Alina Maceda – Terra Sen Amos
Na altura de o asalto ao Moncada cumprir 68 anos, en 26 de xullo, López Obrador, presidente de México, dixo que o mundo debería aclamar Cuba coma Patrimonio da Humanidade, polo heroísmo de ter resistido 62 anos o asedio dos EUA, o máis desigual e prolongado da historia. Non aparece mención da proposta de Obrador nas aperturas dos telexornais e o seu destaque é ainda menor nos diarios. Nun paseo de Vigo, os xardíns portuarios de Montero Rios, durante cen anos miradoiro dos barcos da emigración a Cuba, sete protagonistas da política de esquerdas e nacionalista explican por que compre esixir o remate do bloqueo que a ONU identifica coma o primeiro e definitivo atranco contra a vida, a saúde o progreso e a soberanía de Cuba. Entre o ventiño do mar e o abano dos freixos, paseantes de tarde reparan no cartaz que anuncia NÓS CON CUBA, CONTRA O BLOQUEO, co ánimo de entender o cerne dun discurso que mal visita a información. Hai quen di que de Cuba sabíamos ben máis cando os vapores da Habana atracaban diario nesta beira.
Antón Sánchez interpreta o Himno na gaita tumbal e, a seguir, en nome de A Nova-Irmandade Nacionalista, Oriana Méndez, concelleira en Vigo, recorda “a inmensa xesta que finalmente conduciu ao pobo de Cuba conquistar a capacidade de decidir seu futuro e historia, e que, precisamente na altura na que a Revolucións Cubana e ten dado tantas mostras do seu compromiso irreductibel coa vida, o progreso, a igualdade e a liberdade, é vitima dunha ofensiva reaccionaria e contra-revolucionaria que debemos combater dende o compromiso coa vida e a luz. Viva Cuba Revolucionaria: Patria ou morte, Matria ou morte!”. A concelleira recordou a Otelo Saraiva de Carvalho, heroi da Revolución de Abril e amigo de Galiza, finado o 25 de Xullo.
“Viva Cuba Libre!”, dixo ao tomar palabra Ana Miranda, deputada do BNG no Parlamento Europeo. “Vendo agora canda nós un neno que lanza piñas, lembrei cando meu pai levábame de cativa a manifestarnos contra o bloqueo a Cuba e que 40 anos despois teñamos que seguir protestando contra esta situación de asedio, ilegal, ilexítima, de manipulación informativa, contraria a 28 resolucións da ONU e as dos parlamentos do Sur”. Recordou as propostas nacionalistas no Parlamento de Galiza e da UE para defensa de Cuba na pandemia e cualificou de vergoña o feito do goberno de Sánchez manter silenzo sobre o encarnecido ataque aos irmáns e irmás de Cuba. “Dende esta terra solidaria, de xente noble, berramos Patria ou Morte, Revolución, viva Martí, viva Fidel, viva Diaz Canel e viva a Revolución Cubana!”
A Revolución Cubana, paradigma da defensa do común
Ricardo Castro Buerger, secretario xeral da Central Unitaria de Traballadoras (CUT) dixo que 26 de xullo de 1953, no Moncada, “abrira as portas da historia para o pobo traballador de Cuba e non só de Cuba pois naquela altura, palabras com a Igualdade, Liberdade,Fraternidade, Xustiza e Solidariedade, foran nosas outravolta e neste novo ataque contra a Revolución Cubana continúa a batalla ideolóxica polo valor das palabras: os lacaios do Capital rebañan palabras que eran nosas e din mentireiramente democracia, liberdade, mais non no noso nome senón para manter seus intereses de clase. A obriga de todas as mulleres e homes de ben, é defender a Revolución Cubana, paradigma da defensa do común: eis é a esencia do comunismo, a defensa do común; ou se está coa defensa da Revolución Cubana para defender o común, ou se está na defensa do individual contra o colectivo. Ou defendemos a Revolución en cada recuncho das nosas vidas públicas e privadas ou estaremos de perfil; de perfil está o goberno español, que ven de citar Ana, porque ou ben atacan unha parte da Revolución Cubana ou atácana por omisión. Aquí entre amigos e amigas é doado defender a Revolución, mais temos que sair da zona de conforto porque sabemos, como dicía Sartre, que liberdade é a capacidade de comprometerse. Viva o 26 de xullo e viva a Revolución Cubana!”.
Anxo Igrexas, recorda o compromiso da Confederación Intersindical Galega (CIG) coa Central de Trabajadores de Cuba (CTC) coa Revolución fundada no 61, e salienta “o éxito da Revolución, a contrafío de nada menos que 60 anos de Bloqueo e atrancos, un exemplo de loita pola soberanía, independencia e defensa do socialismo, que para os que somos nacionalistas de esquerda serásempre exemplo e referencia e debemos contribuir con todas aquelas iniciativas que multipliquen a solidariedade coa Revolución Cubana, como esta mesma da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil. Viva a Revolución Cubana! Adiante!”
