Frank Soutullo – Saint John (Antigua e Barbuda)
O VI Cumio do CARICOM, celebrado en San Xoán, capital de Antigua e Barbuda, honrou a memoria de Fidel e o protagonismo de Cuba na unidade do Caribe. Nicholas Steele, representante de Granada dixo que interpretaba o sentir da Asemblea ao recoñecer que a Revolución Cubana derramara o seu sangue por liberar povos desamparados. “Nunca un pequeño pais alcanzara tal altura no mundo e nunca un povo con tan poucos recursos e malia un bloqueo criminal, fixera tanto para tantos con tan pouco”. Raúl Castro dixo que o seu pais “non poderá esquecer nunca a decisión Errol Barrow, de Barbados; Forbes Burnham, de Guyana; Michael Manley, de Xamaica, e Eric Williams, de Trinidade e Tobago, de estableceren relacións diplomáticas con Cuba, asi que os primeiros catro países do Caribe anglófono accederan a súa independencia no 66”. Unha porta aberta contra o Bloqueo e un paso decisivo na integración solidaria do Caribe, fronte o imperialismo dos muros, da explotación e do colonialismo.
Fidel e o seu povo, aprendéronnos que, mesmo se nos golpean, xamais poderán derrotarmos porque povo unido nunca será vencido –dixo Nicholas Steele- E se Cuba pode, nós unidos poderemos”.
O presidente cubano recordou o decimoquinto aniversario do Cumio Caricom-Cuba, de cuxos acordos e resultados procede unha relación profunda baseada na solidariedade e a cooperación. “Mostra desa amizade inmorredoira foi o apoio mutuo contra os efectos de dous intensos furacáns que azoutaron á nosa rexión en setembro pasado” –dixo Raúl Castro, que agradeceu as expresións caribeñas de irmandade e solidariedade.
A VI Asemblea do CARICOM asinou un memorando para a Cooperación entre a Defensa Civil de Cuba e a Axencia Caribeña de Intervención Fronte Emerxencias e alias foi aprobado un programa de educación infantil especial con Xamaica e Guyana asi como o de continuidade dos caribeños matriculados nas universidades cubanas onde xa se formaron 5.432 mozos e mozas procedentes de todo arquipélago. A colaboración de medicos e sanitarios cubanos presentes en todos os países de Caricom, asi coma a de técnicos doutras áreas, son parte da contribución de Cuba ao desenvolvemento dos pobos caribeños.
Raul dixo que entre 2014 e 2016 o intercambio comercial entre Cuba e o resto do Caricom crecera un 70 % e que en xaneiro de 2018 entraria en vigor o Segundo Protocolo ao Acordo de Comercio e Cooperación bilateral, que amplía as preferencias arancelarias outorgadas por Cuba e que facilita o acceso aos mercados da illa.
O presidente de Cuba reiterou o voto do seu goberno para reclamar unha actuación xusta das potencias industrializadas dirixidas a paliar osefectos do cambio climático, en particular con recursos financeiros e transferencia de tecnoloxía; concertar enfoques sobre a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostíbel e, en especial, para enfrontar colectivamente os mecanismos de dominación impostos polo inxusto sistema financeiro internacional.
Cuba tamén votou a prol do dereito dos pequenos Estados insulares e nacións en desenvolvemento a recibir un trato especial e diferenciado no acceso ao comercio e os investimentos e a favor de recibir cooperación de acordo coa súa situación real e necesidades, e non sobre a base de estatísticas de ingreso per cápita que os clasifican esquemáticamente como países de renda media e exclúenos dos fluxos de recursos financeiros indispensabeis para o seu desenvolvemento.
A representación de Cuba manifestouse tamén contra a persecución por parte dos centros do capital financeiro transnacional que buscan danar a reputación internacional dos países caribeños e fan imposibel o seu desenvolvemento económico a medio de inclusión en listas espurias e unilaterales mentres obrigan a compromisos supranacionales presuntamento comprometidos contra á corrupción.
