CRAVOS VERMELLOS E ROSAS BRANCAS PARA MARTÍ EN VIGO

MERCHI SANTIAGO – TSA

Sábado 1 de febreiro, amigas e amigos e Cuba, honraron a memoria de José Martí con flores, música e verbas de recordo e honra do Heroe Nacional de Cuba no seu cento sesenta e un aniversario. A convocatoria foi da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, diante da estatua de Martí en Vigo, obra do escultor cubano René Negrín, donada ao Concello pola Asociación en 1989.

En representación da “Francisco Villamil”, o presidente da Directiva, Valentín Alvite, realizou unha breve semblanza do líder do movemento independentista cubano na época colonial. Así mesmo, aludiu á súa enorme relevancia como iniciador do Modernismo, como xornalista e como pedagogo. Concluíu sinalando a coherencia que sempre mostrou entre as palabras e os actos, coherencia que el mesmo sintetizaba no seu lema “Facer é a mellor maneira de dicir”.

Momento da concentración diante da estatua de Martí en Vigo
Momento da concentración diante da estatua de Martí en Vigo

O Cónsul Xeral de Cuba en Galiza, José Antonio Solana, aproveitou a coincidencia do acto co aniversario do nacemento do líder nacionalista galego Daniel Rodríguez Castelao para referirse ás relacións entre este e Cuba.

O Embaixador Solana aludiu á conciencia panamericanista de Martí e aos seus desexos de constituír instancias políticas integradoras dos estados latinoamericanos con poder para faceren fronte ao Norte. Sinalou que os soños de Martí comezan a facerse realidade coa aparición de alianzas supranacionais, como a ALBA e a CELAC, e que esta última realizou en días pasados a súa II Cimeira na Habana cuns resultados altamente satisfactorios.

O mestre gaiteiro Antón Sánchez, secundado por caixa, parche e cunchas, interpretou a Marcha do Antergo Reino no intre de deitar rosas brancas e cravos vermellos aos pés de Marti. No comezo do acto, botaron unha ruada e dúas muiñeiras.

Entre a asistencia estaban Xabier Alonso, concelleiro do BNG en Vigo e responsábel comarcal da formación nacionalista; o poeta Anxo Angueira e o actor e diretor de teatro Manuel Borines; o cónsul xeral da República Arxentina, Roberto Gudiño; a Cónsul de Venezuela, Luisana Sánchez e a Cónsul Xeral do Uruguai, Marta Echarte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *