Valentín Alvite.
En datas recentes, a axencia norteamericana Associated Press deu noticia de o Goberno de EE UU financiar en Cuba a rede social Zunzuneo, unha especie de “twitter” destinado a crear unha situación similar á “Primavera árabe” para provocar un cambio político na Illa. A citada axencia informa de o Goberno estadounidense recoñecer a existencia dese proxecto, que tivo un custo de varios millóns de dólares.
Se a finalidade de Zunzuneo é difundir as bondades do sistema político de EE UU, existe un modo de logralo sen causar ningún gasto aos contribuíntes: invitar os cubanos a visitar a base norteamericana de Guantánamo. Unha imaxe vale máis que mil palabras. Os visitantes poderían coñecer en detalle un modelo de estrito respecto aos dereitos humanos: nese recinto militar, desde 2001, centenares de presos sen acusación soportan as máis crueis torturas.
Un segundo modo económico de difundir o espírito democrático dos gobernos estadounidenses sería enviarlles aos cubanos copia dalgúns documentos oficiais elaborados polas propias autoridades norteamericanas. Poñamos só dous exemplos. Unha investigación realizada polo senado de EE UU en 1975 e dirixida por Frank Church demostrou a participación da CIA en 8 intentos de asasinato de dirixentes cubanos. Documentos confidenciais desclasificados en 2007 afirman que a CIA incluso recorreu á mafia para levar a cabo algún deses crimes.
Unha terceira proposta sería divulgar informacións publicadas na prensa norteamericana. Nunha entrevista a The New York Times o 12 de xullo de 1998, Luis Posada Carriles confesaba ser o responsable do atentado contra un avión civil cubano en 1976, matando 73 persoas. A pesar de que a súa extradición foi reclamada polo XV Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado, a administración norteamericana non só lle deu refuxio no seu territorio, senón que ten colaborado activamente con el, feito que Posada recoñecía na entrevista. “A CIA ensinounos todo: a poñer bombas e a matar.”
Para ensinar aos cubanos que deberán facer no futuro, o goberno estadounidense, que se propón como modelo, debería mostrarlles o que el fixo no pasado. Como afirmaba o escritor cubano do XIX José Martí, “facer é a mellor maneira de dicir”.
Valentín Alvite é presidente da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”.