O voto de Cuba sumouse á demanda da Comunidade do Caribe de compensación por parte das potencias coloniais polos horrores da escravitude e e a trata.
A Asemblea do CARICOM proclamou América Latina e o Caribe como Zona de Paz, a partir da acta do II Cume da Celac, celebrada na Habana en xaneiro de 2014, que constitúe a base para o desenvolvemento de relacións de respecto mutuo entre os Estados e o compromiso destes co estrito cumprimento da súa obrigación de non intervir, directa ou indirectamente, nos asuntos internos de calquera outro Estado e observar os principios de soberanía nacional, a igualdade de dereitos e a libre determinación dos pobos.
Cuba condenou os continuos entremetementos que procuran a destrución da orde constitucional da República Bolivariana de Venezuela, nación latinoamericana e caribeña de seu, e reiterou a súa permanente solidariedade e apoio ao heroico pobo venezolano, á súa unión cívico-militar e ao goberno bolivariano e chavista encabezado polo presidente Nicolás Maduro Moros. Cualificou tamén de responsabilidade histórica e ética das nacións do Caribe coa irmá República de Haití e a necesidade da contribución ao seu desenvolvemento, con estrito apego á vontade do seu goberno e ás lexítimas necesidades do seu pobo.
“Os cubanos agradecemos fondamente aos nosos irmáns caribeños pola súa inalterábel posición de respecto e solidariedade cara á nosa patria –dixo Raul Castro- e nunca esqueceremos o permanente respaldo ás resolucións contra o bloqueo a Cuba, así como as numerosas expresións de solidariedade nos debates xerais da Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas e noutras tribunas internacionais”. O presidente recoñeceu que este apoio era aínda máis relevante fronte ao retardo decadente das accións do novo goberno dos Estados Unidos contra Cuba. “O bloqueo –recordou- constitúe o maior atranco para o desenvolvemento económico e social do noso país, e para as relacións económicas, comerciais e financeiras de Cuba co mundo”.
No remate da súa intervención, o presidente cubano citou a frase “No fiel de América están as Antillas”, de José Martí, o máis universal dos cubanos e dixo que as súas ideas, hoxe ampliamente compartidas, transmiten a certeza de que un Caribe a cada máis próspero, equitativo, seguro, sostibel e unido é posibel. “E sempre poderá contar coa eterna amizade, gratitude e respaldo de Cuba”.
A RUINA DO CARIBE E A CONFIANZA EN CUBA
No remate de novembro deuse por pechado o ciclo dos furacáns atlánticos que este ano rexistrou 17 tormentas tropicais e dez ciclóns e foi cualificada pola Administración Nacional Oceánica e Atmosférica dos EUA como a máis estragadora xeira dende 2005. O VI Cumio do CARICOM en Antigua e Barbuda serveu para dar conta da ruina causada nestas dúas illas, que teñen por xunto unha superficie pouco maior ca Gomera nas Canarias. A máis das gravísimas afectacións de Cuba, Dominica, tamén membro do CARICOM, perdeu todo canto tiña mentres Porto Rico, Anguilla, as Illas Virxes Vírgenes Británicas, en outros territorios caribeños sufriron importantes danos.
Un recente estudo do Banco Mundial, asegura que a cantidade de furacáns maiores aumentará un 40 por cento con só as temperaturas globais aumentar en 2°C, e esta ameza chegará até un 80 por cento se a suba é de 4°C,o que provocará un aumento do nivel del mar con efectos arrasadores para os pequenos Estados caribeños.
Tanto o PNUD (Programa das Nacions Unidas para o Desenvolvimento) coma o Banco Mundial avaliaron as intervencións de emerxencia no Caribe en algo máis de 10,000 millóns de dólares dos que só unha fracción foi licitada.
Os colonizadores históricos do Caribe reclaman para si o patrocinio das illas emancipadas, nomeadamente das que pertenceron a coroa inglesa e seguen presuntamente protexidas pola Commonwealth. Porén, o VI Cumio do CARICOM proba que é Cuba quen merece hoxe confianza no Caribe, malia que o coro da caridade capitalista pretenda o contrário.