Discurso de Raul Castro no 50 Aniversario da Revolución

Una moitedume compacta escoitaba en silenzo no Parque Céspedes as palabras de honra que Raul Castro adicaba aos caidos na longa loita “Eles son o paradigma e símbolo do esforzo e o sacrificio de millóns de cubanos. En estreita unión, empuñando as poderosas armas que significaron a dirección, as ensinanzas e o exemplo de Fidel, aprendemos no rigor da loita a transformar sonos en realidades; a non perder a calma e a confianza fronte a perigos e ameazas; a levantar o ánimo tras os grandes reveses; a converter en vitoria cada reto e a superar as adversidades, por insuperabeis que puidesen parecer”.

Estas palabras de Raul foron recibidas por aplausos e vítores e, a seguire, o orador recordou as palabras de Fidel o 8 de xaneiro de 1959, no seu primeiro discurso ao entrar na capital: “A tiranía foi derrocada e a alegría é inmensa. Porén, é moito o que queda por facer. Non debemos enganarnos pensando que de aquí en diante todo será doado, porque, se cadra, no tempo a vir todo ha ser máis difícil”.

O povo de Cuba era dono, por fin, do poder político.”Pasaran 60 anos de dominación absoluta do nacente imperialismo norteamericano -recordou Raul- que non tardaría en mostrar os seus verdadeiros propósitos, ao impedir a entrada a esta cidade do Exército Libertador”. 

La Revolución soy yoAo referirise a frustración e a confusión producida pola inxerencia norteamericana, durante máis de cinco décadas de governos corruptos, o presidente do Consello de Estado lembrou a permanencia do espirito de independenza do Exército Mambí e o pensamento que guiou as armas de Céspedes, Agramonte, Gómez, Maceo e tantos outros próceres e combatentes pola independencia.

As repetidas intervencións norteamericanas, a tiranía machadista, a revolución frustrada que a derrocou e o golpe de Estado de 1952, co apoio do goberno norteamericano, que instaurou de novo a ditadura, convenceron aos revoilucionarios de que a a loita armada era a única vía. “Aos revolucionarios formulábasenos novamente, como a Martí antes, o dilema da guerra necesaria pola independencia que quedou truncada en 1898. O Exército Rebelde retomou as armas mambisas que despois do triunfo deviron para sempre nas invictas Forzas Armadas Revolucionarias”.

UN XUSTICIEIRO CATACLISMO SOCIAL

Na visión de Raul Castro, o tempo que mediou entre a frustración do soño mambí e o triunfo na Guerra de Liberación foi breve, en termos históricos: “Foron anos de maduración da conciencia e a acción de obreiros e campesiños, e de formación dunha intelectualidad xenuína, valente e patriota que os acompañou ata o presente. O maxisterio cubano, fiel depositario das tradicións de loita dos seus predecesores, sementounas no mellor das novas xeracións. Dende o mesmo momento do triunfo, fíxose evidente para cada home e muller humilde que a Revolución era un xusticieiro cataclismo social que petaba en todas as portas, dende os palacetes da Quinta Avenida, na capital, ata o máis misérrimo e apartado bohío dos nosos campos e montañas”.

As leis revolucionarias conmovían até o derradeiro recanto do país e, ao mesmo tempo sentaban un precedente para os pobos da Nosa América que hai 200 anos iniciaban o movemento emancipador do colonialismo. “En Cuba -lembrou Raul- a historia americana colleu rumos diferentes. Nada moralmente valioso foi alleo á refolada que, mesmo na véspera do primeiro de xaneiro de 1959, comezou a varrer oprobios e desigualdades, ao tempo que abria paso ao xigantesco esforzo de todo un pobo, decidido a se dotar de todo o que merecía. Millóns de cubanas e cubanos foron traballadores, estudantes, soldados, ou simultaneamente as tres cousas, cantas veces as circunstancias o esixiron”.

Esta vitoria foi dobremente meritoria, porque foi alcanzada “a pesar do odio adoecido e resentido do veciño poderoso: o fomento e apoio á sabotaxe e o bandidismo; a invasión de Praia Girón; o bloqueo e demais agresións económicas, políticas e diplomáticas; a permanente campaña de mentiras dirixida a denigrar a Revolución e os seus líderes; a Crise de Outubro, os secuestros e ataques a embarcacións e aeronaves civís; o terrorismo de Estado, co seu terrible saldo de 3 478 mortos e 2 099 eivados; os planos de atentados a Fidel e outros dirixentes; os asasinatos de obreiros, campesiños, pescadores, estudantes, diplomáticos e combatentes cubanos. Eses e outros moitos crimes dan fe do testán empeño de apagar a calquera prezo a luz de xustiza e decoro que significou a alborada do Primeiro de Xaneiro”.

Raul sinalou que todas as administracións norteamericanas, unha tras doutra, conspiraron por cambiar o Governo de Cuba, empregando unha ou outra vía, con maior ou menor agresividade. “Resistir foi a palabra de orde e a clave de cada unha das nosas vitorias, durante este medio século de ininterrompido batallar, en que partimos invariablemente de xogar a nosa propia pel, sen deixar de recoñecer a ampla e decisiva solidariedade recibida”.

