Farruco Sesto (ex ministro de Cultura e Urbanismo da Republica Bolivariana de Venezuela)
Para moitos, Venezuela é unha fermosa palabra, das que en determinados momentos da historia, e enmarcando conceptos tales como resistencia e dignidade, convértense en referencia das loitas humanas pola emancipación definitiva.
Para outros, como é o caso dun celebrado opositor dereitista de cuxo nome non me quero lembrar para non lixar esta nota, Venezuela é “unha enfermidade contaxiosa”, que debe ser erradicada.
Lamentablemente, aínda que talvez non podía ser doutra maneira na lóxica das cousas, o gran conxunto da industria mediática galega e internacional, ao servizo dos grandes poderes fácticos, tomou partido contra Venezuela e con iso, contra a verdade.
Porque cando a noticia non lles cadra aos medios de información nos seus esquemas e, non poden retorcela ou malinterpretala tan facilmente, como fan case a diario, entón simplemente miran cara a outro lado.
Tal é o caso da recente elección de Venezuela como membro do Consello de Dereitos Humanos da ONU, ocorrida o pasado 17 de outubro, co apoio de 105 países do mundo, a pesar de todas as presións imperiais, chantaxes e ameazas como só EEUU sabe facelo, para que non tivese lugar ese recoñecemento.
O Ministro do Poder Popular das Relacións Exteriores, Jorge Arreaza, en declaracións ofrecidas o mesmo día da votación, afirmou que o feito era “ unha nova vitoria da diplomacia bolivariana de paz (…) que haberá que mesurar, que medir no transcurso dos próximos días pero que hoxe nos atrevemos a cualificar de histórica”. Segundo recolle Telesur, o xefe da diplomacia venezolana asegurou que o Goberno de Nicolás Maduro enfrontouse a unha “campaña feroz, brutal, de EE. UU. e os seus países satélites” xunto a algunhas ONG de dereitos humanos “para impedir que Venezuela fose elixida”.
A noticia quéimalle nas mans aos diarios galegos empresariais e por iso deciden prescindir dela. Pois onde queda o seu reiterado discurso sobre esa maioritaria “comunidade Internacional” que se opón ao “réxime” de Maduro”?
E, por certo: como queda agora o manipulador informe Bachelet?
Hai veces en que o silencio, forma parte da mentira.
Publicado en Correo del Orinoco.