A humanidade non pode asistir indiferente ao esgano imperial do povo cubano

Salim Lamrani*

Dende hai máis de meio século, os EUA terman nun destragador estado de sitio a Cuba por atrevérense os habitantes da illa a reinvindicar o seu inalienábel dereito á independéncia. Dando remate a seis décadas de dominación neocolonial exercida por Washington, o trunfo da Revolución liderada por Fidel Castro 1 de xaneiro de 1959, marcou o fin da era da subordinación e determinou a conquista da dignidade. A partir daquela, Cuba basearía a súa relación co resto do mundo, a comezar polo seu poderoso veciño, na igualdade soberana, o respecto mutuo, a reciprocidade e a non inxerencia nos asuntos internos.

Osval

Lexítimo anceio de emancipación que foi combatido polo governo de Washington mediante a imposición das primeiras medidas coercitivas unilaterais que privaron á illa do seu principal mercado, co obxectivo manifesto de derrocar ao Gobierno Revolucionario. Dende aquela, as sancións económicas foron acrecentadas pola maioría das administracións que se sucederon na Casa Branca, botando man de mil pretextos para opórense á soberanía de Cuba, ás nacionalizacións, a alianza coa Unión Soviética, á defensa dos movementos revolucionarios e independentistas e a democracia e dereitos humanos.no mundo enteiro.

As sancións económicas dos EUA contra o pobo cubano constitúen o atranco principal para o desenvolvemento da illa. O seu montante dende 1960 foi de 180.000 millóns de dólares, dos cales máis de 8.000 millóns corresponden ao período comprendido entre marzo de 2025 e febreiro de 2026, o que representa unha media de máis de 20 millóns de dólares diarios e máis de 15.000 dólares por minuto. Con semellante cantidade, Cuba podería cubrir as necesidades de produtos de primeira necesidade para todos os fogares cubanos durante un século. Máis do 80% da poboación cubana actual nacera baixo o bloqueo.

A aplicación extra-extraterritorial destas sancións ilegais obriga a Cuba a renunciar a ben de relacións comerciais posibeis con outros países. As empresas estranxeiras optan por non establecer vínculos comerciais coa illa, malia as innegábeis oportunidades que ofrece, por temor a represalias dos Estados Unidos. Lonxe de constituír unha simple regueifa bilateral, estas medidas coercitivas teñen un impacto directo no comercio de Cuba co resto do mundo.

As esperanzas dunha relación máis distendida entre ambos os países, suscitadas polo enfoque construtivo de Barack Obama, quedaran en nada a partir de 2017. A Administración Trump remprendera a política agresiva contra o pobo cubano, impoñendo, no transcurso de catro anos, 243 novas sancións, é dicir, unha medida coercitiva adicional cada cinco días durante todo o mandato. Washington atacou as tres principais fontes de ingresos do país: a cooperación médica internacional, as remesas familiares e o turismo.

Dende o seu regreso á Casa Branca en 2025, Trump impuxo un estado de sitio sen precedentes, caracterizado por unha crueldade nunca antes vista. A partir de 2025, a illa só puido recibir o equivalente a dez días de consumo de combustibel, o que provocou unha crise humanitaria de extrema gravidade, con consecuencias dramáticas para a poboación. Recorrentes colapsos do sistema eléctrico nacional perturban gravemente o funcionamento dos hospitais do país. Uns 100.000 pacientes, entre eles 12.000 nenos, atópanse actualmente á espera dunha intervención cirúrxica. A taxa de supervivencia dos nenos con cancro pasou do 85% ao 65%. En canto á taxa de mortalidade infantil, que era de 4,4 por mil en 2017, antes da chegada de Trump ao poder –a máis baixa do continente americano, mesmo inferior ás do Canadá e Estados Unidos – atinxe hoxe un 9,9 por mil.

A cruel política de Washington desatou asemade unha grave crise alimentaria. O sistema de rega – que funciona con electricidade – atópase seriamente afectado a causa da falta de combustíbel, o que provocou unha caída do 60% da produción agrícola. Nos fogares, os alimentos perecedoiros non resisten os cortes de electricidade, que poden durar até 30 horas nalgunhas provincias. O abastecemento de auga potabel, do mesmo xeito que a recolección de residuos domésticos, veuse tamén aquelado polo bloqueo medieval que xenera unha crise sanitaria de proporcións excepcionais. A grave paralización do transporte afecta ao desprazamento normal da poboación e ao acceso ás aulas de escolares e estudantes universitarios.

Cuba xenerosa e valente, dera sempre exemplo de solidariedade, ao abrazar todas as causas verdadeiras da emancipación humana e denunciar o colonialismo e as inxustizas, co que prestou unha axuda decisiva aos pobos que loitan pola súa liberdade, dende Alxeria até Sudáfrica e dende Palestina até o Vietnam. Centos de miles de facultativos, mulleres e homes, atenderan aos máis desfavorecidos e acolleran perseguidos que fuxían das ditaduras militares apoiadas por Washington na América Latina.

Hoxe Cuba, que paga un prezo moi alto pola súa resistencia e insubmisión, precisa da solidariedade mundial: a nosa humanidade non pode asistir indiferente ao estrangulamento de todo un pobo.

*Salim Lamrani é profesor da Universidade Paris-Descartes e da Universidade Paris-Est Marne-la-Vallée

Artigo traducido do Francés para TSA por Regine Lavalle.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *