M. Santiago – Terra Sen Amos (Compostela)
A Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil e o Consulado Xeral de Cuba, deron cita sábado 28 en Compostela, ao pé da efixie de Martí, e acompañáronnos galeg@s de Ortegal ao Miño e cuban@s, conxurados de consún co Pai da Patria. Foi no Parque Granell, para facer nosa a convocatoria universal ao Heroe Nacional Cubano no seu 165 Aniversario. Luz Fandiño baixou unha raiola no xeo da mañá cun limpo poema a Martí e, a seguir, caixa, parche e tumbal de Os Enxebres de San Lázaro ergueron notas do valeroso chan.
En representación do Concello de Santiago, viron Branca Novo Rey, concelleira de Acción Cultural no governo de Compostela Aberta e Rubén Cela Díaz, voceiro do Bloque Nacionalista Galego na Cámara. Recibíronnos Valentín Alvite Gándara, Presidente da Villamil; Jamaris Llanes Valdés, Presidenta da Asociación Haydée Santamaría e José Antonio Solana Fernández, Cónsul Xeral de Cuba en Galiza, acompañado da súa equipa no Consulado.
Valentín Alvite e Branca Novo repararon en fitos da biografía patriótica e literaria de de José Martí, mentres o Cónsul Xeral falou da plena actualidade das ideas de Martí, lucentes dende o cerne do seu ideal independentista, que reavivou e afirmou, co seu paso de cometa, o líder de la Revolución, Fidel Castro. José Antonio Solana fixo tamén un retrouso cubano para o Guieiro da Patria Galega, Afonso Daniel Rodriguez Castelao, cuxo nacimento en 1886 acae coa data martiana de 29 de xaneiro.
A concelleira Branca Novo deitou un ramallete de flores ao pé da fasquía de ferro do Cubano Universal, mentres o Cónsul Xeral e Valentín Alvite rendian a súa grilanda en nome de Cuba e Galiza.