Ailin Resende – Habana
Dezaséis de xullo, a obra de Fernando Ortiz foi declarada Patrimonio da Nación Cubana en sesión celebrada no paraninfo do Colexio Universitario San Gerónimo, no centro histórico da Habana, ao se cumpriren 138 anos do nacemento do autor de Los Negros Esclavos. Abel Prieto, presidente da Sociedad Cultural José Martí dixo que era un acto de xustiza para o pai da antropoloxía cubana e citou un parágrafo do ensaio Factores Humanos de la Comunidad (1949) no que Ortiz denuncia a vontade negativa de certos cubanos contra a súa nacionalidade de orixe, por un complexo de inferioridade. Ortiz formara parte do histório Grupo Minorista fundado en 1923 por Rubén Martinez Villena, Marinello, Alejo Carpentier, Julio Antonio Mella e José Manuel Acosta que proclamaron a continuidade do nacionalismo emancipador martiano e refundaron o anti-imperialismo cubano que se manifesta no Moncada e dá lugar á Revolución.
O tributo a Ortiz foi presentado por Miguel Barnet, presidente da fundacion que leva o nome do fundamental antropólogo, adiantado no concepto da transculturación e na constatación de que Cuba sen a Africanía non sería Cuba. Barnet, citou a afirmación de Ortiz no limiar de Cuentos Negros de Cuba de Lydia Cabrera, onde dí que un pobo que se nega a si mesmo, vai cara ao suicidio. Barnet cita o fundamental Contrapunteo cubano del tabaco y del azúcar no que Fernando Ortiz, en 1940, apunta as orixes e as causas da economía dependente da Illa e do seu marco político e asegura que o sucre é foráneoo e nocivo e o tabaco autóctono, emancipador e afrodisíaco. “Cuba non sería en verdade independente -escribe Ortiz- sen se librar desa retorta serpe da economía colonial que se nutre dos seus campos, mais agana ás súas xentes e enguedéllase na palma do noso escudo republicano, converténdoo nun signo do dólar estranxeiro”.
Abel Priero recorda outros intelectuais de Cuba que identificaron na República neo-colonial distintas maneiras de se sentir e asumir como cubanos. Elías Entralgo, diferenza a cubanía progresiva da cubanidade estacionaria conservadora, a mesma que consertou os corpos de voluntarios baixo a dominación española, fronte as insureccións de 1868 y 1895.
A José Antonio Foncuev, que opón o patriotismo abnegado, comprensivo e previsor a despeito de outro pitoño, falso e declamativo e acusa aos que traidores aos máis altos e lídimos intereses do país, semellan propietarios exclusivos dunha delicadísima sensibilidad patriótica.
A Jorge Ibarra que denunciou o Mito Teodoro Roosevelt promovido por sectores influintes da illa na morte do político e militar ianqui en 1919, considerado campeón da liberdade de Cuba, pai amoroso da República plattista que algúns chegaron a comparar cos pais da patria cubana. “Nada máis lonxe da cubanía que este vergoñento pesadelo”.
A presenza de Ortiz está asegurada en Cuba pola seminal e activa fundación que leva seu nome. Co gallo da declaración patrimonial da súa obra, Abel Prieto sinalou a reaparición do auto-noxo en Cuba baixo a espécie dunha colonización cultural que idealiza a felicidade coma un nirvana que só pode realizarse no capitalismo. “Un capitalismo que multiplica o estrago e o consumo neurótico a partir de falsas necesidades: están a destruir o planeta e os seus poboadores”.