Os revolucionarios cubanos fan súa a máxima martiana que citou Raul no seu discurso: “A liberdade custa moi cara, e é necesario ou resignarse a vivir sen ela, ou decidirse a comprala polo seu prezo”.

Tras lembrar as palabras de Fidel, pronunciadas en 1989 na mesma praza santiaguera, sobre o valor da resistencia patriótica e, un ano despois, sobre a firmeza coa que Cuba afrontou a caida da Unión Soviética, Raul ponderou o exemplo da “inconmovible firmeza dos nosos gloriosos Cinco Heroes” presos por causas políticas e condenados por medio de irregulariedades procesaios en distintas cadeas dos Estados. A mención dos Cinco Heroes foi coreadas por fortes aplausos e voces de alento.

CUBA XA NON ESTÁ SOA

Cuba xa non está soa fronte aos arbitrios imperialistas e a Revolución é máis forte que nunca, mais despois de confirmar esta nova situación, Raul Castro pregunta “Quere isto dicer que diminuíron os perigos? Non, non nos fagamos ilusións. Cando conmemoramos este medio século de vitorias, imponse a reflexión sobre o futuro, sobre os próximos cincuenta anos que serán tamén de permanente loita” Neste setido, o presidente do Consello de Estado cita a observación de Fidel “a todos, pero especialmente ámocidade, na Universidade de La Habana, o 17 de novembro do 2005: Este país pode autodestruirse por si mesmo; esta Revolución pode destruirse. Os que non poden destruila hoxe son eles; nós si, nós podemos destruila, e sería culpa nosa”.

Perante o risco descrito con claridade por Fidel, o orador pregunta “Cal é a garantía de que non aconteza algo tan terrible para o noso pobo? Como evitar semellante golpe esmagador despois do cal necesitariamos tempo para recuperarnonos e atinxir de novo a vitoria?” Raul Castro responde que os dirixentes futuros non poderán esquecer nunca que a revolución é dos traballadores e para os traballadores e que ninguén pode amolecer “diante dos cantos de serea do inimigo e teñan conciencia de que, este inimigo, pola súa esencia, nunca deixará de ser agresivo, dominante e traizoeiro; que non se aparten xamais desta idea dos nosos obreiros, campesiños e o resto do pobo; que a militancia impida que destrúan o Partido. Aprendamos da historia”.

Se actúan así, contarán sempre co apoio do pobo, mesmo cando se equivoquen en cuestións que non violen principios esenciais, recorda Raul “Pero se os seus actos non estivesen en consonancia con esa conduta -engade a seguir-, non contarán sequer coa forza necesaria nin a oportunidade para rectificar, pois lles faltará a autoridade moral que só outorgan as masas aos que non ceden. Rematarán, se cadra, sendo impotentes ante os perigos externos e internos, e incapaces de preservar a obra froito do sangue e o sacrificio de moitas xeracións de cubanos. E se iso chegase a suceder, ninguén o dubide, o noso pobo saberá dar a pelexa, e na primeira liña estarán os mambises de hoxe, que non se desarmarán ideoloxicamente nin deixará cair a espada”. 

Raúl Castro fixo un canto á heroicidade de Santiago na longa loita pola xustiza e a liberación nacional e simbolizou no militante revolucionario galego-cubano, Frank Pais García “esa disposición ao sacrificio, pureza, valentía, serenidade e amor á patria do noso pobo”.
No final do seu parlamento, Raul fixo tributo ao heroismo popular e rendiu homenaxe a Fidel con estas palabras: “Unha persoas non fai a historia, sabémolo, pero hai homes imprescindibeis, capaces de influír no seu curso de xeito decisivo. Fidel é un deles, ninguén o dubida, nin aínda os seus inimigos máis acérrimos. Dende moi novo fixo seu un pensamento martián: “Toda a gloria do mundo cabe nun gran de millo”. Converteuno en escudo contra o fatuo e o pasaxeiro, na súa principal arma para transformar halagos e honras, por merecidos que fosen, en maior modestia, honradez, vontade de loita e amor pola verdade, que invariablemente situou por riba de todo”.

No epílogo do seu parlamento, Raul Castro leu unhas palabras pronunciadas hai anos no mesmo lugar por Fidel: “Non cremos que todos os problemas se vaian resolver doadamente, sabemos que o camiño está inzado de atrancos, pero nós somos homes de fe, que nos enfrontamos sempre ás grandes dificultades. Poderá estar seguro o pobo dunha cousa, que é que podemos equivocarnos unha e moitas veces, o único que non poderá dicir xamais de nós é que roubamos, que traizoamos. Nunca nos deixaremos arrastrar pola vaidade nin pola ambición, (…) non hai satisfazón nin premio máis grande que cumprir co deber”.

As palabras de Raul foron recibidas con aplausos e vivas en diferentes ocasións por parte do público que enchía a praza.

Medios de comunicación de todo o mundo citaron ampliamente o discurso de Raul Castro e ponderaron as decisivas melloras introducidas en Cuba pola Revolución. A televisión e a radio públicas do Reino de España minorizaron a importante celebración e manipularon as referencias do presidente do Consello de Estado aos retos futuros do socialismo en Cuba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *