CONFERENCIA DE DARÍO MACHADO EN SANTIAGO

O profesor do Instituto Internacional de Periodismo “José Martí”, afirmou martes 28 de outubro no Clube Internacional de Prensa de Galicia que as previsións que se fixeran cando desapareceu a URSS, aventurando que Cuba non daría aguantado, cumpríronse para os propios agoreiros “porque o que caeu foi o sistema capitalista”.

“Polo noso propio proceso revolucionario -sinalou Machado- Cuba está mellor preparada contra a crise ca os países capitalistas, e en mellor posición para enfrontar os reveses superando todo tipo de agresións”.

Darío Machado
Darío Machado

 

O profesor titular da Cátedra de Xornalismo de Investigación, afirmou que en Cuba, “unha das nosas máximas é producir con eficacia o que temos, e distribuír con xustiza o que se produce”.

Referíuse Darío Machado a tres propostas que hoxe circulan na opinión pública de Cuba: “Seguir pola mesma vía que hoxe transitamos; privatizar a pequena e mediana empresa para incentivar o desenvolvemento e a eficiencia, ou que non se privatice nada para non derramar os principios socialistas, pero enfocar a produtividade mediante a creación de cooperativas e outras fórmulas que non contradigan os nosos principios”.

“O Noso modelo de benestar e calidade de vida ten que ser un modelo propio cubano -acrecentou Machado- pois non podemos tomar como exemplo ningún país capitalista nin occidental, pois estamos situados nun contexto moi diferente, que é o latinoamericano”. Lembrou que moitos coidaban que Cuba non podería manter a súa independencia ao caer a URSS. “Con todo -sinalou- non só non caemos, senón que quen caeu foi o sistema capitalista”. O profesor indicou que, sguramente Cuba está máis preparada para resistir a crise internacional que os propios países capitalistas, dado que leva case 50 anos loitando contra todo tipo de agresións, resistindo, e defendendo a soberanía nacional, a identidade e o dereito a decidir o futuro. “Foron moitas as loitas que tivemos que afrontar, e iso nos dotou de fortaleza e de capacidade de superación”.

En relación co programa de Barak Obama para a Casa Branca, Darío Machado sinalou que existía unha contradición clara entre os intereses de EEUU e os de Cuba, aplicabel tamén a outros países latinoamericanos. “O pobo cubano non experimenta animadversión ningunha fronte ao pobo norteamericano, e iso é o que hai que seguir mantendo. Obama de presidente non é que sexa unha solución, pero é certo que foi o único que falou abertamente de dialogar con Cuba, cousa que non fixo o candidato republicano”. Con todo, recordou que “tanto republicanos como demócratas pertencen á mesma estrutura política, polo tanto, non hai que esperar ningún milagre, aínda que si pode haber cambios”.

Cambiar, por exemplo, a opinión que ten o goberno de EEUU de que Cuba trafica con dólares, “no canto de recoñecer que o que facemos é comerciar; con outros países en moeda Dólar; EEUU xa sancionou duramente un banco suízo por negociar, por comerciar connosco”. Ese concepto de “tráfico” ten que substituilo por “comercio”. Os cambios estruturais, non son -para Darío Machado- un obxectivo fundamental dos demócratas.

O profesor Machado dixo que Fidel continúa mantendo o liderado político, aínda que foi substituído lexítima e democraticamente, na Asemblea Nacional do Poder Popular, polo seu irmán Raúl. “Con todo, as Reflexións de Fidel seguen influíndo na política cubana, porque entre outras cousas, a sociedade cubana é fidelista”. Machado falou tamén do caso dos “cinco heroes cubanos” presos en EEUU, “mediante un proceso xudicial que contravén a propia lexislación estadounidense, algo incongruente, incoherente e que demostra a animadversión do goberno de EEUU cara ao noso pobo”.

Machado explicou que o sistema democrático da illa fica patente en que “máis de 1 millón 300 mil propostas dos cidadáns e cidadás cubanas chegaron ao goberno para seren transformadas en medidas políticas. E as máis importantes, dende logo, non foron a posibilidade de entrar nos hoteis, senón o desenvolvemento da economía cubana, algo que preocupa ao noso pobo e para o que buscamos solucións reais e efectivas”.

(Clube Internacional de Prensa de Galiza)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *