ANA LOUREIRO – NÓS DIARIO
Baixo o lema “Deixade vivir a Cuba: Galiza contra o asedio imperialista”, a asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil convoca unha manifestación nacional en Santiago de Compostela para o vindeiro 19 de abril. A mobilización, que partirá ás 12 horas da Alameda, enmárcase nunha xornada internacional de apoio á Revolución Cubana, coincidindo co 65º aniversario da derrota da invasión ianqui en Praia Girón. Unha data que se verá marcada pola mobilización internacional, con diversas accións e manifestacións de solidariedade coa Revolución Cubana, no marco dunha intensa campaña de apoio a Cuba, que xunta mobilizacións, denuncias contra o bloqueo e envío de axuda material.

Así, no caso da Galiza, a convocatoria foi presentada na segunda feira en rolda de prensa e, tal e como explicou a Nós Diario o presidente da asociación convocante, Francisco Sebio, a mobilización busca denunciar o impacto do bloqueo imposto polos Estados Unidos e reforzar a solidariedade internacional con Cuba. “Donald Trump e Marco Rubio poden mentir e dicir o que queiran, pero hai unha soa e sinxela verdade e é que Cuba sofre unha guerra económica, comercial e financieira,que agora xa é naval tamén e está impedindo o comercio de combustíbel con Cuba”, asegura Sebio.
“Están intentando asfixiar a Cuba. Isto non é un embargo, é un bloqueo con carácter extraterritorial que sanciona a quen comercie coa illa”, denuncia Sebio. Neste sentido, fixo tamén referencia ás ameazas procedentes da administración estadounidense, lembrando que “Donald Trump falou de que fixeran todo canto puideran para reducir Cuba e que o único que lle queda é unha guerra, están acariciando esa idea, aproveitando que o de Irán non lles saíu como pensaban”. Porén, como defende, “vanse atopar cunha grave dificultade, porque a dignidade da revolución cubana pesa bastante máis que as súas propias dificultades”.
Os datos do bloqueo
Sebio puxo o foco nas consecuencias materiais desta política, ofrecendo cifras concretas sobre o seu impacto acumulado. “Desde 1960 até 2025, o bloqueo ocasionou perdas de case 1,5 billóns de dólares para Cuba e cada 21 horas de bloqueo equivalen a 12 millóns de dólares, xuato o que custaría a insulina de todos os diabéticos cubanos durante un ano”. Acrecentou que “cada nove días supoñen 129 millóns, equivalentes a todo o material funxíbel que os hospitais cubanos necesitarían durante un ano, e 25 días representan 359 millóns, o prezo de todos os medicamentos esenciais”.
O presidente da asociación advertiu ademais das consecuencias sociais desta situación: “Hai arredor de 1.400 nenos que non poden recibir tratamentos contra o cancro e máis de 100.000 persoas están á espera dunha intervención cirúrxica”. A mobilización en Compostela é a oportunidade àra unha parte da sociedade galega expresar o seu apoio á soberanía de Cuba e sumarse a unha xornada internacional de solidariedade.
Entre as organizacións que xa confirmaron o seu respaldo figuran formacións políticas, sindicatos e colectivos sociais de distintos ámbitos, dende o ecoloxismo ao feminismo, pasando polo movemento estudantil e internacionalista. Na seguinte listaxe recóllense todas as organizacións que apoian a convocatoria :
- Alternativa dos Veciños de Oleiros
- Bloque Nacionalista Galego,
- Central Unitaria de Traballadoras
- Comité Antifascista da Louriña,
- Comité Anti-OTAN de Compostela,
- Comité Anti-OTAN de Lugo,
- Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes
- Comunismo Revolucionario Galego,
- Confederación Intersindical Galega,
- Coordinadora da Mocidade Socialista,
- COSAL-Coruña
- Ecoloxistas en Acción – Galiza
- Encontro Galego contra a OTAN
- Esquerda Unida
- Ferrol con Palestina
- Fervenza
- Galiza Nova
- Galiza por Palestina
- Marcha Mundial das Mulleres
- Movemento Arredista
- Movemento Democrático de Mulleres
- Partido Comunista de Galicia
- Partido Comunista do Povo Galego
- Partido Comunista pola República Galega
- Podemos
- Sindicato Labrego Galego
- Unión do Pobo Galego
- Verdegaia
- Xuventude Comunista
Novas ameazas de Trump
O presidente dos EUA teima que a illa podería será o seu seguinte obxectivo militar a seguir do seu ataque contra o Irán. “Logo de rematarmos isto (a guerra contra o Irán, Líbano, Gaza e a beira W do Xordan que a Lei Internacional recoñece a Palestina) poderiamos ir por Cuba”, manifestou en resposta a un xornalista que lle preguntara por que razón cesaran as ameazas dos EUA contra aqueles países que envíen combustíbel á illa. “Cuba é outra historia” dixo.