A Guerra de IV Xeración: criar o problema para brindar a solución
En nome do Partido Comunista de Galicia e de Esquerda Unida, Eva Solla reparou “a importancia do compromiso solidario e das iniciativas de defensa da Revolución Cubana, nomeadamente cando arriza coma aggora un Bloqueo que ten un impacto social económico tan alto sobre a vida diaria de cubanas e cubanos; un Bloqueo absolutamente criminal e que está dirixido a minguar a capacidade de vida digna nun Estado que abrazara mediante a Revolución a opción de seguir nun sistema de valores e de xustiza antitético ao capitalismo; no balbordo da campaña de propaganda contra Cuba, dérase o caso de moitas persoas e colectivos dubidaren por causa da información contraria; a guerra de desinformación translada mensaxes falsos que inciden nomeadamente naquelas persoas menos politizadas. Eis a intención da Guerra de IV Xeración: inzar a idea de que hai un problema que resolver e que existe unha solución militar, como se ten defendido falsamente contra Venezuela e Cuba. A Revolución Cubana derrotou estes ataques dirixidos de feito contra calquera opción que represente unha alternativa viábel fronte o capitalismo. Por iso a causa da Revolución Cubana ten que ser unha bandeira para todas as mulleres e homes da esquerda. Viva a Revolución Cubana!”.
“Cuba é a máis bela Revolución, probabelmente a máis bela que se ten dado: a dun país pequeño que resiste 63 anos a só 90 millas do imperialismo máis poderoso que coñeceu o planeta. Cuba merece a nosa solidariedade! – di Xosé Collazo, do PCPG–. Así se está manifestando no Consello de Seguridade e na Asemblea Xeral da ONU, ano tras ano. O imperialismo non respecta chamamento ningún, non respecta a humanidade: non está para iso senón para destruir, asoballar e bloquear un referente coma o de Cuba ou calqueroutro que represente de verdade unha alternativa ao capitalismo. Facemos un chamamento especial a afortalar a unidade e coordenación do movimento de solidariedade con Cuba”. O recordo de Pedro Trigo, heroe de Moncada, nacido en 1928 na Habana de pais emigrantes de Viveiro, precedeu no final os lemas Viva Cuba Socialista e Soberana!, Viva o internacionalismo Proletario! e Patria ou Morte, Venceremos! que foron respondidos dende o público por unha mención a Xulio Trigo, irmán maior de Pedro e Mártir de Moncada.
En nome do Partido Comunista das Traballadoras de Galiza (PCTG) Marina Quintillán pediu “o final do criminal bloqueo imperialista e xenocida que só conta co aval do Estado terrorista de Israel”. Dixo que “os gobernos capitalistas e imperialistas da UE carecen de autoridade moral carecen de autoridade moral para falaren de democracia e liberdade ou dereitos humanos porque son quen manda tropa para disolver as protestas obreiras; aos compañeiros cubanos que nos agradecen por asistir, nós dámoslle as gracias por resistir e por seren durante tantos anos esperanza e exemplo para toda a humanidade traballadora. Os inimigos de Cuba terán de marchar por onde viron, coma en Xixón. Abaixo o bloqueo criminal! Patria ou morte!
Dereitos violados na UE e mentiras contra Cuba
Erea del Rio Iglesias, presidenta da Francisco Villamil fixo a seguir memoria do recrudecemento do bloqueo a Cuba: “En febreiro de 2020 comezou nas redes unha campaña identificada coma Crise en Cuba, represión, fame e coronavirus, nunha altura na que na illa non había nin un só caso da Covid 19, nin faltaban alimentos ou medicamento malia os golpes diarios contra as finanzas, o tránsito naval, o movimento bancário, o corte súpeto das remesas ou a cancelación de vóos regulares e demáis. O 2 de marzo de 2021, a Francisco Villamil denunciara na publicación dixital Terra Sen Amos, como 4 cantantes nados en Cuba presentaran dende Miami con enorme apoio mediático un alegato mediocre contra a Revolución Cubana. Estes rapeiros non foran denunciados polas autoridades de Cuba, o que contrasta coa situación de, entre outros, Pablo Hassel, quen vivindo na idílica UE está no cárcere por facer uso de dous dereitos centrais: o de expresión e o de manifestación”.
Del Rio relaciona a información destes feitos “co oportunista Movimento San Isidro que se enfrentou co Ministerio de Cultura como parte da guerra capitalista contra Cuba, pretendendo desestabilizar o país. Tentábase máis unha vez de crear un estado de opinión que xustificase unha intervención militar contra Cuba e presentar aos EUA como modelo mundial da democracia. A importancia da Batalla das Ideas, que encarecera Fidel. Chávez daba a esta clase de agresión externa, nome de Mecha lenta de Explosivo, que arde por contaxio masivo da opinión e incide tanto no económico coma no político”.
