loita Popular en América Latina. O texto aprobado di:

Os participantes neste X Encontro de solidariedade con Cuba expresamos o noso máis firme apoio á Revolución Bolivariana de Venezuela encamiñada ao socialismo.

As relacións económicas establecidas entre Cuba e a Revolución Bolivariana expresan a solidariedade, a igualdade e xusta reciprocidade que deben presidir os intercambios económicos entre os pobos.

Estas relacións preparan o camiño da integración Latinoamericana arredor da ALBA e en clave socialista.

Apoiamos tamén as loitas de liberación populares e nacionais en América Latina xunto aos correspondentes gobernos progresistas emerxentes, que pugnan por sacudirse as cadeas do neoliberalismo e que teñen na Revolución Cubana un referente socialista e de autodeterminación e soberanía nacional.

Contra a Posición Común Europea

A Asemblea produciu asemade unha Resolución polo fin da Posición Común Europea e o restablecemento de Relacións de Mutuo Respecto entre Cuba e Europa.

Os participantes en este X Encontro -di o texto do manifesto- esiximos do Goberno español que inste na Unión Europea á derogación inmediata da denominada Posición Común cara a Cuba, así como ao restablecemento de relacións de mutuo respecto e igualdade para co pobo e o Goberno cubanos.

Endebén, esiximos que as relacións co Pobo cubano se realicen por medio dos seus lídimos representantes, que son as autoridades revolucionarias, e reclamamos o fin do financiamento de grupúsculos contrarrevolucionarios e desestabilizadores afincados no Estado español.

Tamén denunciamos con firmeza e repudiamos enerxicamente o comportamento de submisión e seguidismo que para co imperialismo norteamericano adoptaron algúns gobernos da Unión Europea.