“Domingo 11 de xullo pasado, cadrando co maior aumento da Covid-19 tanto na Habana coma en Matanzas, as protestas adquiren unha maior gravidade con protagonismo de cubanas e cubanos no concello habaneiro de San Antonio de los Baños. Estas manifestacións foron publicitadas coma Contrarias á Ditadura e A prol da liberdade. Os media dominantes contaran centenas de detidos e mesmo de desaparecidos. Tomaron emprestadas imaxes doutros paises e mesmo de manifestacións de apoio a Revolución para finxiren a revolta. Estamos diante dunha estratexia intervencionista para derrubar ao goberno de Cuba, con tácticas diarias promovidas especialmente dende o exterior de Cuba; para inducir inestabilidade e caos, buscan provocar intervencións da forza pública para presentalas coma represión de dereitos básicos que poidan servir coma pretextos mediáticos para unha revolta, presuntamente en defensa das liberdades cando, de feito, son colaboración con agresores externos. Estamos a vivir unha guerra de desinformación, unha guerra integral non convencional, psicolóxica, de propaganda, comercial e mediática que invita a unha finxida intervención humanitaria, na realidade unha operación militar lanzada dende os EUA. Esquecen que a maioría da poboación de Cuba non participa destes incidentes e mal que lles pese non aceptan unha campaña que virá con bombas e morte. Esiximos a Biden que respecte os dereitos humanos, que elimine o Bloqueo, que deroge a lei Helms-Burton que quite a Cuba da lista de paises promotores do terrorismo; que peche a base de torturas de Guantánamo e non impida a importación de medicinas e bens necesarios”.
Resume Erea del Rio unha situación de emerxencia inducida polos EUA contra o normal funcionamento da economia e sociedade de Cuba e dirixida a bloquear a reforma monetaria e outras normas aprobadas pola inmensa maioria da poboación cubana. Sobre o labor desenvolvido pola solidariedade internacional, cita a campaña de adquisición de xiringas para a vacinación na illa, lanzada por Sodepaz e participada dende a Francisco Villamil. Denuncia aínda outro silenzo dos media: os máis de 9.000 millóns de Euros de perdas producidas polo Bloqueo, só o ano pasado, e remata con vivas á Revolución Cubana, ó 26 de Xullo e Patria ou Morte, repostada polo público cun Venceremos!
Facer irreversíbel a Revolución
“O mundo coñece como o imperialismo acreceu a súa arrebatada campaña contra a Revolución –dixo a seguir Ángel Torres, cónsul de Cuba, que agradeceu nun breve limiar a homenaxe amiga- mais a unidade do pobo arredor do Partido Comunista impedirá o suceso desta campaña. Temos o compromiso de facer irreversíbel a Revolución. Dende hai 30 a Asemblea da ONU condena o Bloqueo dos EUA contra Cuba. O actual presidente dos EUA, resolveu continuar as 243 medidas aplicadas polo seu predecesor para arreciar o criminal Bloqueo e queremos salientar que 55 destas foran aplicadas durante a pandemia o que non ten outro nome que xenocidio contra o pobo de Cuba”.
Recordou Ángel Torres que o pobo cubano envía tropa a todo o mundo, mais tropa de bata branca que ven loitando contra a Covid 19 en 55 paises, entre eles algúns da UE. “Agora o Imperio fai o impposíbel para que o mundo non saiba que a primeira vacina Latinoamericana é plenamente eficaz contra a morte por Covid. Chámase Abdala e é cubana. Esta guerra non convencional coñecida coma Manual Para o Golpe contra o Pobo, fracasará contra a vontade do pobo cubano e a solidariedade internacional de irmás e irmáns coma vós que non vos deixades enganar pola endiañada campaña internacional inzada de mentiras e trapalladas.
Cita ao ministro de Estado de Cuba para certificar que non se produciu tal cousa coma unha revolta popular. “Hoxe ten plena vixencia a sentenza de Fidel: A honra non se negocia, a patria, a independencia, a dignidade, a soberanía, a historia non se negocian; en circunstancias coma as presentes, os amigos e amigas da Revolución, erguen canda o pobo de Cuba e berran Abaixo o Bloqueo! Cuba si yankees non! (o público corea estes lemas) Viva a Revolución Cubana!”.
O preciso presentador Alberto López, agradeceu as intervencións, dixo que a Asociación de Amizade Galego-Cubana estaría preparada para encher as rúas de dignidade e solidariedade en defensa da Revolución e sinalou que a derramada condición da estatua do Pai da Revolución era responsabilidade do actual alcalde de Vigo, Abel Caballero Álvarez. Afinal coreou co público en pé os lemas Contra o Bloqueo Solidariedade! Cuba salva vidas, o Bloqueo mata! e Viva Cuba libre do Bloqueo!